domingo, 14 de julio de 2013

1ª Edición do Rock in Río Tea en Ponteareas


Xa fai unha semana que se celebrou, pero podo dicir que foi todo un exito. Se había dúbidas de como slería a cousa, creo que en todos os niveis saiu perfectamente, o tempo acopañou (o mellor demasiado), o sonido, os grupos, o público... en xeral todo ben.

Abriu o concerto Carro-bois, un grupo a cabalo entre Ponteareas, Mondariz, Fornelos, como din eles, un grupo de parroquias, que se formou pola decada dos 80 e levaban sen tocar 25 anos. Apoiaron á causa e uníronse para o festival, coa ausencia de Fornelos que non poido acudir.

Neste video vemos un par de temas:




Os seguintes en subir ó escenario foron "Perjudicados", e penso que desta volta non o estaban, ou polo menos nese momento... Este é un novo grupo formado en Ponteareas, por uns "rapaces" de corenta e tantos aniños (ou 50!!), que se lles deu un pouco tarde por isto da música, pero que podo dicir que soan ben, van cumprindo, e animan como o que mais. Os seus compoñentes son Fran Rodríguez, José Gallego, Condado, Pepe G. Montero e Julio Mera. Este último gran artífice do evento.

Aquí vai unha mostra:




Seguidamente pasouse a inauguración do Paseo da Fama, e descubriuse unha pedra conmemorativa do acto a cargo de Abel Abreu, productor e técnico de son do xa mítico programa Xabarín Club da TVG e entregouselle un agasallo, un pote da queimada exclusivo do Rock in Río Tea:



Seguinte turno para o grande da noite, O caimán do Rio Tea, un grupo xa consolidado que ten unha gran traxectoria artística, tanto con este nome, como na época que se chamaban "Capitán Furilo". Agora están a celebrar o seu 20 aniversario. Os seus compoñentes son Rafa, Miki, Mon e Óscar T. Estes foron outros que se volcaron coa organización do Rock in Río Tea.

Un par de temas entre eles o famoso "Estou na lavadora":



E chegou o turno para "99cl." outra banda mítica de Ponteareas formada tamén hai 25 anos e que levaban case que outros tantos sen tocar. Foi considerada a máis punk do momento polas suás letras que non deixaban títere con cabeza, dando igual contra quen foran dirixidas. Dous integrantes orixinais do grupo non "poideron" asistir e a Su e Javiño uniuselles Miki e Mon do Caimán do Rio Tea para esta actuación. Teño que dicir que Su, o cantante da banda (que por certo me toca algo na familia), non cabía dentro del, e deuno todo. Creo que foi un dos máis felices da noite.

Video cun par de temas e ollo coa versión de Tequila e o xogo de palabras, "Salva, por la ventana":




E o grupo que cerrou as actuacións, foi Met. As promesas do futuro do rock en Ponteareas. Esta banda está formada por Mateo Goro, Arón Ferreiro, Jacobo Rey, Bastián Carnero, Pablo Novoa e Carli Sousa.. (Este último, xa sabedes, ainda me toca máis na familia). Para min, e para case todos os que asistiron, podo dicir que este Rock in Río Tea valeulles de consagración, xa que aparte de tocar un par de temas propios (nisto deben volcarse no futuro) souberon escoller moi ben as versións que tocaron. Pero sobre todo melloraron na posta en escea, soltándose no esceario realizando un gran fin de festa, un moi bo directo. Podo dicir que xa non son tan futuro, xa poden considerarse presente.

Interpretación do tema Invincible de Muse:



Rematado o concerto, sesión vinvinilo e como non, queimada realizada polo meu amigo Julito. Como pon o Faro de Vigo, "o maestro consagrado".
Un foto de Julio, por certo, felicidades ó fotógrafo:
















Pois isto foi o que deu de si esta primeira edición do Rock in Río Tea. Esperamos que a segunda edición sexa polo menos tan boa como esta.

Maís fotos neste enlace de FacebooK:

https://www.facebook.com/festivalrockinrioteaponteareas/info

domingo, 30 de junio de 2013

Met e a previa do "Rock in Río Tea"


Este venres tivo lugar no JJ copas de Ponteareas un concerto a cargo da banda Met. Xa levan tocado unhas poucas de veces neste pub e a verdade é que cada día melloran máis. Xa os están considerando como os rapaces que veñen avasallando.
Está composto por rapaces entre 16 e 18 anos, os compoñentes son  Arón Ferreiro, Jacobo Rey, Bastián Carnero, Pablo Novoa, Mateo Goro e Carli Sousa. Este último máis coñecido por "Carli Knopfler" pola pasión que ten polo guitarrista dos Dire Straits, pasión que por outra banda lle metín eu ó escoitar conmigo tantas veces a esta banda.

A parte de tocar varias veces no JJ, tamén participaron na últina edición do concurso Liberty Music Play 2013, celebrado no Liberty Pub en Ponteareas quedando clasificados en segunda posición por detrás de "La casa de los ingleses".

Cartel do Rock in Río Tea
O próximo fin de semana terá lugar a primeira edición do festival "Rock in Río Tea", organizada pola Asociación Falcón no Parque da Concordia e no JJ copas en Ponteareas. Agúns membros desta asociación pertencen ó famoso grupo "O caimán do Río Tea" e intentan con esta idea conseguir un festival que continúe nos seguintes anos e se vaia asentando, e a poder ser que vaia indo a máis. Esperemos que teñan sorte.

O programa é o seguinte:
O venres no JJ Somachigun e o 1º concurso guitar interplanetario, o que queira xa sabe, pode acercarse a facer ós seus pinitos coa guitarra en sesión playback.

O sábado, xa no Parque da Concordia, actuación dos seguintes grupos. Carro-Bois, 99 cl., O Caimán do Río Tea, Perjudicados e Met.

Tamén haberá sesión vinilo dj, inauguración do paseo da fama do Rock and Roll e como non... Queimada elaborada polo maestro nestas lides e moi amigo meu Julito.

Xa neste sabado houbo unha actuación previa para patrocinar o evento nas rúas de Ponteareas á hora do vermú, 1 do mediodía. A actuación correu a cargo dos xa mais que nomeados neste blog (pola conta que me ten, claro) Met. Aquí vos deixo unha proba do seu ben facer neste vídeo, interpretando os temas Dolores se llamaba Lola e Sultans of Swing, versión en directo.



E para os que lle guste o deporte, celébrase a 1ª carreira nocturna do Tea organizada polos Taninos Runners Ponteareas.  Como pon o slogan, "Rock e deporte lévanse ben".


Sorte a todos e que saia un Festival redondo.


miércoles, 4 de abril de 2012

Fragas do Eume

Por desgraza, esta semana foron noticia polo incendio que as medio asolou.



Isto segue a ser o mesmo un ano tras outro e ninguén é capaz de poñerlle solucións. Cando non é Ourense é outra parte calquera de Galicia, como foi hai unha semana aquí na zona de Mondariz. E parece ser que da igual, os primeiros días un pouco de escándalo, chamamentos contra todo para que isto non volva a pasar, políticos saíndo na foto, e máis cousas. Pero pasadas unhas semanas xa non se acorda ninguén, os "pirómanos" que dan collido, case saen de rositas e a esperar outo lume que volva a poñernos cabreados. En fin, é unha desgraza pero é así.

Se cadra, nesta ocasión, por tratarse dun parque natural, non queda impune e alguén terá que pagar por esta barbarie. Pero noutras ocasións dalles totalmente igual. Intereses haberá.

Se a isto lle unímos a sequía que estamos a pasar, donde todos estamos a esperar que nos caia a "dichosa" chuvia (paradoxas, mentras en Andalucía e outras rexións choran porque non poden sair coas procesións...) me da que dentro duns aniños esta Galicia perderá este verde que tanto a caracteriza.

Estiven nas Fragas do Eume xa fai bastantes anos e son maravillosas. Daquela non había cámaras destas dixitais, polo que me permitin o luxo de roubar unhas fotos da rede (algunhas ata teñen a firma orixinal) e facer un vídeo . Escollín a canción "Adios ríos, adios fontes" versionado do poema de Rosalía de Castro e cantado por Lucía Pérez. Creo que lle vai moi acorde, so esperemos que non sexa un Adeus a este paraxe

miércoles, 14 de marzo de 2012

Volto con música

Pois si, aquí estou. É que non podía deixar de pasar a ocasión de compartir con quenes me poidan ler, o acontecimento que fun ver este sábado. Fai uns días dixérame Carli, se quería ir a ver ós "Brothers in Band", unha banda que imita ós "Dire Straits". Non os coñecía, rebusquen pola rede e parecéronme moi bos. Eu que sempre fun un fanático dos "daires", ós cales xa vira en directo en Balaidos, alá polo 92 (casi nada, 20 aniños pasaron), apuntenme ó carro e alá fomos cuns compañeiros del.


Teño que recoñecer que ía coas miñas dúbidas, xa que un concerto de rock nun teatro, non me parecía o lugar máis axeitado. Tocaron no Teatro García Barbón de Vigo. Estaba totalmente equivocado, é unha forma perfecta de non perder detalle e disfrutar ó máximo tanto da música coma da posta en escena. Por certo, este teatro é propiedade desa Caixa, ou Banco, ou como se chame que tanto está estafando??

Fixemos algunhas gravacións, donde aparte de disfrutar da música, tamén se poden apreciar algunhas cabeciñas, escoitar alguhas voces e o tremer da cámara.

Este primeiro é o final do mítico tema "Sultans of Swing". Hacia o final aparecen uns primeiros planos do guitarrista e vocalista Oscar Rosende, nos que se aprecian ata que punto clava a Mark Knopfler na súa forma peculiar de tocar a guitarra.


Este outro, tamén é do final do tema "Tunnel of Love". Aquí hai que flipar co teclista, bueno co teclista e con todos.




Xa postos e xa que falo de música, acordádevos daquel rapaz que facía os seus primeiros pinitos coa guitarra? Pois xa leva prosperado un pouco, e xunto cuns amigos van facendo ós seus primeiros concertos. Tocaron nun festival no auditorio de Ponteareas interpretando temas dos Suaves, Metallica, Oasis e Green Day, que é o que aparece neste vídeo.


Bueno, espero que vos gustara. Tentarei recuperar o ritmo de publicacións no blog (mentiroso!!!).

martes, 23 de noviembre de 2010

Fuxo do anaquel

Ola a todos!! Canto tempo... Son o blog Dende Areas cara á ponte, o que, ó parecer, teñen medio abandonado Carlos e Beni. Menudos dous, como se lles ocurre deixarme tirado aquí nunha esquiniña do "anaquel". Por certo, fermosa palabra que non coñecía, pero un comentario da sempre macanuda Zeltia, fixo que investigara. Nos diccionarios en galego non a atopei, si no de castelán. Esta é a definición:

anaquel
.

(Quizá del ár. hisp. manáqil, pl. de manqálah, y este del ár. clás. minqalah, banco, soporte).

1. m. Cada una de las tablas puestas horizontalmente en los muros, o en armarios, alacenas, etc., para colocar sobre ellas libros, piezas de vajilla o cualesquiera otras cosas de uso doméstico o destinadas a la venta.


Non son un libro, nin unha vaixela, nin estou destinado a venta (a ver que iluso me mercaría), polo tanto terei que ser unha "cualesquiera cosa de uso doméstico". Pero aínda así, menudos caraduras, xa lles vale, e sen tan siquera avisar, polo menos para estar preparado. En fin, alá eles.

Agora virán con que non teñen tempo, ou que na xa famosa Areas non pasa nada do outro mundo, e iso e mentira. Dende este currunchiño, teñoos visto como quedan para tomar uns cacharriños e falan do tema, pero sempre din que mañán acordaranse de min. Claro, por un lado Beni di que ten un par de esas ideas tan espléndidas para publicar, pero Carlos dille que lle deixe a el primeiro, e así un polo outro, a casa sen barrer, ou máis ben eu sen actualizar.

Pois nada, que conto eu un pouco o que pasou neste par de meses. Polo de pronto, como sempre no mes de Novembro, estase a celebrar na Casa Cultural de Areas o Mes cultural, coas súas obras de teatro, corais etc. (Xa porei o programa de actos, aínda pendente de escanear por xa sabedes quen)


Dentro destas actuacións, pareceume importante esta aportación da asociación para a difusión do Patrimonio inmaterial A bagaña da Remelisca. Coa aportación de xente da parroquia e arredores, comentaron formas de vivir doutros tempos; Lorenzo falou dos principios do Cultural Areas de fútbol, Concha de como eran as vodas na casa, xa que ela era a encargada de facer a comida nestes banquetes, Felisa das famosas corozas e como se facían, e bastantes mais temas. Polo que escoiten, foron unhas charlas moi agradables, pero como os dous susodichos non foron, non puderon contar nada aquí. Nestes dous enlaces, están unhas entrevistas de fai xa un tempo falando sobre o mesmo.

Tamén aconteceu que xa escomenzou a liga de fútbol sala, e o Areas F.S. volve a competir un aniño mais. Agora un pouco máis rexuvenecido, xa que ficharon un par de rapaces novos. O Carlos aínda segue, debe pensar que aínda é un rapaz, pero xa lle custa de carallo. Van un pouquiño mellor clasificados co ano pasado, nen ben, nin mal. Xa vos imaxinades como acabarían daquela.

Tampouco falaron da Feira tradicional de Ponteareas, nin da propia que se fixo en Areas, donde algúns ían vextidos coma fai 100 anos, esfollaban as espigas e vironse útiles domésticos da época, ó tempo que se degustaba unha boa carne ó caldeiro. Tampouco falaron dos numerosos magostos que se levan feito.

Para o que si tuvo tempo Carlos, foi para ir co seu fillo a Coimbra. E case nada! nin máis nin menos que para ver a U2!! Como a gozaron. Mira que non pudo falar nin nada desa viaxe.



Por outro lado, teño que escusalo un pouco, xa que agora si que anda un pouco máis liadiño. Non se lle ocurre nestes tempos de crise que corren, outra cousa que meterse a empresario.

El sabrá, pero polo que sei, despóis de 20 anos na empresa, ou o agarraba ou pasaba a engordar as listas do paro, e polo que vemos xa son grandes dabondo. Ou sexa que xa sabedes, cando queirades un pedriña calquera, poñervos en contacto con Granitos e mármores Carlos Sousa, que todo o chollo fai falta. (Sei que non lle gusta facer lápidas, pero se hai que facela tamén se fai...) Disto xa intuía algo o visionario Thiago, que nun post falaba do meu negocio, se ben confundiuse de ramo...
O logotipo, como non obra de Beni. O que non faga este... Se alguén le os blog dende un lector de feeds, o Feed Demon agora ten unha versión en castelán e en galego traducidas por el. O entrar na opción de elixir idioma, alí estan as dúas co seu nome Beni Lago (arrumako). O de Arrumako, si que non sei por que será, o mellor un pouquiño cariñosiño de máis...



E así, moitas máis cousas que pasaron, pero espero que con este tironciño de ourellas espabilen algo.

Ata outra.

domingo, 12 de septiembre de 2010

Unha curiosidade dos anuncios

Tivemos esta semana pola parroquia comentarios sobre un anuncio que saía na prensa, na sección de "anuncios breves". A verdade que o anuncio era chocante e bastante propicio a xerar iso, ou sexa comentarios. Era o seguinte:





Non sei que pensaría a tal Lorena esa, pero tiña que estar bastante mosqueada para chegar a eses extremos. A min non me deu por chamar, máis que nada porque a ver que faría eu cunha CBR 600, pero algún chamou e o que se topou foi co teléfono apagado. Chegamos a conclusión de que non regalaba nada, pero o marido fastidiado si que quedaba.

Tres días despóis aparece este outro anuncio:





Pois sería unha broma de mal gusto, pero eu creo que foi máis unha acción sen pensala moito, dunha muller despechada; co conseguinte gasto dos seis ou sete anuncios que tería que pagar ó Faro de Vigo.

Hai xente pa tó!! Supoño que cambiará de número de móbil...

domingo, 29 de agosto de 2010

IX Edición da Festa do polo á brasa

Como se dunha entrega por fascículos de festas e papatorias se tratara, deixovos aquí a "enésima" festa que organizamos en Areas, a IX edición da Festa do polo á brasa. Como xa dixen anteriormente, esta festa estase a consolidar ano tras ano, e nesta edición volveuse a demostrar. Coma sempre un 10 para a organización, non é fácil poñer a tanta xente a traballar e que todo saia á perfección; e iso para min é un motivo do éxito da festa. Outro motivo moi importante, é o polo asado, que este ano estaba de vivio, a empanada (de polo, claro) e como non... o viño que rulou bastante ben (non é que fixera moitos estragos, ou quizás un chisquiño...).

Aparte da papatoria, tamén se celebra un Festival Folclórico; este ano contaban coas actuacións das Pandereteiras da A. Cultural de Guillade, as Pandereteiras Tolerías da C.C. de Areas, Banda de gaitas Manxadoira de Bueu e o Grupo Folclórico da C. Cultural de Areas. Como sobremesa, e a hora dos chupitos, actuación novamente do grupo Los Pérez, que de trío pasaron xa ser seis compoñentes; estes fan as delicias dos asistentes que teñen ganas de botar uns bailes. Unha das peculiaridades desta festa, e que me parece que vai ser nun futuro parte indispensable dela, é cando Jose, Carlos e Pancho se animan a subir ó escenario a interpretar "A cabritiña". Como segundo ano grabeinos coa miña cámara, e como segundo ano, Jose canta, Pancho anima, e Carlos... Carlos... este ano nin aguantaba o vaso, jeje. Non te me enfades tocaio.

Aquí vos queda o vídeo, que por certo, Jose faime unha publicidade gratuita ó principio, motivo polo que non me quedou máis remedio que publicarlle o vídeo. Sorte nun futuro para este pedazo de trío.


Se alguén quere comprobar os adiantos deste "trío", pode pinchar neste enlace que leva a edición do ano pasado.

Para rematar, no Feisbuc (rede social tan de moda agora, que non teño moita idea de como funciona e para que sirve) xa crearon unha páxina co nome de IX Festa do polo á brasa (como non podía ser doutra maneira). Esta creouna Vane, a filla de Maruja de Justavo, como me dixo ela. Se queredes ver mais fotos e informacion pinchade no enlace:

Facebook. IX Festa do polo á brasa

Estas dúas fotos son "roubadas" de alí. A organización bailando a cabritiña, ese pedazo de reportero que se vé ó fondo, é un servidor inmortalizando o momento. Ainda que sempre estou detrás da cámara algunhas veces tamen saio retratado, menos mal que son poucas veces.


Sobre as catro da tarde é cando lles toca comer ós currantes, merecido o tiñan, xa. E que "juapiños" estan todos tan iguais.


Ide pensando xa na seguinte edición, que de seguro vai durar uns poucos de anos máis.

En fin, con isto remato o meu repaso ás festas da zona, que non todo é troula, aquí tamén traballamos, e que haxa... Pero bueno, xa o dicía a canción:

Vivir en Areas,
que bonito é,
andar de parranda
e durmir de pé.

Ou era noutro lado? Da igual, facemos o que podemos...

domingo, 22 de agosto de 2010

Festas de Agosto

Xa a piques de rematar o mes de agosto, quería comentar un pouco o que son as festas pola zona. As que están tan de moda agora son as festas gastonómicas, e aquí temos nada menos que tres. A primeira en celebrarse foi a do Bacalao no parque de San Roque en Ponteareas, organizada por un restaurante da zona coa colaboración do Concello. Esta era a súa quinta edición e polo que escoiten, non se pode dicir que fora un éxito.

A seguinte foi a da cervexa e a sardiña, tamén no parque de San Roque. Esta foi organizada polo equipo de fútbol C.D.Cultural Areas (que compite na terceira división nacional) e era a súa segunda edición. Esta festa ten un fin recaudatorio, xa que o clube ten que sacar diñeiro debaixo das pedras para competir, e para min, cos precios un "pouquiño" desorbitados, pasou con máis pena que gloria, podéndose considerar un auténtico fracaso. Me parece a min que non sei se se chegará a celebrar a terceira edición.

E hoxe domingo ten lugar a IX edición da festa do polo á brasa, que a que podemos considerar a festa gastronómica de Areas, un festa que foi consolidándose ano tras ano, sendo xa unha referencia para a parroquia. Esperemos que hoxe continuen coa racha e repitan os éxitos anteriores.


Pero sen dúbida as festas por excelencia tanto de Areas coma de tódalas parroquias, son as festas patronais. Aquí hónrase a Ascención de Virxe, o 15 de Agosto. A festa non se celebra tódolos anos, isto é debido a que cada ano correspóndelle a un barrio da parroquia organizala, co que se garantiza que durante sete anos non lle volve a repetir ó mesmo barrio e por conseguinte á mesma xente (porque, coma sempre, ó final son sempre os mesmos). O lado negativo desta medida é que hai algúns barrios que xa non se acordan de celebrala. E claro, un 15 de Agosto sen festa non é o mesmo...

O que sempre se celebra son os actos relixiosos, isto é así dende non sei nin cando, os pequenos fan a primeira comunión, sae a procesión coa banda de música, bailan grupos de baile, e tómase o vermú ou a cerveciña na cultural, que na igrexa ese día non cabe un alma, e para iso temos a capela...

O que sí que me choca (ou non) é a cantidade de creentes que hai nese día, xente que en todo o ano non pisa a igrexa e nese día ata van con tempo para coller sitio... e claro, lucindo os mellores traxes e as mellores galas.

A nivel particular, comentar que tiven a primeira comunión de meu afillado. Nin que dicir ten, que intenten entrar na igrexa para tomarlle algunha foto (para outros motivos, xa é sabido que non o adoito facer...), pero foime totalmente imposible.

En fin, que a festa relixiosa segue sendo igual tódolos anos, cambian as xentes pero non as costumes. Para mostra estas dúas fotos con "apenas" 30 ou 40 anos de diferencia:



Este home calvo e esta muller morena (ou rubia) son os meus pais, xa era hora que os mostrara, agora a esperar que nadie llo conte...


Este é o meu afillado Nicolás, vestido como non... de marinerito. Para el foi un día grande. Despóis de comer de restaurante, pola comunión, dediquenme a sacarlle unhas fotos a miña "prinsesita" e a súa nai. Con modelos así e imposible que saian malas fotos (si, si, xa sei que se me cae a baba, é por que non?). Tamén sei que vades a dicir, que sorte que non se parece o pai, e visto así, é verdade, que sorte.

martes, 10 de agosto de 2010

A modo de complemento

Ben, xa que o último post de Carlos fai referencia o 25 aniversario da Cultural (o cal non poiden asistir), eu tamén quero poñer o meu graniño de Area subindo unhas "afotos" que conservo nunha carpetiña no portatil. (Tranquilo Carlos, non vou a subir aquela na que ensino o cu, ainda que por outra banda o meu cu xa é bastante coñecido na bisbarra; ...que nadie pense mal, o que acontece é que teño feito algún "calvo" que outro, jejeje ...xa sei o que estás pensando... ¡Nin se che ocurra, vamos!).





Prométovos que o que estou liando non é un pitillo da risa (eu non fumo desas cousas, jejeje), é tabaco de liar do que trae o selo da tabacalera e todo... sae máis barato e últimamente "la cona-mia" non está como para botar foguetes

Xa que estou con fotos, tamén vos quero presentar a meu primo pequerracho que se chama "Artai"... bueno, en realidade é fillo de meu primo (o melenudo que sae na foto) e máis da sua parella que é a moza que está o lado do feo calvo ese (un servidor)... é incrible a sensación de ter unha criatura tan fraxil nas mans, non sabía nin como collela. Espero que a Veki non lle importe que colgue esta foto (non, seguro que lle fará ilusión).

Así tamén de paso fago feliz ó cura que estaba desexando que todos vírades como a pesares de estar na igrexa, non se derrubou nin nada (velaquí a proba).

martes, 3 de agosto de 2010

XXV Aniversario Casa Cultural de Areas

Case nada! 25 anos foron os que cumpriu a "Casa Cultural, Artística e Deportiva de Areas". Se ben é certo que a data exacta é a do 15 de Agosto, foi este domingo pasado cando o celebraron e o fixeron por todo o alto. Coma sempre, nestes casos, non puido faltar a misa parroquial coa homilía do párroco Manuel e constantes recordos ós socios falecidos nestes anos e sobre todo para o primeiro presidente Alvaro Carrera. (Esta parte contáronma, que non "puiden" asistir). A misa foi cantada pola coral Santa María de Areas (Como di Nemesio, un dos seus compoñentes, a mellor coral de Areas, en parte por ser a que hai).

Logo actuacións do Grupo de gaitas e baile de Areas, e das pandereteiras Tolerías, tamén de Areas, que soportaron o calor estoicamente. E dou fe que si facía, que a esa hora do "vermucito" apretaba ben. E para rematar a festa, unha comida campestre no torreiro da igrexa á sombra dunha carpa, non era a sombra dunha carballeira pero aliviaba algo o calor, polo menos ata que chegaron os "chupitos". A comida foi a base de polbo á feira e carne ó caldeiro, e polo que me dixo Julito (que non se perde unha papatoria) había a esgalla, era como o miragre da multiplicación dos peixes...
E para rematar o típico nestes casos, discursos varios do presidente actual, personaxes e políticos asistentes (destes había un feixe deles, non sei por qué...) e máis recordos ós fundadores, e agradecementos ós colaboradores que fan posible que siga funcionando. Se algo botei en falta, foi unha exposición de fotos dos actos que se viñeron facendo nestes anos. Non sei, non é con ánimo de criticar, pero penso que valería moito para recordar esta traxectoria, que 25 anos non se cumpren tódolos días.

Centrándome un pouco na institución en sí, como o seu nome indica "Casa Cultural, Artística e Deportiva de Areas", podo dicir que no referente ó cultural e artístico goza de boa saúde (sempre dentro duns marxes). Hoxe en día efectúanse distintas actividades, como os citados grupos de baile, de pandereteiras e a coral, un grupo playbak, distintos tipos de cursillos, charlas coloquiais e actuacións. No mes de Novembro adoita celebrarse o Mes Cultural. Bótase en falta algún grupo xa desaparecido como o grupo de teatro que o compoñían varios amigos meus. Tamén a directiva organiza a cada vez máis famosa Festa do polo á brasa, que se vai celebrar agora neste mes.

E non meu plan de buscar "peros", teño que buscarllo no tema deportivo. Aquí a saúde, xa non e que sexa mala, máis ben é que non hai ningunha. Hai moitos anos aínda se organizara algún torneo de Fútbol sala, pero agora o deporte que se practica nesta casa como vos mostro nestas dúas fotos, limítase a unhas timbas de tute e fubolín (Na do fubolín, aparecemos Beni máis eu, concentrados vésenos...) Por outra parte, estes deportes practícanse na cantina, a sala máis frecuentada da casa



Habería que considerar a opción de cambiarlle o nome polo de "Casa Cultural, Artística e Gastronómica de Areas". Resultaría máis axeitado, jeje.

Dende aquí quero darlle os meus parabéns, e que sigan a funcionar para chegar ó 50 aniversario.

martes, 27 de julio de 2010

Refrescándose polo calor II

Estes días de calor abafante, que mellor que pegarse uns "largos" na piscina para refrescar. Grande non será, pero vos podo dicir que refresca de lo lindo e para nós, case que chega.



Hai dous ano puxera algo moi parecido, nesta entrada.

miércoles, 14 de julio de 2010

Vacacións, viaxes, festa e por suposto... fútbol

Vaia mesiño de fútbol!! Para un amante e vicioso deste deporte coma son eu, foi todo unha gozada. Comprendo que a moita xente chegou a aburrirlle, pero penso que mereceu a pena cambiar a forma de pensar e ser un pouco máis optimista, agora xa volven os tempos de falar de política e iso xa me é menos agradable. En fin noraboa ós xogadores españois que demostraron ser un auténtico equipo de fútbol e de amigos. O único pero, foi que non tiveramos ningún galego na selección.

Pero o fútbol non se disputou só a nivel do mundial, a Escola de Fútbol do Condado, seguindo coa súa costume de facer viaxes a final de tempada, disputou un Torneo na vila de Alcochete, ó lado de Lisboa. En anteriores anos xa se desprazaran a Barcelona, Donosti, Santiago e Palencia. Nesta edición participaron dous equipos de rapaces entre os 12 e 15 anos, e tiven a sorte de acudir co como colaborador, axudante, conductor... e o que fixera falta. Nin que dicir cabe, que todo o que sexa ter vacacións e facer algunha viaxe é marabilloso, pero facelo ademáis con este grupo de "trastes" é toda unha experiencia, da que só podo falar en positivo. Falan do excelente compañerismo que existía na selección, e este grupo non se lle quedou atrás, pasamos moi bos momentos, as veces con algunha bronquiña, pero sempre che queda o recordo da bendita inocencia que teñen case todos.

Foron 6 días que pasaron voados entre visitas polas mañáns, partidos pola tarde e as farras na residencia pola noite, donde estes "enanos" non caian durmidos ata as 3 ou 4 da mañán, claro que o día seguinte durmían dabondo nas furgonetas mentras nós tiñamos que conducir, pedazo de "cabritos" que eran!! Xa no primeiro día, gozamos vendo a victoria de España contra Portugal mentras ceabamos no restaurante. Menuda paciencia tiveron os portugueses cos 27 rapaces e 5 adultos que alí berramos, menos mal que recoñeceron a derrota.

Distintas fotos da viaxe:

O grupo diante da Torre de Belén en Lisboa (falta un servidor, que tamén tiña que facer de fotógrafo) e en Óbidos, un pobo cunha fermosa muralla ó redor pola que paseou esta marea "amarilla":


Pedazo de corpos dos nosos monitores na praia fluvial de Alcochete coa ponte Vasco de Gama ó fondo:


Pontes Vasco de Gama e 25 de Abril, a primeira interminable e a segunda moi fermosa pero menudo atasco que nos topamos nela. Ó fondo o Cristo Rei:


Carli, Aleix, Pepe e Jorge nunha foto da futura portada do primeiro disco deste grupo de música que aquí quedou comprometido de facerse nun futuro. A ver se é verdade, polo de pronto portada xa teñen:


Así aparecían polas mañás as literas, convertidas en "bunkers" con seis ou sete rapaces a durmir uns por riba doutros:


Tamén tivemos tempo dir o Zoo, bastante ben coidado donde destacaría sobre todo o espectáculo dos delfíns e leóns marinos. Mención aparte Julio, este moniño que levabamos con nós, que se o ven así facendo monadas acabaría por quedar alí...

E como non!! Non faltou algún momento de relax para tomar unha Sagres, que apetecía con tanto calor. Deportistas si, pero a cerveciña que non falte...


Non podo cerrar este post sen comentar que gañamos as dúas categorías nas que competimos. Os pequenos viñeron arrasando en tódolos partidos, mentras que o dos máis grandes foi toda unha hazaña, unha victoria épica na final. Tras parar o noso porteiro un penalti no último minuto da prorroga, tivemos que ir a tanda de penaltis na que nos impuxemos despóis de lanzar 8 cada equipo. Un momento moi emocionante.

Para remate da tempada, este sábado celebrouse no campo de fútbol de Angoares a cea a base de paella e churrasco, para rematar cun Karaoke, donde se pode dicir que foi unha auténtica festa. Non tiñamos a Reina pero Isaac ós seus 8 ou 9 anos demostrou que pode ser un moi spiker (de aquí non teño fotos).

Tería moitas máis fotos e momentos que contar, pero penso que xa chega, aínda que despóis de tanto tempo sen pasarme por aquí, xa tiña "mono" de escribir. Intentarei que non decaia.

E sobre todo noraboa a Escola de Fútbol do Condado

Por certo, e así con letra pequena, estes non cobraron nada por gañar o campionato, máis ben tiveron que pagar por ir de viaxe. Non pretendía que cobraran, é para recordar que 600.000 € paréceme unha cifra esaxerada e escandalosa.

lunes, 7 de junio de 2010

Reportaxe do Corpus 2010

As festas do Corpus deste ano xa chegaron ó seu fin. Quédanos disfrutar deste luns que é festivo en Ponteareas e teño que recoñecer que fai boa falta. O cansancio acumulado íase notando. En xeral, as festas nesta edición penso que foron todo un éxito, tivo unha gran asistencia de público e o tempo acompañou de marabilla, tanto pola noite coma pola mañán.

Volvo a recordar que é a segunda vez que ten a categoría de interese turístico internacional e isto notouse ó ser a sede para celebrar o III Congreso internacional de arte efímera. Polo tanto, nesta edición da festa, aparte das xa tradicionais alfombras das rúas feitas polos nosos veciños, tamén se confeccionaron alfombras por parte dos participantes neste Congreso. Aí púdose apreciar as distintas formas de confección, sobre todo nos materias usados por estas xentes. A estas diferencias de materiais xa estabamos acostumados pola Vila da Orotava de Tenerife, esta vila leva xa un par de décadas asistindo a Ponteareas a confeccionar ó seu mural. Teñen a costume de usar sobre todo terra do Teide, esta costume fixo que as nosas alfombras fosen copiando a idea, polo que agora xa nos so se usan frores, se non tamén polvillos ou fiuncho triturado, co que teñen máis realismo os debuxos en sí.

Agora ben, o mural da Orotava sempre é expectacular:



Este ano usáronse moito os motivos referentes ó Ano Santo e ó camiño de Santiago, tales como a figura do peregrino, o botafumeiro, ou a cuncha.

Entre os novos alfombristas que acudiron nesta edición, houbo de todo, pero podería destacar tres, a alfombra de Arucas de Gran Canarias, que estaba realizada por sales de cores:


A da Federació Catalana d´ entitats Caltifaires de Caldes Montbui-Barcelona, que combinaba a Sagrada Familia e unha danza da Sardana:


Pero sobre todo a do pobo de Huamantla de México. Esta parecía unha auténtica pintura, moi lograda:



Donde se coloca o cruceiro nunha recreación do monte dos Olivos, tense por tradición colocar uns lagartos arnais, este ano non eran moi grandes pero tiñan moita animación, tanta coma algúns dos compoñentes que ali estaban a mostralos e que nun momento tamen usaba o "monte" para descansar e recuperar as forzas ou recuperar o "equilibrio..."


Logo do paso da procesión e pola tarde tivo lugar o pase de carrozas para os máis pequenos e pola noite o concerto de Amaia Montero, do cal me reservo a miña opinión. Tirada de foguetes de cores e remate de festa cunha orquesta na Praza. O dito, hoxe a recuperar que mañán é día de escola.

Por último, un vídeo para poder apreciar as distintas alfombras, tanto durante a súa construcción como xa realizadas. Espero que vos guste.