viernes, 24 de julio de 2009

Cruceiros de Areas e arredores...

Hoxe quería mostrarvos algúns cruceiros que temos en Areas e nas parroquias veciñas, tema que teño pendente dende fai bastante tempo.

Os cruceiros son uns dos monumentos máis típicos de Galicia e Portugal, atopándoos moito en encrucilladas de camiños, atrios de igrexas ou lugares donde antigamente existían cultos paganos a natureza. As súas orixes remóntanse en torno ó século XIV pero cando máis se construíron foi sobre o século XVII. Normalmente está esculpida en granito, e as súas partes son as seguintes:

-Plataforma de unha ou máis gradas.
-Pedestal, normalmente cuadrangular, liso ou con inscripcións.
-Fuste, pode ser cuadrangular, octogonal ou cilíndrico, liso con diversos motivos, escaleira, caveiras, serpes, "santiños" (esceas do pecado orixinal, etc.)
-Capitel, de complexa e variada composición (volutas, caveiras querubíns alados e outras figuras)
-Cruz, raramente soa, as veces cun Cristo na cara anterior e a imaxe dunha Virxe ou dun santo na cara posterior.

Tamén se poden ver cruces máis sinxelas en portales das casas, muros, canastros...

Despóis desta pequena introducción, aí van algúns dos que temos por aquí:

Este primeiro é o cruceiro da Gándara, que o pobre está medio encasquetado entre unha marquesina, un taboleiro de anuncios e no medio das frores.


Gruceiro de San Brais, coa capela o fondo.


Cruceiro da Igrexa, é o máis grande e importante de Areas, está situado no atrio diante da casa do cura, detrás vese o campanario e a cúpula da igrexa.


Hai bastantes máis, pero penso que non teñen tanto arte como este último, polo que vos enseño outros de parroquias veciñas. Este seguinte pertence a parroquia de Guláns, é o chamado Cruceiro da Barxa. Como peculiaridade ten que a cruz en sí simula unha tallada como se fose de madeira, e está ó lado dun carballo de considerables dimensións.



Tamén ten o seu punto negativo, eses letreiros sinalando o barrio, e sobre todo a forma de colocar ó de madeira,que está suxeto cun aro dun barril que rodea o tronco do carballo como se fose a estrangulalo.


Este outro está na parroquia de San Mateo de Oliveira (parroquia donde vivo aínda que eu considérome de Areas). É de tremenda beleza, e consta de varias figuras como un cristo,unha virxe, un santo e un anxo.



Pero o que leva a palma é o seguinte que é particular. Está colocado enriba do portal dunha casa e foi construído polo Maestro Cerviño, o mesmo que fixo o famoso Cruceiro de Hío. É moi parecido, sempre salvando as distancias. Está situado en Ponteareas, ó lado da estrada nacional, por detrás da calle de Abaixo.


O Cruceiro de Angoares, pois segue como estaba. Despóis de medio ano que o tirara un coche e Patrimonio o levara para restaurar, os veciños aínda non saben nada del. E como xa contara trátase do máis antigo da comarca do Condado.


Estes son algúns exemplos, pero aínda me gardo un (especial para min) para outro día, que ben merece un post para el só.

jueves, 16 de julio de 2009

A Rianxeira

Quen non cantou algunha vez A Rianxeira? Case estaría por asegurar que a maioría dos que me ledes o fixestes algunha vez, ou non?

Pois isto ven ó caso por unha crónica que lin o sábado no Faro de Vigo, firmada por Xoan Xosé Pérez Labaca, veciño de Ponteareas, maestro e agora escritor que se dedica a recopilar tradicións da nosa zona, algunhas case que esquecidas. Esta ía sobre a historia da canción da Rianxeira, e descubrin algunhas cousas sobre ela que non coñecía e vos paso a resumir.

Esta canción, ó contrario do que eu pensaba e creo que bastante xente, non é popular, senón que foi creada en Bos Aires (sabíalo Antón?), fruto da emigración. O seu autor, ou máis ben autores, foron por unha parte Xesús Frieiro Dourado "Pinciñas", que creou un texto a partires das numerosas coplas que existían e se lle cantaban a Virxe da Guadalupe, en Rianxo. Este texto chamábase "Ondiñas da nosa ría". Logo máis tarde, no ano 1947, Anxo Romero Loxo, tamén de Rianxo, compúxolle a música e sería estreada un ano despóis tamén en Bos Aires polo Coro Castelao. Sería gravada polo selo discográfico RCA Victor en Montevideo no ano 1950. Nesa década sería popularizada en Galicia polo coro "Bernardo del Río".

O tema soou por primeira vez en Galicia no balcón do Bar Feliciano de Rianxo pois era o único que tiña gramófono. O disco fora envíado por barco dende Arxentina coa letra orixinal, que é a seguinte:

Moito me gustas rianxeira
que estás eiquí na Arxentina
verche cantar e beilar-e
coma alá na terra miña. (bis)

Ondiñas veñen
ondiñas veñen e van
non te embarques rianxeira
que te vas a marear. (bis)

Que guapa estabas rapaza
cando che vín na ribeira,
tiñal-a cara morena
como a virxe rianxeira. (bis)

Ondiñas veñen...

A virxe de Guadalupe
vai no yate de Baltar,
lévana os rianxeiros
a remolque polo mar. (bis)

Ondiñas veñen...


Co tempo, iría mudando de letra, e nestos tempos son moitas as versións que hai. De feito en Rianxo fai uns anos, fíxose unha exposición sobre o tema e reuníu máis de 50 versións. Se ben a máis coñecida hoxe en día e a seguinte:

A Virxe de Guadalupe
cando vai pola ribeira. (bis)
descalciña pola area
parece unha Rianxeira.(bis)

Ondiñas veñen
ondiñas veñen e van
non te embarques rianxeira
que te vas a marear. (bis)

A Virxe de Guadalupe
cando vai para Rianxo(bis)
a barquiña que a trouxo
era de pao de laranxo (bis)

Ondiñas veñen...

A virxe de Guadalupe
quen a fixo moreniña,(bis)
foi un raiño de sol
que entrou pola ventaniña. (bis)

Ondiñas veñen...


Esta canción pódese considerar unha das máis populares de Galicia, e como tal pódes escoitar en calquera farra, reunión de amigos... pero tamén cántase moito pola xente que está fora independentemente que sexa de Rianxo ou non. De feito é como un himno oficioso noso.

Unha anécdota, cando fomos a Barcelona co equipo de meu fillo, íamos polo centro e cecáis "dando a nota" (eu penso que non), sobre 50 nenos e 10 maiores cantando a Rianxeira, arrimáronse a nos un par de barceloneses a cantala. De feito eran galegos e levaban máis de 50 anos fora, ata se emocionaron un pouco. Penso que si lle pasa iso a xente de aquí cerquiña que lle pode pasar ós que estan en Sudamérica ou noutros sitios lonxanos.

Tamén fala Xoán Xosé, e diso dou fe xa que me lembro perfectamente, que esta canción entrou de cheo na vida do meu Celtiña, xa que cando triunfaba e bordaba o fútbol era coreada en Balaídos de cotío, e chegou a soar nos millores estadios de España e de Europa (caso de Anfield, estadio mítico do Liverpool).

Pero o que eu non sabía era que o motivo polo cal se cantaba nas gradas de Balaidos, era por "culpa" dunha xente de Ponteareas. Con motivo da refundación da Peña Celtista de Ponteareas, os membros repartiron entre os invitados unha letra propia (que se ben descalificaba ós contrarios) que coa música da Rianxeira foi cantada ó final do acto. Tanto lles gustou ós asistentes que decidiron cantala o domingo seguinte na grada de Marcador. Claro, como a música é tan coñecida, o resto dos afeccionados seguírona cantando pero coa letra de sempre, a propia que levaban os ponteareans foi quedando no olvido. O éxito foi tal que se convertíu tamén nunha especie de himno dentro do celtismo.

Agora, teño que recoñecer, que escoitala en Balaídos ben sendo, cando menos, case que un milagre.

Déixovos un vídeo de Youtube dunha farra desas que comenten. Que non se me enfade ninguén, jeje.



A ver, quen foi o que non a cantou nunca?

Xa que isto vai de música da terra, resaltar que este sábado actúa na Praza Maior de Ponteareas, a gaiteira Susana Seivane. Para que logo non me digades que non aviso con tempo.

sábado, 11 de julio de 2009

Un pouco de todo... ou de nada.

Despóis dunha semaniña bastante forte de traballo (cousa de agradecer nestes tempos) e líado cos torneos de fútbol sala de verán nos que estou a participar, pois non tiña moito tempo de escribir para o blog. Outro motivo que me fixo estar un pouco reticente co tema foi a entrada anterior tan etnográfica, e que tanto vos gustou (por certo, agradezo os vosos eloxios). E claro superar a anterior vai ser un pouco difícil, pero vamos alá. Esta non vai ser o caso, pero algunha tamén sairá.

No torneo de Guláns, parroquia veciña de Areas, fixemos un papel acepatable. No último partido da primeira fase, démolo todo pero non puidemos pasar do empate, resultado que non nos permite pasar ás rondas fináis. Outro ano será.

Grazas ó blog do torneo, algunha xente de Gulans coñeceu o meu, e parece ser que lle gustou. A min particularmente, gustáronme os comentarios de "Garganta profunda" (tamén menudo alcume...), que parece ser que se achega ós partidos e veme tódolos días, pero sen darse a coñecer e pagar a cerveciña que me prometeu, jeje. Xa lla tomarei. O máis sorprendente é que non so a mín me ten intrigado senón a toda a parroquia, xa que creou un blog para falar de Guláns, e as suás primeiras entradas están escritas con moito amor e cariño hacia a súa terra. Nun post que publicou, xa mo imaxino emocionado escribindo sobre o tema que trataba. Este post imprimíronno e colocaron no taboleiro de anuncios do torneo, motivo que fai que a xente especule sobre quen carallo é Garganta profunda.



O blog chámase Medialeva Guláns, se podedes botadelle unha ollada, sobre todo os que sexades de aquí, pode chegar a sorprendervos. Eu dende aquí quero animalo a que siga adiante, e non se quede estancado.

Aparte deste torneo, estou a xogar un en Mondariz, este para veteranos de 40 anos para riba, jeje, aquí síntome como un rapaz. Xa non sou dos abueletes. A ver ata donde chegamos, e se me toca xogar contra Gudelj, aquel xogador que admiraba cando xogaba no Celta.

Para rematar quería perdirvos unha opinión. Thiago, este galeguiño afincado en Madrid, que sempre sorprende polos seus post e ocurrencias, explicaba como colocar estes tres enlaces que veñen ó final de cada post. Paréceme interesante, xa que permite ver outros post antigos que quedaran no olvido, e sempre valen para recordalos. En teoría colócaos aleatoriamente segun as etiquetas, o que faría que fosen temas relacionados. Na práctica me parece que non é tan así, pero creo que non está mal. Ou polo contrario é cargar demasiado a páxina? A vos que vos parece?

O que queira instalalo so ten que pinchar en LinkWithin, que aparece debaixo dos enlaces e seguir as instrucción que explicou moi ben Thiaguiño.

viernes, 3 de julio de 2009

Concentración de carros do país

Si, a foto non engaña,trátanse de carros de bois reunidos dende o día de San Xoán. Contrariamente ó que parece, non están aí por conta da trouleada de pillaxe que existe na víspera, senón debido a unha concentración feita para non esquecerse deles e para que os seus donos non os deixen de lado, e os vaian arranxando algo.

Como xa sabedes, nesta data, a xuventude dedicábase a levarlle as cancelas e carros ós veciños. Adoitábanse levar sobre todo para os torreiros da parroquia, e despóis se coincidía ver pasar o paisano con él de volta, as risas xa eran completas.

Como poder recuperar estes carros e velos polas estradas, foi o que duberon pensar os donos da Tapería Os Foxos, situada en Lourido, Salvaterra de Miño. E xa que andaban a argallar a forma de celebrar o seu segundo aniversario, tiveron esta brilante idea.

Organizaron unha especie de concurso, donde quen tivera un carro e quixera, podía levalo ata a tapería, e alí estarían expostos ata o día de San Pedro (outra data na que existe dita tradición). Un xurado escollería os tres carros que estivesen en millor estado. Os premios serían tres ceas valoradas en 200 Euros, 100 e 50, según o posto acadado.

Para ser o primeiro ano que se fai, a participación non dubo estar nada mal xa que xuntaron máis de 20 carros, tanto de bois como de vacas, e alguén truxo o seu cargado cos útiles de labranza antigos, estes que agora, ou están a pudrirse en calquera esquina ou se usan para adornar xardíns.

Eu acerqueime o domingo a botarlle unha ollada e sacarlle unhas fotiños, e claro, non todos estaban no mesmo estado. Para o ano seguramente, se a volven a facer, o número medrará, e tentarán arranxalos un pouco máis, que unha cea tamén vale a pena.





O feito de velos rodar pola carretera, supoño que non se vería, xa que ante a escasez de bois e vacas(se é que aínda queda algún), me supoño que os carros levaríanos nalgún remolque tirado por un coche, que tampouco é plan que o dono fora cangado con el as costas.