Mostrando entradas con la etiqueta Parroquia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Parroquia. Mostrar todas las entradas

martes, 23 de noviembre de 2010

Fuxo do anaquel

Ola a todos!! Canto tempo... Son o blog Dende Areas cara á ponte, o que, ó parecer, teñen medio abandonado Carlos e Beni. Menudos dous, como se lles ocurre deixarme tirado aquí nunha esquiniña do "anaquel". Por certo, fermosa palabra que non coñecía, pero un comentario da sempre macanuda Zeltia, fixo que investigara. Nos diccionarios en galego non a atopei, si no de castelán. Esta é a definición:

anaquel
.

(Quizá del ár. hisp. manáqil, pl. de manqálah, y este del ár. clás. minqalah, banco, soporte).

1. m. Cada una de las tablas puestas horizontalmente en los muros, o en armarios, alacenas, etc., para colocar sobre ellas libros, piezas de vajilla o cualesquiera otras cosas de uso doméstico o destinadas a la venta.


Non son un libro, nin unha vaixela, nin estou destinado a venta (a ver que iluso me mercaría), polo tanto terei que ser unha "cualesquiera cosa de uso doméstico". Pero aínda así, menudos caraduras, xa lles vale, e sen tan siquera avisar, polo menos para estar preparado. En fin, alá eles.

Agora virán con que non teñen tempo, ou que na xa famosa Areas non pasa nada do outro mundo, e iso e mentira. Dende este currunchiño, teñoos visto como quedan para tomar uns cacharriños e falan do tema, pero sempre din que mañán acordaranse de min. Claro, por un lado Beni di que ten un par de esas ideas tan espléndidas para publicar, pero Carlos dille que lle deixe a el primeiro, e así un polo outro, a casa sen barrer, ou máis ben eu sen actualizar.

Pois nada, que conto eu un pouco o que pasou neste par de meses. Polo de pronto, como sempre no mes de Novembro, estase a celebrar na Casa Cultural de Areas o Mes cultural, coas súas obras de teatro, corais etc. (Xa porei o programa de actos, aínda pendente de escanear por xa sabedes quen)


Dentro destas actuacións, pareceume importante esta aportación da asociación para a difusión do Patrimonio inmaterial A bagaña da Remelisca. Coa aportación de xente da parroquia e arredores, comentaron formas de vivir doutros tempos; Lorenzo falou dos principios do Cultural Areas de fútbol, Concha de como eran as vodas na casa, xa que ela era a encargada de facer a comida nestes banquetes, Felisa das famosas corozas e como se facían, e bastantes mais temas. Polo que escoiten, foron unhas charlas moi agradables, pero como os dous susodichos non foron, non puderon contar nada aquí. Nestes dous enlaces, están unhas entrevistas de fai xa un tempo falando sobre o mesmo.

Tamén aconteceu que xa escomenzou a liga de fútbol sala, e o Areas F.S. volve a competir un aniño mais. Agora un pouco máis rexuvenecido, xa que ficharon un par de rapaces novos. O Carlos aínda segue, debe pensar que aínda é un rapaz, pero xa lle custa de carallo. Van un pouquiño mellor clasificados co ano pasado, nen ben, nin mal. Xa vos imaxinades como acabarían daquela.

Tampouco falaron da Feira tradicional de Ponteareas, nin da propia que se fixo en Areas, donde algúns ían vextidos coma fai 100 anos, esfollaban as espigas e vironse útiles domésticos da época, ó tempo que se degustaba unha boa carne ó caldeiro. Tampouco falaron dos numerosos magostos que se levan feito.

Para o que si tuvo tempo Carlos, foi para ir co seu fillo a Coimbra. E case nada! nin máis nin menos que para ver a U2!! Como a gozaron. Mira que non pudo falar nin nada desa viaxe.



Por outro lado, teño que escusalo un pouco, xa que agora si que anda un pouco máis liadiño. Non se lle ocurre nestes tempos de crise que corren, outra cousa que meterse a empresario.

El sabrá, pero polo que sei, despóis de 20 anos na empresa, ou o agarraba ou pasaba a engordar as listas do paro, e polo que vemos xa son grandes dabondo. Ou sexa que xa sabedes, cando queirades un pedriña calquera, poñervos en contacto con Granitos e mármores Carlos Sousa, que todo o chollo fai falta. (Sei que non lle gusta facer lápidas, pero se hai que facela tamén se fai...) Disto xa intuía algo o visionario Thiago, que nun post falaba do meu negocio, se ben confundiuse de ramo...
O logotipo, como non obra de Beni. O que non faga este... Se alguén le os blog dende un lector de feeds, o Feed Demon agora ten unha versión en castelán e en galego traducidas por el. O entrar na opción de elixir idioma, alí estan as dúas co seu nome Beni Lago (arrumako). O de Arrumako, si que non sei por que será, o mellor un pouquiño cariñosiño de máis...



E así, moitas máis cousas que pasaron, pero espero que con este tironciño de ourellas espabilen algo.

Ata outra.

domingo, 29 de agosto de 2010

IX Edición da Festa do polo á brasa

Como se dunha entrega por fascículos de festas e papatorias se tratara, deixovos aquí a "enésima" festa que organizamos en Areas, a IX edición da Festa do polo á brasa. Como xa dixen anteriormente, esta festa estase a consolidar ano tras ano, e nesta edición volveuse a demostrar. Coma sempre un 10 para a organización, non é fácil poñer a tanta xente a traballar e que todo saia á perfección; e iso para min é un motivo do éxito da festa. Outro motivo moi importante, é o polo asado, que este ano estaba de vivio, a empanada (de polo, claro) e como non... o viño que rulou bastante ben (non é que fixera moitos estragos, ou quizás un chisquiño...).

Aparte da papatoria, tamén se celebra un Festival Folclórico; este ano contaban coas actuacións das Pandereteiras da A. Cultural de Guillade, as Pandereteiras Tolerías da C.C. de Areas, Banda de gaitas Manxadoira de Bueu e o Grupo Folclórico da C. Cultural de Areas. Como sobremesa, e a hora dos chupitos, actuación novamente do grupo Los Pérez, que de trío pasaron xa ser seis compoñentes; estes fan as delicias dos asistentes que teñen ganas de botar uns bailes. Unha das peculiaridades desta festa, e que me parece que vai ser nun futuro parte indispensable dela, é cando Jose, Carlos e Pancho se animan a subir ó escenario a interpretar "A cabritiña". Como segundo ano grabeinos coa miña cámara, e como segundo ano, Jose canta, Pancho anima, e Carlos... Carlos... este ano nin aguantaba o vaso, jeje. Non te me enfades tocaio.

Aquí vos queda o vídeo, que por certo, Jose faime unha publicidade gratuita ó principio, motivo polo que non me quedou máis remedio que publicarlle o vídeo. Sorte nun futuro para este pedazo de trío.


Se alguén quere comprobar os adiantos deste "trío", pode pinchar neste enlace que leva a edición do ano pasado.

Para rematar, no Feisbuc (rede social tan de moda agora, que non teño moita idea de como funciona e para que sirve) xa crearon unha páxina co nome de IX Festa do polo á brasa (como non podía ser doutra maneira). Esta creouna Vane, a filla de Maruja de Justavo, como me dixo ela. Se queredes ver mais fotos e informacion pinchade no enlace:

Facebook. IX Festa do polo á brasa

Estas dúas fotos son "roubadas" de alí. A organización bailando a cabritiña, ese pedazo de reportero que se vé ó fondo, é un servidor inmortalizando o momento. Ainda que sempre estou detrás da cámara algunhas veces tamen saio retratado, menos mal que son poucas veces.


Sobre as catro da tarde é cando lles toca comer ós currantes, merecido o tiñan, xa. E que "juapiños" estan todos tan iguais.


Ide pensando xa na seguinte edición, que de seguro vai durar uns poucos de anos máis.

En fin, con isto remato o meu repaso ás festas da zona, que non todo é troula, aquí tamén traballamos, e que haxa... Pero bueno, xa o dicía a canción:

Vivir en Areas,
que bonito é,
andar de parranda
e durmir de pé.

Ou era noutro lado? Da igual, facemos o que podemos...

martes, 10 de agosto de 2010

A modo de complemento

Ben, xa que o último post de Carlos fai referencia o 25 aniversario da Cultural (o cal non poiden asistir), eu tamén quero poñer o meu graniño de Area subindo unhas "afotos" que conservo nunha carpetiña no portatil. (Tranquilo Carlos, non vou a subir aquela na que ensino o cu, ainda que por outra banda o meu cu xa é bastante coñecido na bisbarra; ...que nadie pense mal, o que acontece é que teño feito algún "calvo" que outro, jejeje ...xa sei o que estás pensando... ¡Nin se che ocurra, vamos!).





Prométovos que o que estou liando non é un pitillo da risa (eu non fumo desas cousas, jejeje), é tabaco de liar do que trae o selo da tabacalera e todo... sae máis barato e últimamente "la cona-mia" non está como para botar foguetes

Xa que estou con fotos, tamén vos quero presentar a meu primo pequerracho que se chama "Artai"... bueno, en realidade é fillo de meu primo (o melenudo que sae na foto) e máis da sua parella que é a moza que está o lado do feo calvo ese (un servidor)... é incrible a sensación de ter unha criatura tan fraxil nas mans, non sabía nin como collela. Espero que a Veki non lle importe que colgue esta foto (non, seguro que lle fará ilusión).

Así tamén de paso fago feliz ó cura que estaba desexando que todos vírades como a pesares de estar na igrexa, non se derrubou nin nada (velaquí a proba).

martes, 3 de agosto de 2010

XXV Aniversario Casa Cultural de Areas

Case nada! 25 anos foron os que cumpriu a "Casa Cultural, Artística e Deportiva de Areas". Se ben é certo que a data exacta é a do 15 de Agosto, foi este domingo pasado cando o celebraron e o fixeron por todo o alto. Coma sempre, nestes casos, non puido faltar a misa parroquial coa homilía do párroco Manuel e constantes recordos ós socios falecidos nestes anos e sobre todo para o primeiro presidente Alvaro Carrera. (Esta parte contáronma, que non "puiden" asistir). A misa foi cantada pola coral Santa María de Areas (Como di Nemesio, un dos seus compoñentes, a mellor coral de Areas, en parte por ser a que hai).

Logo actuacións do Grupo de gaitas e baile de Areas, e das pandereteiras Tolerías, tamén de Areas, que soportaron o calor estoicamente. E dou fe que si facía, que a esa hora do "vermucito" apretaba ben. E para rematar a festa, unha comida campestre no torreiro da igrexa á sombra dunha carpa, non era a sombra dunha carballeira pero aliviaba algo o calor, polo menos ata que chegaron os "chupitos". A comida foi a base de polbo á feira e carne ó caldeiro, e polo que me dixo Julito (que non se perde unha papatoria) había a esgalla, era como o miragre da multiplicación dos peixes...
E para rematar o típico nestes casos, discursos varios do presidente actual, personaxes e políticos asistentes (destes había un feixe deles, non sei por qué...) e máis recordos ós fundadores, e agradecementos ós colaboradores que fan posible que siga funcionando. Se algo botei en falta, foi unha exposición de fotos dos actos que se viñeron facendo nestes anos. Non sei, non é con ánimo de criticar, pero penso que valería moito para recordar esta traxectoria, que 25 anos non se cumpren tódolos días.

Centrándome un pouco na institución en sí, como o seu nome indica "Casa Cultural, Artística e Deportiva de Areas", podo dicir que no referente ó cultural e artístico goza de boa saúde (sempre dentro duns marxes). Hoxe en día efectúanse distintas actividades, como os citados grupos de baile, de pandereteiras e a coral, un grupo playbak, distintos tipos de cursillos, charlas coloquiais e actuacións. No mes de Novembro adoita celebrarse o Mes Cultural. Bótase en falta algún grupo xa desaparecido como o grupo de teatro que o compoñían varios amigos meus. Tamén a directiva organiza a cada vez máis famosa Festa do polo á brasa, que se vai celebrar agora neste mes.

E non meu plan de buscar "peros", teño que buscarllo no tema deportivo. Aquí a saúde, xa non e que sexa mala, máis ben é que non hai ningunha. Hai moitos anos aínda se organizara algún torneo de Fútbol sala, pero agora o deporte que se practica nesta casa como vos mostro nestas dúas fotos, limítase a unhas timbas de tute e fubolín (Na do fubolín, aparecemos Beni máis eu, concentrados vésenos...) Por outra parte, estes deportes practícanse na cantina, a sala máis frecuentada da casa



Habería que considerar a opción de cambiarlle o nome polo de "Casa Cultural, Artística e Gastronómica de Areas". Resultaría máis axeitado, jeje.

Dende aquí quero darlle os meus parabéns, e que sigan a funcionar para chegar ó 50 aniversario.

domingo, 2 de mayo de 2010

O deserto da Picaraña

Onte celebrouse en Ponteareas a Romería da Picaraña. Non puiden asistir, pero imaxínome que ó igual que o ano pasado esta tradición está perdendo moito, e polo que vexo non sei se hai moito interés en recuperala.

Volveron a facer o concerto "Ovopicaraña" na víspera para a xuventude, con acampada. Isto nunha explanada que hai un pouco máis abaixo do monte. No día en sí, creo que fixeron xogos populares, como a chave, o pateiro, etc., unha boa forma de tentar recuperalos. Pero, qué pasou co marco desta festa?

Fai quince días decidimos ir ata a Picaraña a tomar unha fotos, xa que me enterara que cortaran os árboles ó redor da Cruz, e agora había unha boas vistas. Conforme se vai acercando, un vai alucinando pouco a pouco, e ó chegar xa non sabe nin que sentir. Da moita mágoa ver en que estado quedou o monte. Dende a Cruz, ata o outro lado detrás da Capela, está todo rapado, arrasado, asolado; tal cal un deserto.

Hai quen lle ve o lado positivo, coma a comunidade de montes que tomou a decisión. Na Peneira do Condado, entre outras cousa publicaban isto: "... especialmente importante está sendo a rexeneración do espazo coñecido como Cruz da Picaraña, onde se procedeu á eliminación da acacia australiana, especie invasora que degradara de maneira importante o espazo e que impedía o disfrute das vistas que ofrece o mirador natural da Picaraña. As acacias foron sustituidas de forma limitada e controlada por unha repoboación de varios centos de frondosas, entre oliveiras, cerdeiras, castiñeiros, carballos e bidueiros,...".

Visto como o explica o presidente da comunidade de montes, pode chegar a ser convincente. Pode que a acacia fora unha árbore invasora, pero a beleza deste paraxe consistía na cantidade de penedos que ten, e precisamente nestas árbores. Chamarlle tala "limitada e controlada", paréceme unha burla, xa que, como digo, talaron todo. E, pregúntome, esta rapa non podería facerse por fases? E dicir, agora os da Cruz, dentro duns anos a capela, e así ata ter todo repoboado, sen chegar a perecer un deserto. Cántos anos faran falta para recurar a súa beleza?

Non sei, pero a min non me cadra moito. Xa non se trata de recuperar unha romería, que antigamente traía a moita xente, agora o problema é recuperar o paraxe en sí, donde moita xente se acercaba os domingos a dar un paseo. Ó mellor tamén había moitos intereses en facer esta tala, pero iso xa non o sei.

Estas son algunhas mostras do monte este ano e o ano pasado, para que comparades, e a poder ser me digades se mereceu a pena facer este estropicio.









jueves, 11 de marzo de 2010

Fai máis ou menos dous anos

Fai máis ou menos un ano publicaba isto. Daquela viña dicindo que este blog cumpría un ano falando de Areas, Ponteareas, arredores e demáis chorradas que se nos ocurrían.
Agora entón, polo simple feito de pasar un ano, podemos dicir que Dende Areas cara á Ponte cumpre dous anos. (Menudo traballo me levou chegar a esta deducción, de aí que levara dúas semanas sen publicar nada...).

Se no primeiro ano publicara 170 entradas, neste ano quedámonos en 70. Que se tamén lle botamos conta de que antes eramos dous a escribir, e agora soamente un, pois tampouco está tan mal (Se me les, xa sabes Beni, non hai excusas).

Sego a dicir que estou encantado con este invento dos blogs, é outra forma de ler e enterarte de todo tipo de noticias ou divagacións persoais da xente, xente que vas considerando como amigos aínda que non os coñezas, xente que fai que segas adiante co invento, xa que demostra que lle gusta o que fas. En resumen, non é que estea enganchado ó blog, pero sempre estou a barrenar con que poñer.

Neste ano teño escrito sobre temas propios da zona, canastros, cruceiros, carros de bois, o casco vello de Ponteareas (con "v", non con "b") ; de deportes de Areas como a victoria na final de copa do AreasF.S., o ascenso do Cultural Areas a Terceira División Nacional; Festas e romerías, como a da Picaraña, a Festa do polo á brasa, San Benitiño de Angoares; e moitas máis chorradas con maior ou menor importancia.

Grazas a isto dos blogs, disfruten duha fin de semana en Viana do Bolo por mediación de Xulio Couxil e a súa radio e blog "Sempre en Galicia", ó cal coñecín alí (xa sabedes que ainda ten pendente o sorteo dos reloxios). Tamén coñecín fai uns días a Paideleo, todo un veterano nisto, a Brabido xa o coñezo dende hai tempo, jeje; pero sobre todo, grazas a isto doulle máis importancia a algunhas cousas que antes me pasaban máis desapercibidas ou non lle daba tanta importancia.

Como na reportaxe do ano pasado, aquí quedan unhas fotiños publicadas durante este ano:



A ver que lle depara este terceiro ano de vida a este blog, procurarei que chegue a cumprilo. Graciñas a todos por pasarvos.

domingo, 21 de febrero de 2010

Rúas de Ponteareas, onte e hoxe

Logo daquela reportaxe que fixera sobre o calendario deste ano feito polo Concello, prometera tomar unhas fotos dende a perspectiva máis parecida posible, e aquí están. Xa digo, a perspectiva é parecida, un dos problemas foi que non teño suficiente altura para tomalas ben, e tampouco era plan un domingo á mañán andar a timbrar nos portais para que me deixaran tomar unhas fotos. O de sacalas un domingo pola mañán é para evitar a cantidade de trafico que ten Ponteareas, que a veces parece que está un a circular por Vigo. Tamén sei que é un post un poco extenso, pero preferín poñelas todas.

Estas son as comparacións:

Portada do calendario, toma de Ponteareas dende a Nacional 120, antes de cruzar a ponte sobre o Río Tea. Os edificios xa non deixan ver o casco vello, que por certo, tampouco está moi coidado, como xa contara:


Xaneiro. Comenzos do século XX, Nacional 120 ou Rúa Real ou calle dabaixo, como se lle chama popularmente . As casa da dereita aínda están en pe, as da esquerda derubáronas cando ampliaron a estrada. Como curiosidade, daquela facíase a alfombra floral no medio da rúa, os coches non debían ser moitos.


Febreiro.1912, a mesma rúa dende o outro lado. Aquí vese ben o estado das casas da marxe esquerda, case todas están pechadas e a cair.


Marzo. 1950, cruce antiguo de Salvaterra, entre a xa vista Rúa Real e a Rúa dos Ferreiros. Aquí tamén comprobamos que faltan as casas da esquerda. Para ir a Salvaterra había que cruzar o pobo por dentro. Despóis fixeron unha circunvalación, que xa esta chea de edificios e xa non se pode chamar tal, xa que co medrar da vila, está introducida nela. Curiosidade, o guarda de tráfico ou municipal dirixindo o tráfico. A alfombra da Nacional faciáse polas beiras da estrada, deixando o centro para circular os coches. Hoxe en día, loxicamente xa non se fai.


Abril. Mediados do século XX. Praza de Bugallal. Esta toma é dunha parte da praza, a da saída da igrexa. A casa que se ve ó fondo, detrás deses autobuses típicos da época, esta bastante ben restaurada. Este espazo da alfombra está reservado para a Vila da Orotava (Canarias), vila hermanada con Ponteareas, donde fan os seus murais florais o día de Corpus.


Maio. 1952. Praza de Bugallal. Hacia a marxe dereita non había máis vila, agora abriron varias rúas e o pobo estirouse tamén hacia este lado.


Xuño. 1947. Rúa de Oriente. Esta rúa segue a manter case tódalas súas casas, algunha reformadas. O pavimento, despóis de nalgún tempo empichado para circular os coches, agora ten un piso de granito e é semi peatonal, unicamente poden circular os veciños para acceder ós garaxes. Isto é relativo, xa que a veces parece unha autovía. Apréciase que algunhas balconadas seguen sendo as mesmas de ferro forxado.


Xullo. 1949. Praza Maior. A beleza que tiña antes non ten nada que ver coa de agora. A esquerda vese unha fonte e no medio da praza un palco-timplete que desapareceu. Despóis de varias reformas, fai un par de anos fixeron a última. Quedou unha praza grande, pero demasiado postmoderna. O de peatonal, xa se ve que non se lle fai moito caso. A dereita vese a "funeraria moderna Quinteiro", negocio que facía arte funerario, co tempo foi un comercio de roupa e agora unha chocolatería; sempre pertencendo a mesma familia.


Setembro. 1912. Rúa dos Ferreiros. Aquí nos poñen dúas instantáneas da época. Os cambios non son moi significativos pero algún hai. Mágoa é a casona que se ve ó fondo na segunda foto, hoxe está (tamén, e por desgraza) a cair.




Outubro, 1949 e 1951. Rúa Reveriano Soutullo Tamén nos poñen dous exemplos. O primeiro tomado dende o instituto vello hacia arriba. Os cambios aquí son claros, aparte de edificios novos, tamén se aprecia ó fondo, a dereita o muro do Colexio La Inmaculada, máis coñecido como o "as monxas". A segunda foto é dende arriba hacia o instituto.




Novembro. 1939 e 1947. Avda. da Constitución. A primeira tomada denda a Praza da Igrexa hacia o Concello. Máis do mesmo, edificios e sucursales bancarias, esta parece a rúa dos bancos.
A segunda está tomada dende o Concello.




Decembro. 1955. Novamente a Rúa dos Ferreiro. Aquí vese a xente adornando. As fachadas das casas seguen igual e ata a beirarúa da esquerda segue a ser a mesma, de bloques de pedra medio pulidos polo paso dos anos.


E contraportada. Xardíns da Xiralda. Atópanse detrás do Concello, aquí, como en outras, a falta de altura non deixa apreciar as diferencias. Por moitos columpios que haxa, a beleza que tiña antes é moi superior.


Bueno, ata aquí o percorrido por este calendario. Espero que vos gustase.