martes, 12 de agosto de 2008

VII Festa do polo a Brasa

O vindeiro 24 de agosto celébrase a mellor festa gastronómica que temos na parroquia(é a mellor, basicamente porque é a única); trátase da festa do polo, ou como decimos por aquí do "pito asado".

Este ano coincide co día do meu cumpreanos, así que antes de botarlle o dente á miña ración, espetareille trinta e "algunhas" veliñas.

Aínda que non asistín tódolos anos a devandita festa, teño que recoñecer que as veces que acudín, (supoño que como calquera xuntanza con amigos), pasei ratos divertidos. Esperemos que este ano non chova, porque nas derradeiras semanas estamos tendo un tempiño propio do mes de Setembro.

Folga decir que estades todos invitados (pagando cada un a súa ración, iso sí, jeje), de seguro que pasaredes unha tarde agradable de Domingo, nunha paraxe certamente espectacular, como é o parque da "Bouza Vella" en Ganade. A diversión está garantida, para todos menos para os organizadores que lles toca pasar calor o redor das brasas e das 2000 racións de pitos e pitas a espera de ser devorados por outros tantos comensales, que se espera que acudan. Despois sempre podedes darvos un chapuzón nas procelosas (e contaminadas) augas do río Tea, que queda xusto ó lado.

Como xa temos algunha entrada gastronómica, e nas mesmas poñemos a forma de preparar as viandas en cuestión, o polo non ía ser menos:

Cóllese o pito e ponse nas brasas, retírase o pito e ponse nun prato... fin da preparación... ¡Ah, pero antes hai que facer a desagradable tarefa de desprumar os polos e limparlle os cañotos!; tarefa que desempeñan na véspera "abnegados-as" "colaboradores-as".

Xa dende as sete da mañá acéndese a leña de carballo para facer as brasas e métese o polo nun mollo, receita de Nito de covelo (a cada quen o que lle pertence).

... O dito, espero vervos na devandita romaría, que por ter, ata ten dous "grupos musicais" que amenizarán a xornada.

2 comentarios:

paideleo dijo...

Está ben saber da festa anque non creo que vaia.

fgul dijo...

carallo!!! ...que galegos somos. Coido que nunca na miña vida acudín a unha festa gastronómica, mas, para que enganarme... non é a miña intención facelo nun futuro

Unha aperta.