jueves, 27 de noviembre de 2008

Espíritus, Lendas, Meigas, Meigallos e demáis carallos

A ver... fai algúns días tiven un pequeno debate "fantasmal-esotérico" cuns amigos do "Centro de desenrolo local". Non é a primeira vez que mantera este tipo de conversas e teño que recoñecer que, cando acompaña a luz do día, son temas que me resultan moi amenos; pola noite a cousa cambia, e algunha que outra vez e escoitando "certas" experiencias, teño que confesar que se me puxo "el ojete" máis fechado có día da miña primeira comunión.

Non sei por qué, cando falo destes temas con amigos da miña idade, todos se apoian na socorrida frase "Eu non creo, aínda que respeto"; pero o certo é que todo o mundo sabe de alguén ou ten un amigo dun amigo que tivo algunha experiencia paranormal, ultrasensorial, extracorporal, espiritual ou simplemente extraña.

En Areas, ó igual que noutros pobos circundantes e en toda Galicia en xeral abundan este tipo de historias: as expresións "Galicia Terra Meiga" e "habelas hailas" dalgunha maneira identifícannos, ademáis contamos nas nosas tradicións cunha morea de ritos que dan fe diso.

Eu, pola miña parte, e aínda que non sofrín ningunha experiencia "...al", subscríbome á frase "Non creo, pero respeto"; polo de pronto sigo tendo medo a pasar por diante do cemiterio de noite e xamáis me atreverei a facer unha "Güija" por moi peido que estea e ganas de mofa que teña.

Outra frase tópica que se adoita oir por estes lares é aquilo de "Cando un está desesperado recorre ó que sexa" e disto aproveítanse moitos persoaxes e "frikis" sen escrúpulos que cun pouco de psicoloxía e sugestión sácanlle as cadelas á xente con "fe" que necesita crer.

Como estamos entre amigos contareivos unha pequena anécdota persoal, que por outra parte é apropiada para este blog, xa que versa sobre unha ponte, concretamente a que (casualidades da vida) mostraba Carlos no "post-bronca" anterior:

Antes de chegar eu a este mundo en crise, a miña nai perdera a dous fillos ó pouco de nacer; así que refuxiándose na máxima de "cando un está desesperado fai o que sexa" e estando en cinta deste calvo servidor, animouse a realizar o rito do bautismo sobre a ponte en cuestión, chamada (como non podía ser doutra maneira) "Ponte das partidas". Debeuno de facer punto por punto, porque agora me atopo aquí redactando esta entrada (que tamén xa era sen tempo, jejeje). Bo... ó mellor saltouse algún que outro paso, porque saín un tanto rariño.

De tódolos xeitos teño unha coñecida, afeccionada a bota-las cartas (algúns din que é moi boa) que me convenceu para que me puxese baixo os influxos dos arcanos maiores e menores e, entre outras cousas que non veñen ao caso, díxome moi categórica ela que a maxia me rodeaba por todas partes. Terei que creela, xa que non me cobrou nin nada e a partires de ese día recibo da sua parte un trato máis cordial; en fin, cousas de meigas.

Como este tema da para largo, noutra ocasión falareivos de algunhas lendas que coñezo, supersticións e experiencias alleas que a min polo menos me resultan moi interesantes. Xa sabedes... "Santa compaña", "petos das animas" e ese tipo de cousas tan divertidas.

miércoles, 26 de noviembre de 2008

Isto é o que hai

Vamos a ver, o anterior post xa me aburre un pouquiño, non en sí polo que escribín, senon porque levo unha semana sen publicar nada distinto, e o peor, é que non se me ocurre nada interesante que poida cadrar no noso blog. Si, "noso", porque somos dous, soamente basta con ver os retratos da marxe esquerda da bitácora. Con todo isto, non lle estou a botar a bronca a Beni (parece ser que ultimamente estou un pouco agresivo), simplemente estoulle recordando que non se esqueza, que isto está un pouco valeiro, e se lle bota de menos. A este blog faille falta ese toque que só sabe darllo el. Ou sexa, que xa sabes, ponte a currar e deixate de chorradas e escusas. (xa ves, dedicaronte unha poesía e todo, iso non llo fan a calquera)

Como me dixeron, máis ben recordoumo Thiago que puxera un post ou algo, pois aquí estou. Cando non sabes que dicir (adoita pasar cando colles un taxi, ou nun ascensor cando coincides con alguén, ou simplemente cando non tes nada que dicir) o normal é falar do tempo. Pois haberá que botar man da solución. Aquí en Areas escomenza a facer algo de frío, supoño que como en tantos lados, pero máis ou menos vaise levando, de momento aínda non neva, bueno, de feito debe levar como uns 15 anos (ou máis) sen facelo, pero xa que temos que aturar o frío, pois uns copiños de neve non viñan nada mal. A verdade que uns copiños, ou copiñas, sempre son de agradecer.


No fútbol sala, vainos bastante ben. Dende a nosa cena de confraternidade non perdemos partido, todo un logro, unha hazaña, a verdade é que só gañamos un e empatamos dous, pero creo que é a racha máis grande que levamos sen perder, iso para nos é moito. Xa temos os rivales tremendo e con medo de enfrentarse a nós. Na clasificación xa vamos novenos e subindo.

En fútbol, xa facía tempo que non falaba do Cultural Areas, caiu derrotado contra o Ourense B, e como poñía no Faro de Vigo, "El Cultural Areas baja de la nube", a verdade que unha aldea como esta tivera o seu equipo lider na Rexional Preferente era moito. Sobre a crónica do partidos dos cadetes que queden de facer, pois ahí tamén me quedo sen palabras, non sei moi ben como redactala, máis que nada porque non fun o partido, e o máis triste é que aínda non sei como quedaron. Terás que perdoarme Mer.

O que si fun a mirar, foi o partido do meu fillo, que xoga no Condado en categoría infantil. Iso sí que foi unha festa, victoria por tres a un, nada máis e nada menos que contra o Celta, o outro equipo meu de toda a vida. Malos tempos para o Celtiña, agardemos que veñan millores.

Vou rematar isto, que máis que tétrico estame a parecer patético, perdoarme, pero algo había que poñer. Polo menos a ver si a foto esta sacada no verán, do noso río Tea o seu paso pola ponte romana das Partidas vos gusta algo máis. Un saúdo a todos.

miércoles, 19 de noviembre de 2008

Rectificar é de sabios

O outro día "o noso amigo Manolo" ("Rico y Santo" na blogosfera), que algunha vez tiña colaborado con nós no blog, botoume unha bronca polo post anterior, decíndome que estaba feito dende a ignorancia, sin ter coñecemento de que ían as cousas. Tamén me dixo que co movimento anticlerical que existe hoxe en día, eu estaba xogando con esa ventaxa, e apúntandome algún punto. Estivo a punto de poñer un comentario dando o seu punto de vista, pero que non quixo poñerme en evidencia. Eu, de feito, xa sabía que non lle ía gustar, e insistinlle en que púxera o comentario, que si me convencía eu rectificaría sin problemas.

O caso é que non puxo comentario ningún, non sei si será porque non me quixo queimar publicamente (que iso facíase noutros tempos), pero deume algunha explicación en privado. Paso a comentar un pouquiño o que me dixo:

Sobre o das veliñas eléctricas, non está feito para recaudar máis cartos, senon para evitar algúns accidentes que houbo antigamente a causa do lume que provocaron as velas(Xa estamos co lume outra vez). Isto sempre según a versión dél. O de "Billetes non" para evitar atrancar a máquina. Xa decía eu que me extrañaba que non os admitisen.

O confesionario-semáforo é un confesionario dobre, ten dous habitáculos, un para o cura e outro para o confesante para preservar a súa intimidade. Claro, para que a xente sepa si hai alguen dentro están as luces, a bermella cando está ocupado e a verde cando está valeiro. Se o cura non está no confesionario, simplemente están as luces apagadas.

O do ordenador e os plasmas, son para dirixir as misas, programan as lecturas e cánticos e van saíndo polos plasmas para que a xente as poida ir seguindo. Tamén me comenta que como fan nos institutos, usannos para dar e seguir conferencias, xa que nesta Igrexa fanse moitas.???

Co da alarma, dígolle que estou de acordo, máximo coa cantidade de rateros que hai. O que non me parece ben é que poñan o letreiro en plena fachada, o lado dese pórtico tan bonito que se ve na foto. Sobráballe sitio para poñelo, ó que él me contesta que é donde máis se mira.

Como di o título deste post e o refrán "Rectificar é de sabios". Eu como non me considero sabio, nin nada parecido, pois a miña rectificación vai ser a medias, o millor un pouco menos da mitade, xa que agora podo entender para que sirven eses aparellos todos, pero sígueme parecendo un luxo. Un auténtico luxo, para unha institución que presume de tantas cousas.

Me parece que non lle vou a sacar o cabreo, se cadra aínda lle vai a gustar menos este post, pero que conste que é unha opinión moi particular miña, e as opinións como outras cousas, cada ún ten a súa.

Que opinades?

sábado, 15 de noviembre de 2008

O Santuario da Franqueira: A austeridade do clero

Fai unhas fechas parte da miña familia foi andando ata o Santuario da Franqueira. Non coincidía coas fechas das romerías que alí se fan, unha a das Pascuillas, que cae sobre Mayo e outra na honra da Virxe en Setembro. Nese día cantidade de xente vai en peregrinación a pé. Dende Ponteareas o percorrido dura entre catro e cinco horas, pero hai quen ven de máis lonxe, Vigo e arredores. Eu fun o mediodía a buscalos co coche (parece que me levou algo menos que esas catro ou cinco horas), chamarédesme vago, pero non podía ese día. Cando sexa a fecha en sí, irei seguro, non polo acto relixioso que iso conmigo casi que non comulga, se non por coñecer o percorrido e ver un pouco a parafernalia que alí se monta. Dixéronme que fan unhas ceremonias moi bonitas entre as distintas comitivas que se achegan coas súas vírxenes e cruces.

Pero hoxe quería comentarvos un pouco algúns detalles que vín na igrexa (moi bonita por certo), pero que me chocaron un pouco. Nestes tempos en que se está poñendo tan de moda a palabra "austeridade", escoitámola en tódolos lados, pois o clero ten instaladas unhas modernidades na igrexa que nin eu no meu salón da casa.



Xa de primeiro é chocante o dos cepillos estes que antes eran de veliñas e prendíanse previo pago dunha limosna, cada un daba o que quería. Pois no, estes modernos, de luceciñas ó introducir a moeda encende as que lle corresponde. Iso sí, non admite billetes, ¡xa era o que faltaba!. Esta historia dos cepillos xa a vira no blog de picota y cepo, donde comenta moitas burradas que se fan coas igrexas románicas e outros feísmos.


O confesionario-semáforo, supoño que terá un pouco de lóxica, cando algún cura estea confesando, estará en verde, e si está durmindo ou descansando dentro estárá bermello.
Estes dous exemplo, dende logo, non os quero para o meu salón da casa, estes seguintes non me importaría nada telos:


Nunha parede do interior, topámonos con este pedazo de televisión de plasma, non entendo o motivo polo que está ahí, xa que a igrexa non é tan grande e está situado a escasos metros do altar. A non ser que a usen para ver algúns partidos ou telenovelas para maior afluencia de xente as misas.


Co reproductor este pasa outro tanto, este debe ser para que o cura mentras da misa poida ver algo, xa que a pantalla está dirixida hacia él.


O máximo, un ordenador en pleno altar, ó lado do púlpito. Se aínda fose na sacristía ou nunha oficina, tería un pase, pero no medio e medio da igrexa, xa me diredes que pinta.


E claro con tantos aparellos dentro, hai que poñerlle unha alarma, e non tiñan millor sitio para poñer este carteliño tan bonito, tan típico de chalés e empresas, que a fachada principal da igrexa. Se o importante debe ser darlle un toque de modernidade.

Pois xa vedes, estes son algúns exemplos da vida austera do clero e achegados.
A próxima entrada da Franqueira, irá sobre outros temas, que hai unhas esculturas de pedra moi fermosas.

lunes, 10 de noviembre de 2008

Unha de fútbol sala

Este sábado pasado non puiden asistir a obra de teatro, xa que tíñamos o partido de futbol sala a mesma hora. Polo que me enterei, a obra estivo bastante ben, aínda que un pouco surealista, parece ser que algunha xente non se enterou moito de que ía a cousa, mentras outros disfrutaron do lindo.

Pois sí, a tempada de futbol sala xa escomenzou. Nun principio era o motivo da existencia deste blog, pero como vades vendo, tentamos publicar máis cousas sobre a parroquia, ou sobre o que se nos ocurra, cousa que creo non nos está saíndo de todo mal.

Pero como o fútbol non o podo deixar de lado, hoxe tócame falar un pouquiño de como nos van as cousas. Escomenzamos como nunca, ganando o primeiro partido, algo que nunca lográramos aínda, pero coa segunda xornada, volta a realidade, derrota por cinco a cero, bueno, coa segunda xornada e coa terceira e coa cuarta, tres derrotas seguidas e o que é peor, sin ser capaces de anotar ningún gol.

A esta situación había que buscarlle unha solución, e cal creedes que foi? Pois nada millor que facer unha xuntanza, para como dín os equipos grandes crear unión no vestuario, un conto chino xa que o importante da farra é pasalo ben, a unión nun equipo pequeno como o noso, xa existe. Quedamos para este sábado despois do partido, e foi revulsivo porque ganamos por dous a cero a un rival directo.

Non teño fotos dos partidos, xa que de momento non me deixan xogar coa cámara, e cando estou no banquillo póñome moi nervioso e nin me acordo. Quero comentar que a media de idade subiu un pouco, isto é debido a dous motivos, o primeiro a que pasou un ano e polo tanto somos un ano máis vellos, e o segundo, a que deixaron a plantilla dous xogadores e fichamos a un "chavalito" de 43 anos, Iglesias, nos seus tempos un moi bó xogador, agora un bó xogador.
Esta é a clasificación actual, pichar nela para vela máis grande:



Logo do partido, a churrascada na casa do noso delegado, momentos que como podedes imaxinar sentan moi ben, co grupo que somos as risas están garantidas. Aquí si que teño fotos, pero despois de velas con máis calma, casi que non as vou a por, os caretos non son moi apropiados, non sei si sería culpa do churrasco ou de que outro motivo, non mo explico, je,je.

A foto que si vou a poñer, porque se empeñou él, é a do irmán do delegado (socio do clube), que marcha este venres a Colombia, non nos aclarou si en viaxe de pracer, de amor ou de traballo. Quixo enseñarnos a súa bolsa de viaxe.

Non vos parece que ten un parecido con Alfredo Landa, nunha das súas películas, cando ía coa súa maleta polos Madriles, como se chamaba? Cachis, non me lembro agora.

viernes, 7 de noviembre de 2008

Comparsa escénica Tea-Tro

Esta semana topeime de casualidade cun menbro do Grupo escénico Tea-Tro, cadrou que viña cun amigo común, o cal ten unha furgoneta, e estaban a descargar os atrezos da obra que van representar este sábado. Mentras tomábamos unha cerveciña, comenteille que lle puxeran un nome moi orixinal o grupo (por Ponteareas pasa o río Tea) e que xa publicara no blog de Areas as actividades do Ciclo Cultural. Os dous que descoñecían que existira tal blog, gustoulles a idea, e alabaronme un pouquiño, (prometeron que lle ían botar unha ollada, a ver si é verdade).

Fernando Pedrido, que o fundador do grupo, ofreceuse a darme a foto do cartel da obra e un pouquiño de información sobre eles, para ver si a podía por no blog. E como no, aparte sabendo que este un blog mundialmente coñecido, voulles facer un pouco de publicidade gratuita.

“Da Vinci levaba razón” estreouse en Bruxelas, baixo a dirección do autor polo Teatro Experimental.
A peza pódese considerar unha comedia negra, aínda que alguén podía tamén calificala de comedia marrón. Os personaxes que Topor nos presenta están atrapados na doble rede da súas propias obsesións e dos convencionalismos sociais o que lles conducen a situacións insólitas.
A trama é unha parodia bufa dos enredos das historias de suspense con abundancia de posibles culpabeis e final sorprendente. O que convirte esta historia en orixinal e hilarante, é a natureza dos actos criminais de que se trata.

O autor da obra é Roland Topor (1938-1997)
Escritor, debuxante e escenógrafo. Estudou Belas Artes e colaborou ca revista satírica Hara-Kiri entre 1961 e 1967. Xunto a Arrabal, Jodorowwsky e Sterbeerg funda o Grupo Pánico, un referente do novo teatro europeo. Foi tamén un destacado escenógrafo e mesmo fixo de actor, aparecendo nas películas Nosferatu e Un amor de Swan.

Reparto:

Atilano - Fernando Pedrido
Pilocha - Aurora Caride
Fina - María dos Anxos Otero
Pío - Guillermo Carballido
Mª Angustias - Esther Montero
Bertín - Fernando Pedrido Mariño (este último xoga no Areas en categoría cadete)


Tea-Tro crease no ano 2003 e propónse manter un traballo constante nas distintas variedades do eido teatral tentando sentar as bases sobre as que se consolide andando os anos unha actividade teatral constante no Concello de Ponteareas.

A ambición de Tea-Tro é doble: formar actores e actrices e formar un púbico teatral. Para eses fines créase grupo de teatro de Tea-Tro, baixo o nome Comparsa escénica
Tea-Tro, é se intenta organizar dende a Asociación obradoiros, encontros, xornadas e festivais teatrais.

A primeira obra montada polo grupo foi “A Pousadeira” de Carlo Goldoni, estreada no Cento Cultural de Xinzo o 27 de Decembro de 2003 e que foi representada en varios sitios da comarca, acudindo á Mostra de Teatro afeccionado de Fornelos da Ribera.

A asociación colabora de forma desinteresada e dende a sua fundación no ano 2003 co IES Val do Tea de Ponteareas desenrolando no curso 2003-2004 unha Aula de teatro con alummnos de 4º da ESO e Bacherelato e con apoio de espacios e recursos humanos do instituto. O resultado desta colaboura foi a montaxe “O xigante don Gandúlfez” que
quedou finalista no concurso Entre Nós convocado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

No curso 2004-2005 Tea-Tro colaborou novamente co Instituto Val do Tea cun Obradoiro de Títeres. Como resultado do Obradoiro montouse a peza ‘Os motivos do Lobo” creación colectiva dos alumnos, que tamén constuiron os títeres. Esta montaxe tamén foi distinguida no concurso Entre Nós, esta vez cun accéssit.
No mesmo curso 2004-2005 colaborou novamente con dito instituto cun Obradoiro de Títeres. Esta vez de fíos rematando o obradoiro coa representación da peza Zaping, creación colectiva dos rapaces participantes no obradoiro.

En 2006 Comparsa Escénica Tea-tro, a compañía de teatro da asociación produce Da Vinci levaba razón, que foi estrenada o 17 de Maio e representada repetidamente.

Queda todo dito, a posta en escena será as 20:30, o problema agora pode ser que con toda esta publicidade, se nos quede o salón de actos un pouco pequeno, jeje.

miércoles, 5 de noviembre de 2008

VI Feira de Outono

Este fin de semana pasado, aparte de ser día de santos e defuntos, noite de Samahín, en Ponterareas celebrouse a VI Feira de outono. Sí, xa vedes, outra feira máis, hai dous meses celebrárase a Feira Tradicional.Esta feira de outono é organizada polo grupo ecoloxista Adenco, a Asociación Cultural Casa da Triga, Galiza Nova, MZN e o Sindicato Labrego Galego. Os postos estiveron abertos ó público o sábado e o domingo, e houbo bastante asistencia. Neles, un podíase atopar productos típicos da estación na que estamos.

De Cotobade viñeron a cociñarnos as filloas a pedra, podíanse provar con azúcar, nata, chocolate, ou o que a ún se lle ocurrise; un stand mostrábanos os productos da horta ecolóxica Veigaverde, hortalizas cultivadas sen ningún tipo de abonos químicos; Artesam viña con figuras feitas en area, ditas figuras son feitas cun sistema arefix único no mundo, según reza a tarxeta que me deixaron; había postos de arte en coiro, tellas decoradas (moi fermosas por certo), venda de chourizos, queixos, salchichons,castañas, noces...; xoguetes de madeira, crebacabezas tamén de madeira, e algún máis que se me esquece. Ata había un posto que viña de Arzúa con unha "galiña piñeira", que dín que é a raza máis antiga de Galicia, e diferenciase das demáis por ter certa capacidade de voo e plumas oscuras para camuflarse no monte.



Noutra carpa a beira desta, aparte de haber actuacións de grupos de gaitas, había dúas exposicións, unha de cogumelos de distintos tipos, que recolleran no sábado a mañán nunha saída guíada dende a Casa da Triga, e poideron degustarse no domingo.



A outra exposición era de bonecas e figuras feitas con productos típicos, onde abundaban os feitos con espigas, carulos, follato e demáis materiais. Estas figuras foron confeccionadas por alumnos do colexio Fermín Bouza Brei. Podovos dicir que foi a parte que máis me gustou da feira.



Esperarei a seguinte, que xa vedes, aquí por feiras que non sexa, e si tedes dous minutiños e un pouco de ganas, podedes dar un paseo virtual pola feira ollando este video.

Bueno, o video teredes que voltar que aínda teño que preparalo.