jueves, 27 de marzo de 2008

Os nosos ríos - A lamprea


Vou a poñer esta entrada baixo a etiqueta de Natureza, pero en realidade tamén a podía poñer baixo a etiqueta de gastronomía, porque é un prato moi apreciado que moita xente acostuma a degustar por esta zona cando chega o seu tempo (entre xaneiro e abril). Non descarto a posibilidade de facer nun futuro un post coa receita da lamprea, pero como é un prato máis ven para especialistas na materia ó mellor e esperar e preguntarlle os que saben a forma de preparala. Polo de agora limitareime a comentarvos algunhas cousas curiosas deste "bicho tan feo".


Primeiro algúns datos técnicos:

A lamprea (Petromyzon marinus), tamén chamada lamprera e chupona, é un peixe agnato (sen mandíbula). Pertence a un grupo evolutivamente moi primitivo e caracterízase pola forma da súa boca en forma de ventosa. Distínguese tamén polos sete buratos branquiais a ámbolos lados do corpo e pola pel moi viscosa, sen escamas.

O seu esqueleto é cartilaxinoso e o seu ciclo vital é anadromo, é dicir: nace nos ríos, medra no mar e regresa ó río para reproducirse, momento no que se captura para o seu consumo.

A lamprea ten un corpo longo de sección circular, serpentiforme, que lembra a unha anguía. Pode alcanzar unha lonxitude de 100-120 cm aínda que o normal é que sexa de 50-60 cm. O peso non adoita supera-los 2-3 kg. A cor é variable aínda que o habitual é que teña o dorso amarelento a pardo verdoso, con manchas claras e escuras irregularmente repartidas. O ventre é de cor clara pero na época de madurez sexual, nos machos presenta cor morada. Carece de escamas.

Posúe dúas aletas dorsais, longas e separadas. A anterior é maior cá posterior e esta contacta coa aleta caudal que é enteira e non lobulada, como é a habitual nos outros peixes.

A boca é ínfera e en forma de ventosa ou funil. Aberta, mostra un elevado número de pequenos dentes córneos dobrados cara dentro. Sérvelles para fixarse a outros peixes e zugárlle-lo sangue, do que se alimenta.

A ámbolos lados do tronco, tralos ollos, mostra sete orificios branquiais. Posúe uns ollos rudimentarios, que se atopan por debaixo da pel, e que carecen de músculos oculares propios.



1.- Narina. 2.- Boca. 3.- Ollo. 4.- Aberturas branquiais. 5.- Tronco, corpo. 6.- Cloaca. 7.- Rabo. 8.- Aleta caudal. 9.- Aleta dorsal posterior. 10.- Aleta dorsal anterior.

As lampreas son parasitas doutros peixes e, esporadicamente, de mamíferos mariños. A súa alimentación é hematófaga, sobre peixes enfermos ou sans, nos que se fixa e fai unha erosión na pel cos seus dentes, para comezar a zugarlle o sangue, outros líquidos biolóxicos e mesmo a carne. Verte sobre a ferida unha substancia anticoagulante que impide que calle o sangue da súa prea. Ocasionalmente tamén se alimenta de carroña.

Hábitat e distribución:

A desova da lamprea prodúcese na primavera, nos cursos medios e altos dos ríos, con augas correntes e ben osixenadas, sobre fondos duros e lisos, onde a lamprea escava un gran foxo, deposita os ovos e cúbreos con pedriñas que transporta coa ventosa da boca. Ó cabo de 10-20 días nacen as larvas, que se denominan ammocoetes, e que carecen de ventosa bucal, alimentándose de detritus e pequenas partículas orgánicas en suspensión que aspira cara a cámara branquial e quedan pegados ó mucus da farinxe. Ó cabo dunha fase larval de 4-5 anos (ata sete anos), xa cuns 10-20 cm de lonxitude, sofren unha metamorfose e convértense en adultos.

Os adultos descenden cara o mar ata o momento en que alcanzan a madurez sexual, ó cabo de 1-2 anos. No mar viven a profundidades de 200 a 500 m e medran ata un tamaño de 80-100 cm de lonxitude (con máximos de 120 cm), comezando entón, entre decembro e abril, a viaxe migratoria cara os ríos, para reproducirse e desovar. Para fecundala, o macho fíxase á femia coa ventosa e enlíase ó redor dela, á vez que a femia se suxeita a unha pedra do fondo. Trala reprodución, morren.

As lampreas están presentes en augas temperadas dos dous hemisferios. Habitan en ríos da maior parte de Europa (Alemania, Bélxica, Dinamarca, Francia, Italia, Portugal, Gran Bretaña). En España tamén era frecuente pero só se mantén en certa abundancia en Galicia, e é moi escasa nos ríos do País Vasco e Cantabria, así como no Guadalquivir, Guadiana e no Ebro. En Galicia seguen estando presentes nos ríos: Miño, Ulla, Tambre, Lérez, Sar, Umia... No rio Tea (en Ponteareas) tamén se adoita coller boas lampreas.

A súa captura:

A pesca da lamprea é pesca de río porque é ahí onde se captura. Para facelo constrúense as chamadas pesqueiras ou pescos, típicas do río Miño, formadas por uns muros que canalizan a corrente cara un punto estreito onde se colocan as nasas lampreeiras, arte de pesca que tamén se emprega para pescar anguías, sábalos, salmóns e outros peixes de río.

Outros nomes desta nasa lampreeira son: abarga, barga, biturón, boitirón, boitrón, buitrón, lampreeira, litrón, nasoura e pesqueira. Tamén se chama lampreeira e pesqueira ó lugar ou sitial onde abundan as lampreas, normalmente construídas nas proximidades de muíños e aceas.

Estas nasas estaban feitas cunha manga externa, máis ou menos longa, que se mantén aberta mediante varios aros de madeira, e outra manga interna, de forma cónica, pechada. O conxunto fíxase ó fondo do río cuns paus que manteñen en pé a arte. Cébase con miñocas ou pan, e hai quen aconsella poñer tamén cascas de ovos, porque disque atraen mellor os peixes.

Nalgúns países, as larvas "ammocoetes" utilizáronse como isca para a pesca.

As "estacadas" do río Tea:

No Miño, parte das lampreas remontan un dos seus tributarios: o río Tea; donde se emprega un método único para a captura da lamprea: "as estacadas" ou "pontes para lamprea".

Son construcións ou empalizadas de madeira que cruzan o río en perpendicular. Constan de varios pilares duns dous metros de alto sobre os que se pousa unha pasarela, onde se colocan os pescadores.

As estacadas máis habituais fanse con pilares de eucalipto ou piñeiro, namentras na actualidade xa hai estacadas metálicas coa innovación do método tipo "ponte elevadizo" mediante poleas.

As lampreas remontan o río pegadas ao fondo, cando pasan por baixo das estacadas os pescadores crávanas coas "fisgas" ou "francadas".

O río está segmentado en "postos de pesca" desde Salvaterra de Miño ata Ponteareas. Ó contrario que nas "pesqueiras", non se explotan por herdanza familiar. Estes postos van a sorteo libre entre aqueles pescadores que os soliciten. O sorteo público realízase a primeiros de xaneiro.

A tempada empeza a mediados ou finais de xaneiro ata o último día de abril. O horario de pesca abarca desde as nove da noite ata as oito da mañá do día seguinte. Os domingos son días inhábiles.

Gastronomía:

O consumo da lamprea vén de vello e xa se cita na gastronomía da antiga Roma. Moi apreciada en Galicia, cómese normalmente á bordolesa, é dicir, cocida no seu propio sangue (con adición de diversos ingredientes), pero tamén en empanada, salgada ou afumada, con leña de carballo (con esta lamprea afumada pode elaborarse un friame moi cotizado). Tamén é moi apreciada en Portugal, onde a forma típica de comela é cocida con arroz ou asada ó espeto.

A mellor época para comela, como xa comentei antes, é entre xaneiro e abril. Chegado este mes xa se reproduciron e están fracas e debilitadas. Como coincide coa chegada do cuco a Galicia, dise neste momento que está cucada.

A lamprea é peixe azul, rico en graxa. A porcentaxe en proteínas é moderada, pero son de alto valor biolóxico. É relativamente rica en vitaminas A e D, como outros peixes graxos, así como en B1 e B2.

Festas gastronómicas:

A máis coñecida é a festa da Lamprea de Arbo, declarada de Interese Turístico e que vai pola 47ª edición (en 2007), pero coñecemos outros lugares que tamén celebran festas gastronómicas de exaltación da lamprea, cociñada directamente ou en empanada.

Pontecesures: Festa da Lamprea. Celébrase desde 1995, o último domingo de abril.
Arbo: Festa da Lamprea. Celébrase desde 1961 o último domingo de abril.
Arbo: Festa da Lamprea Seca. Celébrase desde 1995 o primeiro domingo de xullo.
Padrón: Festa da Empanada de Lamprea. Celébrase desde 1993, coincidindo co sábado santo.
Pontevea, Teo: Festa de Exaltación da Lamprea do Ulla. Celébrase o 1º domingo de maio.

Entradas relacionadas: Fotos de Maximino

5 comentarios:

Anónimo dijo...

O reportaxe estache moi ben, a pena e que non puxeras algunha foto de xente da parroquia que se dedica a capturalas como Maximino por exemplo.

Beni Lago dijo...

Teño que ver se consigo algunha, a ver se o vexo por ahí e ya pido.

Anónimo dijo...

Da repelux soio con mirala..., teía que tapar os ollos para poder degustala..., si mos taparas tí, Beni, tal vez me atrevería. Noraboa po la idea do blog. Miren

Beni Lago dijo...

Gracias Miren por deixar un comentario. Tes razon, eche ben fea, pero perdóase porque a verdade e que ven preparada non sabe tan mal, jejeje.

Un saudiño dende o outro lado da ponte.

淫娃免費視訊聊天室 dijo...

情色視訊
無碼卡通光碟
成人中文a漫卡通
做愛裸聊聊天室
無碼卡通光碟
無碼卡通光碟
情色視訊聊天
偷拍成人網站
免費金瓶梅視訊聊天