viernes, 4 de junio de 2010

Corpus Christi 2010

Este fin de semana celébrase en Ponteareas a festividade do Corpus Christi. Como segundo ano ten a categoría de festa de interese internacional e isto unido ó Ano Santo, fai que se espera con moita espectación. Tamén se celebrou nestes días o III Congreso de internacional de arte efémera, o que asistiron numerosas representación de cidades que teñen como tradición a confección de alfombras florais.
Os municipios españois que participan neste congreso son os de Carrión de los Condes (Palencia); Arucas (Gran Canaria); La Orotava (Tenerife); Castropol (Asturias); Celanova (Ourense) e Caldes de Monbuí (Barcelona). En canto ás delegación estranxeiras participan neste Congreso de Arte Efémera os municipios de Arequipa (Perú); Huamantla (México); Tibet; Mühlenbach (Alemania); Kalsdorf (Alemania); Monçao (Portugal); Antigua (Guatemala); Kobe (Xapón) e Comuni di Noto-Siracusa (Sicilia, Italia). Choca ver sobre todo poboacións como a de Xapón ou do Tibet, se ben estas non teñen carácter relixioso.

Na páxina oficial de Ponteareas, pódense ver as imaxes en tempo real de tres rúas, supoño que se poderá seguir a confección das alfombras ó momento.

En fin, que así con estas levamos 15 días que non paran de asfaltar rúas, pintalas, novos pasos de peóns elevados (que isto é outra...). Visto así debería haber tres ou catro corpus ó ano...

Bueno, despóis dun mes de Maio en plan sabático, no que non me esmeren nada en publicar no blog, e iso que aconteceron cousas que xa contarei máis adiante, espero que este mes de Xuño se me dé por traballar un pouquiño máis.

Por último por hoxe, o que non coñeza a festa recoméndolle que se pode se acerque ata Ponteareas, tanto o sábado á noite como o domingo a mañán. Invítovos a que asistades, o da cervexa ou o viño, falámolo despóis...

domingo, 2 de mayo de 2010

O deserto da Picaraña

Onte celebrouse en Ponteareas a Romería da Picaraña. Non puiden asistir, pero imaxínome que ó igual que o ano pasado esta tradición está perdendo moito, e polo que vexo non sei se hai moito interés en recuperala.

Volveron a facer o concerto "Ovopicaraña" na víspera para a xuventude, con acampada. Isto nunha explanada que hai un pouco máis abaixo do monte. No día en sí, creo que fixeron xogos populares, como a chave, o pateiro, etc., unha boa forma de tentar recuperalos. Pero, qué pasou co marco desta festa?

Fai quince días decidimos ir ata a Picaraña a tomar unha fotos, xa que me enterara que cortaran os árboles ó redor da Cruz, e agora había unha boas vistas. Conforme se vai acercando, un vai alucinando pouco a pouco, e ó chegar xa non sabe nin que sentir. Da moita mágoa ver en que estado quedou o monte. Dende a Cruz, ata o outro lado detrás da Capela, está todo rapado, arrasado, asolado; tal cal un deserto.

Hai quen lle ve o lado positivo, coma a comunidade de montes que tomou a decisión. Na Peneira do Condado, entre outras cousa publicaban isto: "... especialmente importante está sendo a rexeneración do espazo coñecido como Cruz da Picaraña, onde se procedeu á eliminación da acacia australiana, especie invasora que degradara de maneira importante o espazo e que impedía o disfrute das vistas que ofrece o mirador natural da Picaraña. As acacias foron sustituidas de forma limitada e controlada por unha repoboación de varios centos de frondosas, entre oliveiras, cerdeiras, castiñeiros, carballos e bidueiros,...".

Visto como o explica o presidente da comunidade de montes, pode chegar a ser convincente. Pode que a acacia fora unha árbore invasora, pero a beleza deste paraxe consistía na cantidade de penedos que ten, e precisamente nestas árbores. Chamarlle tala "limitada e controlada", paréceme unha burla, xa que, como digo, talaron todo. E, pregúntome, esta rapa non podería facerse por fases? E dicir, agora os da Cruz, dentro duns anos a capela, e así ata ter todo repoboado, sen chegar a perecer un deserto. Cántos anos faran falta para recurar a súa beleza?

Non sei, pero a min non me cadra moito. Xa non se trata de recuperar unha romería, que antigamente traía a moita xente, agora o problema é recuperar o paraxe en sí, donde moita xente se acercaba os domingos a dar un paseo. Ó mellor tamén había moitos intereses en facer esta tala, pero iso xa non o sei.

Estas son algunhas mostras do monte este ano e o ano pasado, para que comparades, e a poder ser me digades se mereceu a pena facer este estropicio.









miércoles, 14 de abril de 2010

Os hiperoartios do Tea... eses chupopteros

Logo dalgúns meses (uns cantos xa, jejeje) sen subir ningún post ó blog e co permiso do meu amigo Carlos, ó que lle prometín que faría polo menos un par de entradas no ano, romperei coa miña sequía bloguerística para compartir convosco unha experiencia.

Fai aproximadamente dous anos, pouco tempo despois de que "Dende Areas cara a Ponte" tomase forma, comentaba nun post algúns detalles dunha das tradicións máis populares desta zona. Digo popular, xa que calquera que nacese en Ponteareas oíu falar algunha vez, ou ata participou na pesca deste feo pero saboroso animal prehistórico.

Gastronómicamente falando hai opinións para tódolos gustos, pero desde moi cativo ó chegar a primavera adoito escoitar comentarios do tipo "...¿Xa provaches a lamprea este ano?...", "...Que na prepara moi ben e Carmiña...", "...Se está ben preparada, son capaz de comer unha lamprea eu só...". O certo é que, aínda que haxa algún polo medio ó que non lle guste, é moi común que polo menos unha vez o ano grupos de amigos se reunan ao redor dunha mesa para degustar esta "delicatesem"; a min persoalmente a parte que máis me gusta é a do "rabo", vai ti a saber porqué será, jejeje.

No post que adiquei anteriormente á Lamprea, xa comentaba que existen varias formas de capturar este animal; pero en Ponteareas o que se estila é construír pontes sobre o río (estacadas), colocar uns potentes focos ó longo déste, e ó chegar a noite comprobar o ben que anda un de puntería, intentando ensartar na "Filga" estes "chupadores" que case sempre remontan o río como proxectís.

Teño que confesar que cos meus "taitantos" anos nunca vira en vivo e en directo ningunha captura. Teoricamente sabía como se facía, claro; pero pensaba que a "Filga" era unha especie de arpón (como unha flechiña); pouco me imaxinaba eu que a "flechiña" en cuestión é unha vara de metal (xeralmente) cunha chea de dentes na punta e que pode ter ata seis metros de lonxitude. Isto foi o primeiro que me sorprendeu cando o meu amigo Jose me invitou a pasar unha noite na Ponte que comparte con Antonio e Oscar. A segunda sorpresa foi descubrir o decepcionante que pode resultar a veces esta tarefa. Aínda que é certo que aquel que se adica a isto faino basicamente por intereses económicos, hai que recoñecer que tamén lle ten que gustar moito esta arte de pesca, para pasarse as noites escudriñando o río cun frío de collóns; para comprobar co paso das horas que o número de capturas non aumenta porque a auga está turbia ou porque as lampreas decidan facerse as remolonas. En certo xeito recórdanme ó "Capitan Acad" cando dicía aquilo de "¡Por alí resopla!". Agora entendo un pouco mellor porqué algúns anos degustar este prato non resulta precisamente "Barato".

Jose comentábame que de cando en vez veñen os garda-ríos a comprobar que todo esté en orde e que os que se atopan na ponte dispoñan dos permisos axeitados. Eu estou moi de acordo en que isto se faga así, xa que a pesar destas medidas hai moito furtivismo (facerse cun posto custa unha pasta), pero creo que deberían poñer o mesmo énfase en controlar os verquidos ilegais que contaminan o río; aínda que supoño que isto é mais complicado que multar ó mozo que, para gañarse unhas cadelas, anda en busca dalgún "cabeiro" (lugar onde desovan finalmente as lampreas).

Dou fe de que este ano non esta sendo unha boa tempada de lampreas, debido fundamentalmente a que as augas están profundas, revoltas e fanganosas (por mor da choiva) e impiden ós "lampreeiros" ver os exemplares dende as súas estacadas, a pesar de tódolos focos que empregan para ilumina-lo río. Certo é que hai pontes con máis fortuna que outras; este traballo, como casi todo na vida, depende en gran medida do azar; neste caso da sorte que se teña no sorteo de postos. Como é lóxico non é o mesmo estar situado na desembocadura do Tea (cando as lampreas comezan a súa remontada), que estar no posto trinta, que dependes da mala visivilidade ou da mala puntería que teñan os situados nas vinte e nove pontes anteriores.



A pesar de que é fea coma un corno, ó principio tiña pensado enfocar este post dende o punto de vista da lamprea, porque ¡hai que ver o que teñen que pasar ó longo da súa vida estes animales! ...e elas como si nada seguen padecendo a súa particular odisea desde fai 350 millóns de anos (que se di pronto... non nacera nin a Duquesa de Alba). Os problemas ós que se enfrontan empezan xa desde que nacen; ó parecer a "lamprea nai" pon uns 250.000 ovos, que son fecundados externamente polo "lampreo" no "cabeiro"; ós 12 ou 14 días eclosionan os ovos e xorden as larvas, éstas entérranse no lodo e alí permanecen, alimentándose por filtración outros catro ou cinco anos. O seu crecemento nesa fase é moi lento (de 7 ou 8 milímetros pasan en cinco anos a só 16 centímetros), ademais están cegas xa que os ollos fórmanselle ó final deste período".

Concluído o longo estado larvario, as lampreas sofren unha rapidísima metamorfose (un proceso que non dura máis de tres ou catro meses), é entón cando o animal desenvolve a súa "boca chupadora" con dentes, para poder succionar . Durante a metamorfose, a lamprea tamén exterioriza os seus ollos, cambia de cor, adquire as súas características manchas e modifica as aberturas dos seus sete pares de branquias, que lle permitirán respirar mentres "chupa" a súa alimentación doutros peixes . É entón cando a lamprea inicia o camiño en busca do mar, no que vive dous ou tres anos alimentándose do sangue de bacalaos, salmóns, reos ou tiburóns; pasa de 16 a 80 ou 90 centímetros de lonxitude. Das 250.000 larvas iniciais, tan só un porcentaxe minimo consegue esta proeza. Finalmente regresa ó río en busca de augas claras e oxigenadas para reproducirse e morrer, e así o ciclo volve a comezar.

Cando remontan o río deben enfrontarse ós pescadores (no miño con pesqueiras e no Tea con Filgas), correntes, encoros, pequenas cascadas, contaminación, furtivos e a depredadores como a nutria. Despois de todas estas vicisitudes non me extraña que acaben feitas unhas "Sílfides"; ó principio da súa volta a casa estan gordas, brandas e fofas de tanto alimentarse sen mover o cu, pero a medida que se achegan ó final da súa singradura poñense duras e "adelgazan unha barbaridade". Así que despois de Semana Santa é cando os exemplares están "moi batidos", o seu sabor é máis intenso e están mellor valorados.

Outra cousa que aprendín cando estiven na estacada con Jose, Antonio e Oscar é que unha vez cravada a lamprea coa Filga (ou Fisga), é necesario desmonta-los dentes désta para libera-lo animal ocasionándolle o menor dano posible (realmente non perde demasiado sangue), inmediatamente despois deposítanas mediante un tubo nunha especie de rede circular e ríxida situada no leito do río, onde a ferida cicatriza ó instante. A Lamprea debe de estar "vivita e coleando" antes de darlle "matarile" para cociñala. É por isto que os pescadores deberan posuír pilóns con auga para mante-las súas capturas vivas ata o momento de ir a cazola.

O certo é que cando pasei a noite con eles na "estacada" non tiveron moita sorte, pero cónstame que coa mellora do tempo a sorte foi cambiando (o luns pasado colleron 21). Espero que consigan moitos exemplares no que resta de tempada e que para o ano me volvan a invitar, xa que para min foi unha bonita experiencia. Se algún de vos aínda non comeu nunca lamprea, anímoo para que o faga, aínda que non a coma enteira (a metade dunha é o propio), tal e como penso facer eu nuns días.



Bueno, espero non tardar outro ano en volver a subir un post, nin precisar doutro tirón de orellas de Carlos para facelo. Mándovos unha aperta a todos, e o dito... a comer lamprea que estamos en tempada e según dicen e moi boa para a líbido.

miércoles, 31 de marzo de 2010

31 de Marzo de 1992

Como me dixo un amigo que xa só me faltaba facer un post sobre o meu coche, pois aquí estou a facerlle caso, que eu son moi mandadiño.

O coche en cuestión é este "forito" que vedes na foto. Tal día coma hoxe, o 31 de Marzo de 1992, un servidor ía buscalo ó concesionario. Despóis de andar cun Fura xa de terceira ou cuarta man, coller este era toda unha gozada. Menudo cambio, como subía Puxeiros (cando se podía pasar de 80) comparado co Fura... Con poucos meses, un viaxiño á Expo de Sevilla, e alí o primeiro toque, ainda por riba déronme por detrás, e como "jode" iso. Ollo, que nadie interprete mal, que xa vos vexo...

Pois así entre "ires e venires" aquí está coa maioría de idade recién cumprida, case nada 18 aniños conmigo. Agora non fai falla dicir que xa non sube Puxeiros a mesma velocidade, nin ten o peito que tiña antes, nin fai aquel sonido tan peculiar senón máis ben chatarrero, que perde aceite (novamente absterse comentarios); pero os anos non perdoan. A ver se aínda me dura uns aniños máis, que a situación non está para moitos cambios.

Curiosamente cumpre anos o mesmo día que este que vos conta aquí diversas chorradas, se ben eu veño cumprindo algúns máis, diremos que 41, e como o ano pasado, de momento segue sen recollerse na google o 31 de Marzo de 1969 como data do meu nacemento. Cada vez quédame menos para facerme famoso, jeje.

miércoles, 17 de marzo de 2010

Marabillas de Galicia

Teño algúns amigos que sempre me andan a bombardear con correos electrónicos, de cachondeo, curiosidades, etc. algúns deles formidables. Entre eles destacaría este que nos mostra paraxes e monumentos de Galicia, cunha lixeira explicación ó pé de cada foto.

Como xa aprendín a subir archivos "pps", e como me dixo alguén no post anterior que son un mestre compartindo, pois aquí volo deixo para que o disfrutedes. Seguramente algúns xa o coñeceredes, pero neste caso permitinme o luxo de poñerlle música, e como no, de Luar na lubre.

Para velo a pantalla completa picade no icono da marxe inferior dereita, o que semella unha pantalla de diapositivas. O vídeo ten un problemilla, o mellor non da moito tempo a ler o texto, pero sempre se pode arranxar picando na pausa, co conseguinte problemilla de que a música tamén se para. Pero bueno, aínda non son perfecto...



O seu autor é un tal "titosvigo", e o pero que lle poño é que o fixera en castelán.

jueves, 11 de marzo de 2010

Fai máis ou menos dous anos

Fai máis ou menos un ano publicaba isto. Daquela viña dicindo que este blog cumpría un ano falando de Areas, Ponteareas, arredores e demáis chorradas que se nos ocurrían.
Agora entón, polo simple feito de pasar un ano, podemos dicir que Dende Areas cara á Ponte cumpre dous anos. (Menudo traballo me levou chegar a esta deducción, de aí que levara dúas semanas sen publicar nada...).

Se no primeiro ano publicara 170 entradas, neste ano quedámonos en 70. Que se tamén lle botamos conta de que antes eramos dous a escribir, e agora soamente un, pois tampouco está tan mal (Se me les, xa sabes Beni, non hai excusas).

Sego a dicir que estou encantado con este invento dos blogs, é outra forma de ler e enterarte de todo tipo de noticias ou divagacións persoais da xente, xente que vas considerando como amigos aínda que non os coñezas, xente que fai que segas adiante co invento, xa que demostra que lle gusta o que fas. En resumen, non é que estea enganchado ó blog, pero sempre estou a barrenar con que poñer.

Neste ano teño escrito sobre temas propios da zona, canastros, cruceiros, carros de bois, o casco vello de Ponteareas (con "v", non con "b") ; de deportes de Areas como a victoria na final de copa do AreasF.S., o ascenso do Cultural Areas a Terceira División Nacional; Festas e romerías, como a da Picaraña, a Festa do polo á brasa, San Benitiño de Angoares; e moitas máis chorradas con maior ou menor importancia.

Grazas a isto dos blogs, disfruten duha fin de semana en Viana do Bolo por mediación de Xulio Couxil e a súa radio e blog "Sempre en Galicia", ó cal coñecín alí (xa sabedes que ainda ten pendente o sorteo dos reloxios). Tamén coñecín fai uns días a Paideleo, todo un veterano nisto, a Brabido xa o coñezo dende hai tempo, jeje; pero sobre todo, grazas a isto doulle máis importancia a algunhas cousas que antes me pasaban máis desapercibidas ou non lle daba tanta importancia.

Como na reportaxe do ano pasado, aquí quedan unhas fotiños publicadas durante este ano:



A ver que lle depara este terceiro ano de vida a este blog, procurarei que chegue a cumprilo. Graciñas a todos por pasarvos.

domingo, 21 de febrero de 2010

Rúas de Ponteareas, onte e hoxe

Logo daquela reportaxe que fixera sobre o calendario deste ano feito polo Concello, prometera tomar unhas fotos dende a perspectiva máis parecida posible, e aquí están. Xa digo, a perspectiva é parecida, un dos problemas foi que non teño suficiente altura para tomalas ben, e tampouco era plan un domingo á mañán andar a timbrar nos portais para que me deixaran tomar unhas fotos. O de sacalas un domingo pola mañán é para evitar a cantidade de trafico que ten Ponteareas, que a veces parece que está un a circular por Vigo. Tamén sei que é un post un poco extenso, pero preferín poñelas todas.

Estas son as comparacións:

Portada do calendario, toma de Ponteareas dende a Nacional 120, antes de cruzar a ponte sobre o Río Tea. Os edificios xa non deixan ver o casco vello, que por certo, tampouco está moi coidado, como xa contara:


Xaneiro. Comenzos do século XX, Nacional 120 ou Rúa Real ou calle dabaixo, como se lle chama popularmente . As casa da dereita aínda están en pe, as da esquerda derubáronas cando ampliaron a estrada. Como curiosidade, daquela facíase a alfombra floral no medio da rúa, os coches non debían ser moitos.


Febreiro.1912, a mesma rúa dende o outro lado. Aquí vese ben o estado das casas da marxe esquerda, case todas están pechadas e a cair.


Marzo. 1950, cruce antiguo de Salvaterra, entre a xa vista Rúa Real e a Rúa dos Ferreiros. Aquí tamén comprobamos que faltan as casas da esquerda. Para ir a Salvaterra había que cruzar o pobo por dentro. Despóis fixeron unha circunvalación, que xa esta chea de edificios e xa non se pode chamar tal, xa que co medrar da vila, está introducida nela. Curiosidade, o guarda de tráfico ou municipal dirixindo o tráfico. A alfombra da Nacional faciáse polas beiras da estrada, deixando o centro para circular os coches. Hoxe en día, loxicamente xa non se fai.


Abril. Mediados do século XX. Praza de Bugallal. Esta toma é dunha parte da praza, a da saída da igrexa. A casa que se ve ó fondo, detrás deses autobuses típicos da época, esta bastante ben restaurada. Este espazo da alfombra está reservado para a Vila da Orotava (Canarias), vila hermanada con Ponteareas, donde fan os seus murais florais o día de Corpus.


Maio. 1952. Praza de Bugallal. Hacia a marxe dereita non había máis vila, agora abriron varias rúas e o pobo estirouse tamén hacia este lado.


Xuño. 1947. Rúa de Oriente. Esta rúa segue a manter case tódalas súas casas, algunha reformadas. O pavimento, despóis de nalgún tempo empichado para circular os coches, agora ten un piso de granito e é semi peatonal, unicamente poden circular os veciños para acceder ós garaxes. Isto é relativo, xa que a veces parece unha autovía. Apréciase que algunhas balconadas seguen sendo as mesmas de ferro forxado.


Xullo. 1949. Praza Maior. A beleza que tiña antes non ten nada que ver coa de agora. A esquerda vese unha fonte e no medio da praza un palco-timplete que desapareceu. Despóis de varias reformas, fai un par de anos fixeron a última. Quedou unha praza grande, pero demasiado postmoderna. O de peatonal, xa se ve que non se lle fai moito caso. A dereita vese a "funeraria moderna Quinteiro", negocio que facía arte funerario, co tempo foi un comercio de roupa e agora unha chocolatería; sempre pertencendo a mesma familia.


Setembro. 1912. Rúa dos Ferreiros. Aquí nos poñen dúas instantáneas da época. Os cambios non son moi significativos pero algún hai. Mágoa é a casona que se ve ó fondo na segunda foto, hoxe está (tamén, e por desgraza) a cair.




Outubro, 1949 e 1951. Rúa Reveriano Soutullo Tamén nos poñen dous exemplos. O primeiro tomado dende o instituto vello hacia arriba. Os cambios aquí son claros, aparte de edificios novos, tamén se aprecia ó fondo, a dereita o muro do Colexio La Inmaculada, máis coñecido como o "as monxas". A segunda foto é dende arriba hacia o instituto.




Novembro. 1939 e 1947. Avda. da Constitución. A primeira tomada denda a Praza da Igrexa hacia o Concello. Máis do mesmo, edificios e sucursales bancarias, esta parece a rúa dos bancos.
A segunda está tomada dende o Concello.




Decembro. 1955. Novamente a Rúa dos Ferreiro. Aquí vese a xente adornando. As fachadas das casas seguen igual e ata a beirarúa da esquerda segue a ser a mesma, de bloques de pedra medio pulidos polo paso dos anos.


E contraportada. Xardíns da Xiralda. Atópanse detrás do Concello, aquí, como en outras, a falta de altura non deixa apreciar as diferencias. Por moitos columpios que haxa, a beleza que tiña antes é moi superior.


Bueno, ata aquí o percorrido por este calendario. Espero que vos gustase.