jueves, 30 de abril de 2009

A Romería da Picaraña

Xa falara fai tempo no post "Ruta dos Penedos" do monte da Picaraña, pero a cuestión de repetir tema ven dada porque este venres, festivo nacional, celébrase na súa cume a romería na honra da Santa Cruz, popularmente coñecida como romería da Picaraña.

No tema puramente relixioso, consistía na veneración da Santa Cruz. Pola mañan cedo, saían varias comitivas de distintas igrexas de Ponteareas e outros concellos cercanos, encabezadas polas súas correspondentes cruces e dirixíanse a pe hacia dito monte, para toparse na capela que alí existe (chamada, como non podía ser doutra forma, Capela da Santa Cruz). Alí sobre as doce do mediodía, tiñan lugar unhas reverencias entre as distintas cruces, e permanecían alí ata a tardiña, que era cando voltaban para as súas respectivas parroquias.

Pero a xente acudía alí en bastante número, máis ben a pasar un día de festa. Chegaban cargados con cestas cheas de empanadas, tortillas, e outros alimentos, e tamén como non, cos garrafóns de viño e as botellas de augardente, que xa se sabe, a festa sen viño, como que mitade de festa. Os máis privilexiados, ou máis madrugadores, conseguían atopar algunha das poucas mesas de pedra que ten o monte. O resto levaba a súa mantiña e mantel, e buscaba un sitio maís ou menos dereito para sentarse a comer no chan. Daquela as mesas plegables eran un artículo de luxo. Despóis da comida, unhas lareadas entre as distintas familias, unhas copichuelas, unhas partidas de cartas ou botar unha sestiña eran costumes típicas, había que aproveitar o tempo. Lémbrome de pequeno ir cos meus pais, e mentras eles tiñan a súas sobremesas (máis ben sobre mantéis) os rapaces dedicabámonos a brincar por alí e subir os penedos, como se fósemos uns aventureiros.

Tamén había quen xa ía de vispera, sobre todo a mocedade. Facían unhas chozas entre piñeiros e penedos, e durmían alí, ou iso decíase, porque de durmir, máis ben pouco. Xa se sabe.

Eu fun bastantes veces a pe coa pandilla. Era un día que esperabas con moita ilusión, e facías plans durante uns días antes. Xa subindo (que aínda hai que subir), botabas unhas risas, pero o millor viña estando na festa, a veces tíñamos que emparar de algún da pandilla para que non caíra a revolos (efectos colateráis da "comida"). E logo baixar cara a casa, todos feitiños unhas piltrafas, menos mal que o baixar tódolos santos axudan.

Agora os tempos van cambiando, xa non sei se subirán a mesma cantidade de cruces, supoño que non. Pero no que máis se nota o cambio e na xente que vai a festa. Agora xa non vai tanta xente maior como antes, está todo máis ocupado pola mocedade. Prohibiron a acampada no monte, pero habilitaron unha esplanada que debe estar a uns cen metros da cume, para facelo na víspera. Para máis sorte, este ano ata haberá un concerto a cargo de catro grupos de Rock, e varios Disjeis (ou como se escriba). Ou sexa que o macrobotellón na Piacaraña está garantido, o bo é que a poucos veciños poden molestar. No día seguinte, xa non sei...

Esta é a única foto que teño, a ver se mañan, subo ata o monte e saco algunhas, (subirei en coche)

ACTUALIZACIÓN

Como dixen, hoxe subín ata o monte para sacar as fotiños prometidas, e por desgraza, as miñas sospeitas cumpríronse. O ritual das cruces xa non se debe facer, xa que soamentes había unha na capela, e unhas 20 ou 30 persoas na misa. Algo que relativamente non é que me preocupe moito, pero algo quererá dicir.

O que si é chocante, é ver a pouca afluencia de xente, como pudo ir caíndo así unha festa tan tradicional. Na esplanada que comenten onte, instalaraon varios postos, un bar, un pulpeiro, venta de rosquillas... que me parece que non van facer moita venta. Aí é donde se atopa a mocedade de camping e algunhas familias preparándose para comer. Pero enriba é lamentable, pouco máis parece un domingo calquera do ano. Topeime con algún coñecido da miña época, e concidimos no mesmo, da pena ver todo tan valeiro, ata as mesas estaban desocupadas. E así entre comentarios, "Te acordas cando isto estaba a tope..." ou "E cando quedabas sen comida ou bebida, ías onde fulanito que sempre se poñía naquela esquina, e nos invitaba...", pois así pasoume a mañán e voltei para casa (en coche tamén, claro).

Aquí vos quedan algunhas fotos:





martes, 28 de abril de 2009

Un premio!!



Pois sí, xa teño un premio, sempre é unha alegría recibilos, ou debe ser xa que este é o primeiro que consigo. Bueno sen contar o de "Unha vez lin un libro", que ese gañendo por méritos propios, aínda que fose facendo algunha trampiña.

Quen mo otorga é a miña amiga Hadex, a cal sigo a menudo tanto no seu blog Ad Lucum Augusti, como no reciente que creou O cubil do lobo. Neste último móstranos fotos de mascotas, paisaxes, fauna,... Está interesante, botádelle unha ollada, e se podedes, colaborar con ela envíandolle algunhas fotiños.

O principio tiven as miñas dúbidas se publicalo ou non, por aquilo que conleva isto dos premios e os memes, pero ó final decidín facelo. Xa me enterei que o premio saltou ó outro lado do charco, alá por Sudamérica, pero outra razón é que Hadex concedeullo a un blog altamente coñecido por mín, e xa que o creador dese blog se ríe cando teño que baixar da bicicleta nunha costeira, non quero que me vacile porque ten máis premios ca min, jeje. Así que alá vou.

Para ter dereito a el, teño que seguir as seguintes normas:

-- Exhibir a imaxe do premio “Olha que blog Maneiro”.
-- Exhibir o nome do blogue que concedeu o premio.
-- Indicar outros 10 blogues propostos para seren maneiros.
-- Comunicar o premio aos blogues seleccionados.
-- Publicar as regras.
-- Comprobar que os blogues premiados seguen as normas.

Me parece que non as vou a cumprir todas, pero outra trampiña tamén se me admite, non? O problema é nomear a outros 10 blogs, a maioría dos coñecidos xa están escollidos, así que llo concedo a, Barreira, Lúa, Mer, Vintxuca e o meu veciño de Areas Brabido.Polos menos cumpro coa mitade do punto.

miércoles, 22 de abril de 2009

Casco vello de Ponteareas.

Seguindo coa miña idea de mostrarvos cousas da miña aldea e do meu pobo, hoxe vouvos a enseñar unha zona da que normalmente debían estar orgullosos tódolos pobos, ou case todos. Estoume a referir ós cascos vellos ou antigos, que sempre dan un toque de beleza ante as construccións modernas. Non é o caso de Ponteareas, que polo que podedes ver está un pouco abandoado e nun estado ruinoso.

O casco vello non é que sexa moi grande, ven ocupando a estrada nacional ou calle de abaixo, como se lle chama normalmente, e os arredores da Praza Maior e da Igrexa. Nestas dúas prazas a maioría destas casas antigas xa desapareceron fai tempo para deixar sitio a edificios sen xeito.

Esta que vedes na foto está ubicada na esquina entre a rúa dos ferreiros e a baixada a San Roque. Nos seus tempos tivo que ser un caserío, as vidrieras, ou o que queda dela, dan mostra da beleza que tivo.

As escaleiras de San Gregorio, son as que unen a calle de abaixo coa Praza Maior, nela e nos canexóns do lado, e donde están os casos máis sangrantes. Moitas delas xa sen tellado, outras coas paredes a caír, a auga da choiva pudrindo os pisos e as vigas de madeira. Algunhas se non botan man de arranxalas, en cuestión dun par de aniños xa as teremos no chan, como lle pasou a unha que ardeu neste inverno. Ó final aproveitaron para derruíla.

Menos mal que para esta casa da seguinte foto, unha inmobiliaria parece que lle topou salvación. Si señor, o letreiro o dice todo. Se alguén ten uns "farelos" aforrados e gañas de arriscar, xa o sabe, aquí ten unha boa oportunidade de abrir un negocio, e de paso contribue a millorar o casco. Milloralo ou empeoralo, que arredor das discotecas xa se sabe...



Como non podo poñer todalas fotos para que vexades o seu estado, fixen este vídeo ou pase de diapositivas. A música o millor non é moi apropiada, igual lle tiña que haber posto algo máis fúnebre para que cadrara, pero esta gústame particularmente. O tema chámase Jotabé de Susana Seivane.

Se podedes botádelle unha ollada, dura pouco máis de dous minutos, xa me contaredes.

video

viernes, 17 de abril de 2009

Montes de Areas



Nesta pasada ponte da Semana Santa, decidinme a coller a bicicleta e ir co meu fillo a dar unha volta. Tíñamo pedido tantas veces como largas lle tiña dado, así que desta volta non puiden fallarlle, e ala fomos os dous.

Non fomos por unha ruta de asfalto, senón que decidimos tirar polo monte comunal que hai por riba do barrio de Agualevada e vai dar o barrio de Ganade. Esta idea foi por dous motivos; ir tranquilamente por camiños sen perigos e pudendo botar a lingua fora sen que nadie me mirara, e o segundo ver en que estado estaban aquelas pistas que facía anos que non pisaba. Para iso leven a miña cámara, a ver se xurdía algo interesante que plasmar.

Así que deixamos atrás a última casa, e xiramos a dereita onde empeza o camiño, pensei que me daba algo, topeime cunha costeira que parecía unha parede, dalle a baixar piñóns e o final o que tiven que baixar fun eu. Menuda vergoña, meu fillo escarallábase de risa. "Si tampouco é tanto" decíame él, mentras eu malamente lle podía contestar "A falta de costume de andar en bici, isto non é como o fútbol..." (Por non botarlle a culpa a outras cousas como a idade). Despóis desa primera costeira o camiño suavizouse un pouco, e xa fomos máis tranquilamente. Tentei buscar o campo de fútbol do Pardiguel, un campo que había antes de que construiran o da Lomba, e aínda botou uns anos para brincar os rapaces e botar partidos entre parroquias. Ó final quedou abandonado e dubo desaparecer. Non fun quen de topalo. Seguimos hacia a Cabada do Frade.




Nun cruce de varios camiños está esta pedra que sinala, ó parecer, o sitio onde morreu o tal frade, que lle da nome ós montes de ó redor. Tiña oído hai tempo a historia deste frade, pero agora tampouco me lembro (voltaremos botarlle a culpa a idade).



No seguinte cruce de camiños topámosnos con este monstruo de "cruceiro", por chamarlle así. Antigamente existira no lugar un cruceiro propiamente dito, pero fora destruído ou alagado. A Comunidade de Montes decidiu poñer un no sitio do anterior, e esta foi a burrada que se lles ocurríu. Grande si que é, e feo tamén, non ten xeito nin dereito.



Para máis desgraza, ou metedura de pata, aínda lle puxeron esta "lapidiña" conmemorando a súa hazaña.



O que máis me gustou desta pequena ruta, foi este exemplar de piñeiro, a beira do camiño, que saltandose as leis da natureza, decidíu darse un garbeos na súa infancia, para logo medrar dereito hacia ó ceo. Xa vemos que en todalas especies, sempre hai algún exemplar retorcido, aínda que polo menos despóis endereite o seu camiño (en resumen, vaia ó rego).

Rematamos voltando para a casa despóis dunha horiña de bici. Agora prometinlle que a seguinte sería un pouco máis longa, pero terei que ir primeiro co coche a inspeccionar a ruta. Non quero máis paredes desas.

martes, 14 de abril de 2009

Inauguracións

Fai algo máis dunha semana estivemos de inauguracións en Ponteareas. Debido a que non tiven moito tempo estes días para publicar nada, hoxe decidinme a falar deste tema e antes busquei un pouco polos titulares da prensa dixital a ver que falaban do tema, por aquilo de non copiar. Chocoume este titular: "Ponteareas inaugura novos parques infantís para os nenos ponteareáns e unha glorieta luminosa para os adultos" O dos parques, sendo infantís xa se supón que será para os nenos, pero o da glorieta luminosa que sexa para os adultos, aí xa me descoloca un pouco, xa que penso que é unha glorieta para axilizar o tráfico e pode ser "admirada" tanto por adultos como por menores. Iso si, tendo coidado os conductores, non vaia selo caso.

Esta é a obra en si, a foto non é de moita calidade, pero tampouco hai moito máis do que se ve nela. Xa facía moito tempo que andaba con ganas de sacarlle unha foto, xa que leva a glorieta do Axente Comercial, que é como se chama a retonda, case que dous anos valada co letreiro de "próxima construcción Fonte Luminosa... custe da obra 60.100 Euros".Por uns motivos, por outros ou por preguiza perdín a oportunidade e en cuestión dun mes ou así realizaron a obra, escomenzando a funcionar o 2 de Abril, cando viñeron as autoridades a inaugurala.

Como anécdota "sen importancia", teño que dicir que fai cousa de varios meses saltara a noticia que a dotación económica por parte da Deputación xa fora adxudicada, sendo esta gastada noutros menesteres. O Concello saíu o paso decindo que fora verdade, pero tranquilos que a obra habería de facerse sen voltar a solicitar a axuda. E así foi, diso non hai dúbida.

Rafael Louzan, na inauguración admitiu que houbo atraso para comenzar a obra "pero non foi posible facelo antes". (isto sempre dende a información do periódico)

A fonte luminosa está a funcionar e tampouco queda tan mal.

As outras dúas inauguracións foron os dous parques, o da urbanización "Ponteraeas Cidade" e o da "Perillana".

O domingo a seguir, pola tarde dado que o parque das Pombas e o da Praza Maior estan a tope, decidinme ir coa miña pequena ata o da Perillana, o de "recente construcción". E cal foi a miña sorpresa, dende lonxe mireino valeiro, dixenme que sorte tivemos, pero cando me acerquei vin o motivo de que estivera así. Aínda estaba cercado coas vallas estas de construcción, con bidóns, palés, e ferramenta ó redor. Aparentementa estaba rematado, pero ós columpios faltábanlle as cadeas e os asentos. Meu gozo nun pozo.

E agora pregúntome, como se pode inaugurar algo sen rematalo? Que é, por aforrarlle outro viaxe as autoridades?

Non o entendo.

lunes, 6 de abril de 2009

Isto era Avigan

Alá pola década dos setenta varios granxeiros que xa existían, nunha iniciativa arriesgada xuntáronse e fundaron unha cooperativa co fin de intentar traballar todo o ramo do pito eles sos, sen ter que pagar a outras empresas do sector.

Os principios seica foron complicados, tiveron que facer fortes aportacións a capital, pero seguiron adiante. Crearon o seu propio matadeiro, despois a fábrica de pensos, a encubadora e granxas sofisticadas para a reproduccións dos pitos. Lograron así o círculo pechado que ansiaban nos principios, producindo eles todo sen axudas externas.

A empresa subíu como a espuma, podíase considerar unha das máis grandes do territorio nacional no sector do pito, (daquela Coren estaba moito por detrás e xa se ve a donde chegou hoxe). Chegou a ter sobre uns 150 empregados, traballar en Avigan era sinónimo de ter bo traballo e bos sueldos.

Pero sempre hai problemas dentro dunha empresa grande. Un cúmulo de circunstancias fixo que as cousas empezaran a andar un pouco para atrás. A morte daqueles peixes gordos con iniciativa empresarial, foi un caso. Os socios sucesores miraban as inversións con medo e non arriscaban tanto. Outro factor foi a mala xerencia, os novos xerentes que foron pasando polo posto nunca deron coa tecla adecuada para saír da crise na que se estaba a meter a cooperativa. Outro dato negativo foi a parte técnica en sí, chegou unha época que gastaban demasíado en cada pito que saía a venta, sobre todo nos medicamentos, debido a opinión de un so veterinario que non se quería xubilar nin deixar que nadie lle axudase a buscar solucións ó problema.

E así escomenzaron os problemas. No ano 2004 decláranse en suspensión de pagos seguindo coa actividade. Os obreros, loxicamente escomenzan a facer folgas, protestas no concello, cortes da estrada...

Total para nada. En xulio de 2004 a empresa pecha definitivamente. Xa se vía vir. Os obreros empezan a facer guardias nas naves para que non retiren nada da maquinaria mentras no cobren os seus atrasos. Ante a tardanza, son eles mesmos os que empezan a desvalixar as naves e vender todo o que pode ser aproveitable, dende unha simple caixa de enchufes, ata vigas completas do teito, pasando por portas, mesas... todo o imaxinable.

Co tempo cobraron dos fondos do estado, e deixaron de facer guardias. Se algo quedaba por destruir encargaronse os vándalos, ata houbo un incendio, e o pillaxe xa foi desmesurado.

O outro día decidín entrar nas "ruinas" a comprobar o seu estado. Quedei verdadeiramente alucinado e aquí volo mostro:




Xa vedes, nin os baños se salvaron. A ver para que vale agora esta nave, se queren facer algo no sitio, supoño que terán que tirar todo e escomenzar de cero. Cantidade de millóns tirados. É o que hai, a natureza humana...