Non sei por qué, cando falo destes temas con amigos da miña idade, todos se apoian na socorrida frase "Eu non creo, aínda que respeto"; pero o certo é que todo o mundo sabe de alguén ou ten un amigo dun amigo que tivo algunha experiencia paranormal, ultrasensorial, extracorporal, espiritual ou simplemente extraña.
En Areas, ó igual que noutros pobos circundantes e en toda Galicia en xeral abundan este tipo de historias: as expresións "Galicia Terra Meiga" e "habelas hailas" dalgunha maneira identifícannos, ademáis contamos nas nosas tradicións cunha morea de ritos que dan fe diso.
Eu, pola miña parte, e aínda que non sofrín ningunha experiencia "...al", subscríbome á frase "Non creo, pero respeto"; polo de pronto sigo tendo medo a pasar por diante do cemiterio de noite e xamáis me atreverei a facer unha "Güija" por moi peido que estea e ganas de mofa que teña.
Outra frase tópica que se adoita oir por estes lares é aquilo de "Cando un está desesperado recorre ó que sexa" e disto aproveítanse moitos persoaxes e "frikis" sen escrúpulos que cun pouco de psicoloxía e sugestión sácanlle as cadelas á xente con "fe" que necesita crer.
Como estamos entre amigos contareivos unha pequena anécdota persoal, que por outra parte é apropiada para este blog, xa que versa sobre unha ponte, concretamente a que (casualidades da vida) mostraba Carlos no "post-bronca" anterior:
Antes de chegar eu a este mundo en crise, a miña nai perdera a dous fillos ó pouco de nacer; así que refuxiándose na máxima de "cando un está desesperado fai o que sexa" e estando en cinta deste calvo servidor, animouse a realizar o rito do bautismo sobre a ponte en cuestión, chamada (como non podía ser doutra maneira) "Ponte das partidas". Debeuno de facer punto por punto, porque agora me atopo aquí redactando esta entrada (que tamén xa era sen tempo, jejeje). Bo... ó mellor saltouse algún que outro paso, porque saín un tanto rariño.
De tódolos xeitos teño unha coñecida, afeccionada a bota-las cartas (algúns din que é moi boa) que me convenceu para que me puxese baixo os influxos dos arcanos maiores e menores e, entre outras cousas que non veñen ao caso, díxome moi categórica ela que a maxia me rodeaba por todas partes. Terei que creela, xa que non me cobrou nin nada e a partires de ese día recibo da sua parte un trato máis cordial; en fin, cousas de meigas.
Como este tema da para largo, noutra ocasión falareivos de algunhas lendas que coñezo, supersticións e experiencias alleas que a min polo menos me resultan moi interesantes. Xa sabedes... "Santa compaña", "petos das animas" e ese tipo de cousas tan divertidas.