Este venres achegueime á Bibliteca Municipal para asistir á presentación do libro "55 mentiras sobre a lingua galega", como xa tiña comentado. Levei unha desilusión, alí non había case ninguén e chocoume un pouco. Cando pregunto á bibliotecaria, dime que fora aprazada, o luns chamaran por teléfono comunicándollo. Nada menos que o luns! Eu entereime desta presentación alá polo mércores, visiten varias veces a páxina de Prolingua e non puxeron ningunha comunicación do aprazamento.
Mandeilles unha pequena queixa, non polo aprazamento en si senón por non habelo comunicado, e contestáronme tanto polo correo como nun comentario da súa páxina.
Olá Carlos.
En nome de ProLingua pídoche desculpas polos erros de coordinación que afectaron a algunhas das presentacións, caso de Ponteareas e tamén a de Nova York, da cal non puidemos anunciar a hora con tempo abondo. Intentaremos no sucesivo que esta clase de erros non se produzan.
Agradecémosche en calquera caso o teu apoio.
Un saúdo.
Teño que dicirlles que acepto as disculpas. Por outra banda hai que verlle o lado positivo, como dixo Xenevra, agora teremos unha presentación única exclusiva para Ponteareas. Así que xa sabedes, o que se perdeu a primeira presentación pode acudir o vindeiro venres 12, a partires das 19:30. Eu vou ter un pouco difícil acudir, xa que orgazamos unha festa de carnaval para os rapaces do instituto. A ver se me podo zafar dalgún choio...
Ah! E que ben soa velo nome de Ponteareas ó lado do de Nova York...
domingo 7 de febrero de 2010
Aprazamento da presentación do libro
jueves 4 de febrero de 2010
55 mentiras sobre a lingua galega

O blog de Xenevra é un dos recentes descubrimentos que tiven dentro deste mundillo. Polo que lle fun lendo, é unha defensora incondicional da nosa lingua e moi involucrada, aparte de escribir unhas moi boas historias.
No último post, coméntanos que a plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o próximo venres 5 de febreiro a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega. Está presentación será simultánea en máis de 60 localidades, ás 20:30. Aquí en Ponteareas, celebrarase na Biblioteca Municipal.
Sinto moita curiosidade sobre o seu contido, e sobre a cantidade de prohibicións que aínda segue a ter a nosa lingua. Un exemplo que nos conta Xenevra é que non está permitido o uso do galego nos prospectos dos medicamentos. Non permite ningunha lingua que non sexa o castelán, e ben dicindo este decreto que non se poden usar dialectos... Diálectos de quen... Quen o redactaría... Ver para creer.
Teño que recoñecer que nunca fun a unha presentación dun libro, e penso que xa vai sendo hora de facelo, así que alí estarei e mercarei o meu exemplar. O prezo é de 8 Euros e 5 para os socios de Prolingua. De paso levaren a cámara para mostrar o resultado. Só espero que vaia bastante xente.
Agardo que me acompañe Brabido, que lin que ía quedar conmigo para asistir. Xa sabes "machiño", quedamos ás oito, pero para ir, eh! As copiñas tomámolas logo que é venres, jeje.
jueves 28 de enero de 2010
E agora o de 15 anos
No post anterior falaba (cun día de retraso) do cumpreanos da miña filla Ana. Como non pode ser menos e todos son iguais, hoxe tócame falar do de meu fillo Carli (tamén cun día de retraso, para que non haxa celos).
Este meu "pequeno", acaba de cumprir onte 15 anos, case nada!! Como dixen o ano pasado (e o podo seguir dicindo), é un bo rapaz, segue sendo bo estudiante, non se machaca pero vai indo bastante ben; bo deportista, segue a gustarlle o fútbol e segue a practicalo na Escola de Fútbol do Condado sen ter ningunha queixa por parte desta.
Agora estálle dando pola música. Sen ter nin idea nin acudir a clases, machácase diante dun teclado, busca en internet partituras ou vídeos explicativos e vai fuchicando ata que consegue sacar del o tema en cuestión. Que por certo, a música que busca non é a clásica, busca temas dos Dires Straits, U2, Police... en resumen, grandes clásicos xa. (E que alegría para os meus oídos). Agora unha prima prestoulle unha guitarra, isto xa é máis complicado, pero el vaille dando. Terei que pagarlle unhas clases, penso que lle valerían a pena, pero non está moito pola labor de empezar por abaixo, como quen di, xa quere ir directo a tocar cancións antes de aprender o básico.
En resumen, un bo rapaz, cos seus defectillos, claro (que non vou a desvelar aquí), nunha idade un pouquiño complicada.
Hoxe vai ir a Balaidos a ver o Celta contra o Atlético de Madrid cos compañeiros de equipo. Xa é un bo regalo, máis sería aínda moito mellor disfrutando dunha victoria do celtiña. É que entre outras cousas, herdou do pai a súa afición por este equipo.
Vídeo dos seus primeiros pinitos coa guitarra, aproveitable a partir dos 30 segundos:
Como ben dixestes algúns, sorte que non se parecen ó pai, je,je
domingo 24 de enero de 2010
Catro aniños de Aniña
23 de Xaneiro de 2006:
23 de Xaneiro de 2010:
Onte foi o cumpreanos da miña pequena Ana. Xa van catro aniños neste mundo e de momento segue igual de feliz, moi besucona e cariñosa. Todo un encanto (que vou dicir eu, non?). Rematou o día cansa e cun pouco de febre, pero sempre cun sorriso na cara.
E este mércores tócame o do "pequeno"...
Máis fotos da miña "prinsesita" neste vídeo:
martes 19 de enero de 2010
Oferta
As veces rebuscando aparecen ofertas moi boas, que non hai que deixar escapar. Outras veces aparecen algunhas desconcertantes. Chocoume cando vin esta oferta nun catálogo que nos envían ó choio de material de oficina e outros. A empresa é destas que parece ser que dan os duros a catro pesetas, iso na teoría, na práctica sen comentarios.
A oferta, como vedes na foto, consiste en mercar tres lotes de papel hixiénico e regalan... Tachán!!... "unha máquina de facer perritos quentes!!!." Veña, todos a chamar e jastar papel, que o regaliño vale a pena...
Eu pregúntome, que terá que ver o papel hixiénico coa maquiniña esa. Non sei, non sei... Ollo como se usa, jeje.
Perdoádeme a vulgaridade, pero resultoume máis que curioso.
martes 12 de enero de 2010
Calendario Pontearas 2010. O Corpus Christi noutro tempo

Despóis do éxito do calendario do 2009 que estaba dedicado ós monumentos e lugares de interés de Ponteareas, o Concello decidiu seguir coa idea, titulando o deste ano como "O Corpus Christi noutro tempo". No seu contido, os diferentes meses do ano veñen acompañados de fotos antigas desta festa. Algunhas remóntanse ó ano 1912. Aínda que pareza mentira, a foto da portada do calendario é da estrada nacional ó seu paso por Pontereas. Choca ver a tranquilidade que alí existía, cando hoxe en día, en horas punta, é capaz de ternos un cuarto de hora (ou máis) en caravana para cruzala.
Para min, a idea é formidable. Ben sei que non cheguén a vivir na época de ningunha destas fotos, pero parécenme moi fermosas. A algún veciño produciranlle moita nostalxia.
Esta é unha pequena mostra: (Podedes picar nas fotos para vélas mellor)
Rúa Real ou o que hoxe chamamos Nacional 120, ó seu paso por Ponteareas no ano 1912
Cruce entre a Rúa Real e a Rúa dos Ferreiros nos mediados dos 50. Este era o cruce antigo a Salvaterra que pasaba polo centro do pobo.
Praza de Bugallal nos anos 50. Ó Fondo a parada de aqueles míticos autobuses.
Xardíns da Xiralda, detrás do Concello. Isto non existe hoxe en día nin por asomo.
Praza Maior no ano 1949. Esta despóis de varias reformas perdeu todo o seu esplendor. Hoxe en día é unha praza espaciosa, pero moi modernista, nada que ver. Peor aínda foi cando lle chamaban Praza do Generalísimo, ou "praza do cabezón" debido a un monumento que alí tiña erixido este personaxe.
Parada da Procesión na Praza Maior
Paso da Procesión pola Rúa de Oriente no ano 1959
A diferencia daquela vila comparada coa de agora é máis que considerable. Daquela, o noso pobo aínda non fora sometido á cantidade de burradas que se fixeron nos últimos anos, pero non vale a pena entrar en polémicas. Quedaremonos con que non volten a pasar, e se fagan as cousas cun pouco máis de xeito.
Desta volta, senón me fallo outra vez, procurarei tomar unhas fotos dende a perspectiva máis parecida a estas, para que comparedes os cambios.
viernes 8 de enero de 2010
Carta ós Reis Magos
Xa remataron estas festas e como di máis dun, non era sen tempo. A única pena que me queda de que remataran, é que conlevou que remataran tamén as vacacións, tanto agardalas e ó final... visto e non visto. O peor de todo é que tiña que facer tantas cousas, e como pasa sempre, non fixen case ningunha. Entre papatorias, festas, tundas á cama e demáis, fóiseme o tempo todo. Ata nin moitas ganas de poñerme diante do ordenador, e así, case que teño isto un pouco abandonado. E iso que entre o alumeado de Nadal e a cabalgata de reis, dábame que falar, tanto para ben como para mal (outro ano será).
Como se adoita dicir, foron fechas de facer balance, supoño que cada un o faría. Eu, pola miña parte, non é que me poida queixar moito, todo foi máis ou menos por donde tiña que ir, non houbo reveses particulares e aínda temos de todo para seguir tirando unha temporadiña máis. En resumen, un ano normal tirando a bó.
E claro, coma seguín de vagoneta ata agora, nin me lembrei de escribirlle a carta ós tres monarcas eses que andiveron toda a noite de casa en casa, repartindo ilusións. Na miña tamén pararon, e algo deixaron aínda que a maior parte leváronna os pequenos, que dende logo son os que o merecen. O resto, non deixa de ser un materialismo e consumismo puro. Non sería mellor, chegar un día e porque si, regalerlle algo ás persoas que aprecias? Para min, penso que si (que non estou dicindo que eu o faga, jeje), pero claro, vamos por donde nos marca esta sociedade creada por nós.
Despóis destas pequenas divagacións e tonterías, e pnsando que tampouco me portei tan mal, vou alá coa carta, que se cadra aínda non chegaron a Oriente e me escoitan un pouquiño. Penso que non vou pedir moito:
"Para o Clube Areas F.S. (ese pedazo de equipazo...), que poida mellorar un pouco na clasificación, non é nada urxente nin moi necesario, xa que para nós o importante é participar... O que si me gustaría é que poidésemos rematar a tempada ben económicamente, que parece que nos vai custar un pouco. Debaixo das pedras xa nin cartos aparecen e a cousa está "fodida de carallo". Axudádeme un pouquiño, que me parece que total vai a ser o último ano do clube (non me gustaría, pero un cánsase coa falta de apoio).
Para este blog (este pedazo de blog...), pois que me veña un pouco máis de inspiración para seguir publicando, e tempo e ganas para ir tirar unhas fotiños pola zona, que aínda quedan moitas marabillas que mostrar. Ah! tamén vos pido que inspiredes ó Beni, que sempre me di que vai escribir algo e ó final pasa o de sempre, que se me despista (ou fai o despistado).
Para a familia, pois o mellor sempre que o merecen de sobra por aturarme.
Laboralmente, pois que polo menos siga habendo o que houbo este ano, que me parece que se está complicando a cousa, e xa algún rumor oín por aí. Esperemos que quede nun reumor.
Para non ser moi egoista, vou pedir algo para os demáis tamén. Botarlle unha man ó meu Celtiña para que non vaixe a Segunda B, e se poidera gañar a copa, tampouco me queixaría.
Que o Barcelona non gañe 6 títulos, por favor, nooo!!!. Non quero aturar máis a algúns vacilóns (entre eles Beni, jeje, ata niso me falla).
Que o Cultural Areas siga a facer este papelón na Terceira División, toda unha hazaña para unha aldea coma esta.
E como non, para todos vos amigos reais e virtuáis, que se vos cumpra o que pedistes e sexa un ano cheo de alegrías.
Teño máis cousas en mente, pero xa volo pediren cando non se entere nadie, que hai moito curioso por aquí e logo todo se sabe... Veña, facede un esforciño, que tampouco vos pido tanto."
En fin, aínda con retraso, feliz 2010
lunes 28 de diciembre de 2009
Clasificación a 28 de decembro
A Liga de fútbol Sala segue a disputarse. Esta nin o Nadal respeta e a falla dunha xornada para que remate esta primeira volta, esta é a clasificación:
Parece que estamos en horas baixas, pero os que nos coñecen saben que o noso perigo ven na segunda volta, cando xa estamos rodados (é que os que temos unha idade custanos moito arrancar...). Proba do pánico que nos teñen os rivais, e o titular deste periódico deportivo que hoxe nos saca en portada:
A verdade que este periódico ultimamente ten moitos erros, mira que non ser capaces de meternos a todos na foto... Serán chapuceiros... O máis probable é que aínda foron capaces de botar un par de horiñas en facer esta portada...
Aínda que se está a rematar o día, tende coidado coas inocentadas. Neste caso, xa volo digo, a inocentada ven sendo a da clasificación, a portada é real coma vida mesmo...
jueves 24 de diciembre de 2009
O Nadal e a nai que o pariu.
En fin..., é posible que algún lector crente se ofenda co que vou decir; pero polo menos na parroquia de Areas cando unha tía queda preñada de alguén que non é o seu marido (por moi espírito santo que se faga chamar o interfecto), aínda que veña disfrazado de pomba e ó cornudo do seu marido lle de igual; polo "bajinis" e en "petit-comité" a catologarían de algo que non vou a nomear para non ferir sensibilidades.
Atolado mundo (e hipócrita) é este, onde os pais que se queixan de que os seus fillos estean obrigados na escola a ver a imaxe dun "hippie" torturado nunha cruz de madeira, sexan os mesmos que tódolos 25 de decembro bican no xeonllo ó protagonista da mesma imaxe 33 anos máis novo, namentras aceptan de bo grado o sorriso cómplice da súa beata sogra antes de comulgar.
Diante do "arbolito" dos collóns e do Belén (co boi, a vaca, o anxeliño pendurado do fío de seda, o cornudo, a parturenta, os patiños, o cagón de rigor e as súas graciosas maxestades); pómonos ata o cu de langostinos, turrón e anguriñas (que non son angulas, pero casi).
Esa é a parte boa; a mala é que o can se caga na cociña, as luces chispeantes do arbol xa non chispean tanto como o tío que vén de tomala cos amigos, a avoa alporízase porque os netos xa non lle dan tantos bicos como antes, a nai séntese acalorada de tanto cociñar e ó pai saíronlle as cores ó ver como o avó tamén se cagou na cociña.
Nesta época de tanto falso laicismo busquei algunha efemérides que poidésemos celebrar, pero inconscientemente tódalas que se me ocorren teñen que ver cun santo (bendita educación); namentras propoño celebrar nun futuro o día en que a "Rahîn", un mozo iraquí huerfano por culpa do petroleo, o deixen de apedrear por ser homosexual, levar o pelo longo e querer xogar coa "Play-Station".
Si, xa o sei..., saíume a miña vea cínica; pero afortunadamente tamén contamos con celebracións un tanto paganas como a das doce uvas, da cal eu tamén participo (sen recorrer á comodidade de "Cofrusa" que ata veñen sen pepitas) e que consiste básicamente en ver a cara de gilipollas que poñen os que te rodean, namentras van abastecendo os seus carrillos con aire moi trascendental a toque de campá.
Ás doce e un segundo (por mor das mareas) deste ano, logo de pornos roupa de gala, limpar a merda da cociña, confundirnos nas badaladas por culpa do carrillón e reducir drásticamente a vaixela dos domingos, saímos á rúa a tirar petardos e a celebrar os bos propósitos que decidimos realizar no flamante 2009.
De tódolos xeitos e a pesares do atragantón, viva o bico de despois, o abrazo ós amigos, a mancha de champán, os bailes descontrolados, o "polvo" que pensabas botar, o "polvo" que ó final botaches, os "arrumakos" espontaneos, as panxoliñas desafinadas, as risas sinceras, a luz do amencer ó saír do local onde estiveches lucindo a teu carísima vestimenta, a luz do amencer se saes en pelotas, "Rahîn" porque decidiu non cortarse o cabelo, este hipócrita tocapelotas e tódolos que coma min miran ó futuro con optimismo.
Desbordo de espírito navideño, así que (sen muérdago nin nada) quero darlle un bico: en primeiro lugar a Carlos por entenderme (aínda sen entender), a súa familia por entendelo, a ti que xa sabes por aquilo que non conto, ós visitantes deste blog (e ás visitantas tamén, jejeje), a tódolos que brindaron conmigo e ós reis magos porque bastante teñen co que teñen.
En serio.... que lle dean polo cu á crise, comprarvos unhas luceciñas novas para a árbore, e iros preparando para albisca-las primeiras luces do 2010 en pelotas, como teño pensado facer eu.
Este post foi colocado orixinalmelme neste mesmo blog por Beni, o 1 de xaneiro deste ano que esta a rematar. Si, Beni é aquel socio meu que me meteu nisto e agora leva unha temporada facendo o remolón. Como queira que sempre estou pedíndolle que escriba algo, e non me fai moito caso, pois eu mesmo decidín volver a publicar esta entrada del, que é unha das últimas que escribira e paréceme memorable. Non sei moi ben en que estado se atoparía cando o escribiu daquela, pero é a realidade mesma, aínda que o noso amigo Manolo enfadarase todo con el.
Boas festas a todos.
jueves 17 de diciembre de 2009
A lenda do Fresco (2ª parte)
Despóis dun pequeniño descanso, e de que me chamaran cariñosamente vago (o cal non é mentira ningunha), creo que vai sendo hora de retomar a historia do Fresco. E alá vamos coa segunda parte, sempre basada na reportaxe de Xoan Xosé Pérez Labaca, publicada no Faro de Vigo. Teño que dicir que esta segunda parte decepcionoume bastante, esperaba moito máis. Vamos alá:
Cando se produxo o levantamento do exercito en África e do comenzo a guerra civil, foron a buscar ó Fresco a súa casa os socialistas e os do fronte populista de Ponteareas para que se incorporase á defensa da República. Aclamado por todos foi cara a Lavadores, como xefe de partida, pois a xente das esquerdas resistían por uns días os ataques dos militares, aguantando con barricadas nas rúas. Tomou parte activa ó asalto ó chalet dos Nuñez, que era a vivenda do industrial Estanislao Núñez. No asalto pereceu o sinalado industrial e grazas a intervención do Fresco dous fillos salvaron a vida. Hai outra versión que aporta o neto de Estanislao Núñez, que dí que é crenza familiar que seu avó foi morto por Fresco nun disparo na cabeza cando fuxía da súa casa na que se atopaba só.
Esta foi a primeira intervención, e prácticamente a última, de González Fresco xa que pouco despóis ó caer as resistencias en Vigo, decidíu botarse ó monte onde xa se refuxiaban outros fuxidos agrarios, socialistas, anarquistas, comunistas e galeguistas. A súa condición de fuxido non foi moi longa, pois durou dende xullo de 1936 ata os días do Nadal do mesmo ano, se ben a nova do seu pasamento non se soubo ata o día de Reis do ano 1937.
A propaganda republicana quixo converter a Fresco nun líder guerrilleiro, cando en contra do que dicía tal propaganda, este apenas participou nas accións que os fuxidos tiveron nos montes contra posicións militares ou paisanos relacionados co levantamento. Non foi nunca un gerrilleiro vencellado a uns mandos políticos comunistas. Tamén é certo que moitos dos fuxidos, para solventar a súa inocencia usaron o nome do Fresco como autor de feitos e accións armadas que eles mesmos realizaron. Polo que logo deixou escrito, el nunca foi partidario de certas prácticas violentas que cualificaba de criminais por parte dalgúns fuxidos. Opinión que manifestaba con moita frecuencia dicindo: "Non matedes! Non vos convirtades en asasinos. Non sexades coma eles".
Din que tratou de fuxir a Portugal e por iso recurriu a xentes que consideraba súas amizades. Dentro deses amigos figuraba un tal Peypoch, de Mondariz Balneario, co que tiña preparado un encontro. Pero este o que lle tiña preparada era unha emboscada, coa casa rodeada de falanxistas e gardas civís, pero Fresco avisado por algún confidente non compadeceu ó encontro. En Vigo chegaron a ofrecer importantes cantidades de cartos pola súa captura, tanto vivo como morto.
A nova da súa morte chrgou o día de Reis cando o atoparon morto no monte Galleiro. A súa muller, Nieves Souto, que seguía residindo na casa de Areas, foi levada para identificalo ó cementerio de Padróns e alí foi enterrado. Sobre como foi a súa morte, hai varias versións. Unha é que foi cribado por disparos da Falanxe da Garda Civil. Este feito é dubidoso, pois se fose así saberíase no momento, pois a morte do Fresco sería para eles obxectivo principal do que gabarían de inmediato. Outros responsabilizan a algún veciño que o traicionou. Tampouco se pode descartar que fose nunha loita entre os propios fuxidos pois non coincidían en moitas formas de pensar e de actuar.
Labaca remata o artículo dicindo, "O que si é verdade é que a historia deste home é unha historia da loucura e da senrazón dunha época na que, pola súa condición de deportista, tirador de primeira liña e home destacado tivo que, por medo propio e dos seus, botarse ó monte fuxindo polo feito de sobresaír naquela sociedade na que lle tocou vivir. Da historia do Fresco aínda se fala hoxe por estas terras. A vista dela, nós pedimos que non veñan nunca xamais tempos deses."
En fin, eu sei que aquí falta moito por contar que por uns motivos ou outros, Labaca non nos fala deles. Prometo enterarme (se a miña vagancia mo permite...) e se cadra algún día haberá unha terceira parte sobre a lenda do Fresco.
martes 8 de diciembre de 2009
A lenda do Fresco e a Quinta da Boa Vista
Sempre me interesou saber algo sobre "O Fresco", personaxe que viviu en Areas na Quinta da Boa Vista, agora chamada Granxa Escola, e que tivo que andar fuxido polos montes da comarca ata que o asesinaran. Parte da miña curiosidade viuse colmada este sábado o ler no "Especial Condado Paradanta" que ven no Faro de Vigo, un reportaxe de Xoan Xosé Pérez Labaca, titulado "A lenda do Fresco (1ª parte)".
Neste suplemento dos sábados, Este profesor e historiador das costumes da terra adoita facer uns reportaxes moi interesantes, e non perdo ocasión de botarlle unha ollada. Como digo, nesta ocasión fala da vida de Manuel González Fresco, o dono da extensión máis grande que temos en Areas, agora propiedade da Xunta de Galicia.
Pois ben, Fresco naceu en Vigo no ano 1886 no seu dunha familia pudente que poseía importantes propiedades das que disfrutou toda a vida. Tiña fama de ter unha excelente puntería, iso era debido a súa afición pola caza e torneos de tiro pichón nos que logrou numerosos trofeos. A súa estabilidade económica e situación social permitíalle practicar estas aficións e codearse co máis selecto da cidade. Asi mesmo era un gran deportista e chegou a ser campión de Galicia de ciclismo no ano 1903. Traballou como corredor de comercio, pero ós vinteoito anos, retírase a súa finca de Areas, a Quinta da boa Vista. Alí racha coa vida anterior e cásase con Nieves Souto Alfaya, muller dunha clase social moi inferior á súa. Este matrimonio nunca foi ben aceptado pola sociedade burguesa de Vigo nin pola súa familia.
Aparte de ser amigo das relacións sociáis, dos deportes, das viaxes, da caza... en fin da boa vida, tamén era moi extrovertido, cordial e xeneroso, virtude que lle acarrexou duras criticas do seu entorno. Converteuse nunha especie de "protector dos humildes" e "pai dos pobres", como aínda lle chaman hoxe en día as persoas que o trataron ou tiveron conciencia da súa vida.
Con trinta anos comenza a interesarse pola política e estivo relacionado coa organización sindical UGT. Despóis xunto con Benito Casanovas foi fundador local do Partido Socialista de Ponteareas, do que se separaría máis tarde por diferencias cos responsables. Conta del o seu biografo Victor Fernández Freixanes "Non era un home de grandes ideas políticas. Tampouco era un lider. A carisma popular que tiña viña dada pola súa xenerosidade sustentada na considerable fortuna que poseía e na práctica social entre os traballadores e labregos da comarca que o idolatraban".
Viaxou a Alemania, de donde regresou moi sensibilizado polos conflictos sociais que este país padecía. Logo viaxou a Brasil, xunto a uns irmáns que residían alí, voltou logo xa que non lle sentaba ben o clima. Nunha visita a Vigo entrou en contacto coas correntes galegas e, ó parecer, tamén con Castelao.
E así remata Labaca o séu reportaxe, deixando o final para o próximo número. Supoño que aí contaranos a súa andaina como fuxido, e o seu posterior asesinato. Tamén supoño que contará por qué a Quinta da Boa Vista pasou a poder do goberno. Según me contaron, o estado conseguiu o terreno en propiedade a cambio dunha irrisoria cantidade de diñeiro e a entrega do corpo á familia, para poder enterralo no cementerio de Areas. De non ser así, posiblemente estaría aínda nunha fosa común, coma tantos outros. Xa vedes, negocios...
Estas fotos sacámolas un sábado no verán saltando a valla, xa que alí non había nadie. Recordoume cando era pequeno e me mandaban ir buscar o leite, en vez de ir á volta polo portal, saltaba o muro que dividía a finca coa casa dos meus pais, sempre con coidado que non me pillase (a bronca era segura). Outras veces, cuns veciños entrábamos e facíamos de exploradores, xogábamos o tenis... É que daquela, aparte de ser centro de educación profesional agraria, dedicábase moito a ganadería. Tiñan un gran número de vacas e os terrenos eran sobre todo para pastoreo e para plantar millo para os silos. Hoxe en día a maior parte do terreno esta cultivado por viñedos e invernaderos, donde cultivan tanto frores como hortalizas, sempre basándose no estudio.
domingo 29 de noviembre de 2009
O balón máis el.
Hoxe só se fala do partido Barça - Madrid. Nas televisións ten unha repercusión fora do normal, coma se fose ó final da Liga. Déronlle tanta importancia, que ata chegou a eclipsar o partido do Areas F.S. (clube no que como sabedes xogo). Ninguén deu o resultado, por outra banda mellor xa que unha derrota por 10 a 1, case mellor que pase desapercibida. Non sei senón estaremos tocando fondo, a partir de agora todo será mellorable (non sei donde escotei isto ultimamente...).
Pois xa que vai de fútbol, e non teño moito de que falarvos, lembreime destes dous vídeos que realizou meu fillo, e tennos subidos tanto no youtube como nun blog que ten, ou tiña, xa que o ten un pouco abandoado. O blog chámase "Las paranoias de Carli", e non o levaba tan mal. A ver se o volve a retomar (Agora seica anda líado no tuenti, ou algo así polo estilo...).
Este primeiro titúlao, "Los malabarismos de Carli". Atentos á música, de momento ten uns gustos moi agradables, non sei de quen lle viran...
Este segundo titúlase "Fallo técnico de Carli", non está mal, pero seica a alguén non lle gustou tanto cando viu o resultado, jeje.
O que queira fichalo, que sepa que primeiro ten que falar conmigo, logo xa veremos se nos interesa ir ó Barça ou o Madrid, eu preferiría o meu Celtiña, pero o pobre non me da máis que disgustos (outro que parece que toca fondo).
En fin, sobre o partido, como se adoita dicir "que gañe o mellor", por desgraza o mellor parece ser o Barcelona, pero... nunca se sabe.
domingo 22 de noviembre de 2009
Afán de protagonismo
Hoxe fai catro semanas que teño esta bitácora parada, cousa que me fastidia bastante. E non sería por non ter temas dos que falar, xa que nestas datas voltouse celebrar a Feira de Outono en Ponteareas, o Mes Cultural en Areas coas súas representación teatráis, coráis, grupos musicáis... e algún tema máis que tiven en mente, pero a falla de tempo ou poucas gañas de poñerme diante do ordenador, fixo que desistira ata de intentalo.
Pero un dos motivos que me ten ocupado estes días ten que ver con un problema recente que tivemos co novo instituto. Lémbradesvos cando vos contara aquelas manifestacións que fixemos para a posible apertura do centro, e o encerro e ocupación do Concello durante tres días ata que se solucionou o problema... Que ledicia cando todo se solucionou. Aquela frase da Consellería de Educación, "O centro está totalmente rematado, só lle faltan os accesos..." Como nos venderon a moto, novo engano. Un centro cunha biblioteca sen libros, un ximnasio sen colchonetas nin un simple balón, unha aula de tecnoloxía sen ferramentas, un laboratorio sin unha probeta ou calquera outro tipo de material... e un longo etc. máis.
Intentaren ser breve, pero o tema daría para moito. Ante estes defectos os que fóramos membros da Plataforma de pais afectados, sentímonos na obriga de volver a meternos no allo e dalos pasos para formar unha ANPA e comenzar a traballar para solucionar parte destes problemas. E dende aí comenzaron as reunións cos pais, coa directora do centro, co Concello... Canto máis avanzaba, máis problemas lle topabamos e o peor, non se lle vía solución. Á directora déranlle os cartos normáis coma a calquera outro centro, e con iso tiña que poñer o centro a andar, ata tivo que comprar material de oficina e limpeza, algo que non nos parece nada lóxico.
A ANPA xa creada, á cal lle puxemos o nome de Luis Pardo, na honra deste personaxe que tanto loitara para que o centro existise, esixíamoslle a directora que solicitara cousas para o centro, que estaba no seu deber, pero ou porque é novata no posto ou porque non quere molestar, practicamente non movía palleira. Escomenzamos a mandar faxes, correos electrónicos a Consellería de Educación para que nos recibisen, chamadas telefónicas sen resposta. E así pasaron 15 días sen contestación. Como xa estamos dispostos a ir adonde sexa, contactamos directamente cos de arriba (en Santiago), mandamos notas de prensa queixandonos do seu pasotismo. A medida deu os seus frutos, e os xefes de educación de Pontevedra duberon de levar un tirón de ourellas, xa que nos citaron para esta mesma semana.
Nesta reunión, víuselle a súa tensión e as gañas de sacarnos de diante, sobre todo ó Xefe Territorial e á inspectora de zona, que me pareceu unha auténtica maleducada, sempre tratándonos cun aire de superioridade, como se estivesemos un escalón por baixo. A primeira noticia que nos dan e que van a dotar ó centro dunha dotación especial para material de 10.000 €, soltáronno así de principio para ablandarnos, pero xa estamos curados de espanto, e seguimos coa mesma tensión e pasamos a examinar as queixas que levábamos punto por punto. Nalgúns saímos gañando nós e noutros non conseguimos o que queríamos, algo normal por outra parte. Non todo foi tan bonito como pon o Faro de Vigo.
E aquí chegou o punto culminante da reunión, o que de verdade me molestou bastante. Dixéronnos por varias veces que nós non podíamos actuar así, nós tíñamos que comunicarnos coa directora do centro e ela directamente con eles (notábase que estaban doídos), cando lle reprochen, que levábamos máis dun mes facendo iso, e que non víamos solución, que a vemos agora que nos movemos nós, o señorito este da foto, espétame sen deixarme acabar "Ah! vós o que buscades é protagonismo, non vos importa nada o centro..." quedeime de pedra, volvín a reprocharlle que non era así, pero como o señorito tiña que marchar a Santiago, deuse por zanxado o tema.
O xefe territorial de Pontevedra, César Pérez Ares e Dani e maís eu por parte da ANPA, a nosa actitude na foto pode parecer algo chulesca pero estamos fartos de que nos conten milongas.
Xa vedes este grupo leva un mes líado en reunións, visitas ó Concello, facenda, redactando estatutos (que ten a súa lata), etc. e o que busca é "afán de protagonismo..."
Así está a educación neste país.
domingo 25 de octubre de 2009
Emotivo final para algo que non debeu de existir
Algúns non sabredes, pero fai xa bastante tempo falara das exhumacións que se estaban a realizar aquí en Areas. Daquela foran momentos emotivos para moita xente, a parroquia estivo bastante pendiente eses días do que acontecía. Ó final a Memoria Histórica do 36 conseguiran atopar ós cinco homes que estaban a buscar no adrio da Igrexa de Areas. Hoxe ano e medio máis tarde, despóis de levar ós restos dos corpos a Navarra para a súa correcta identificación, por fin se lle fixo entrega deles ós seus familiares.
Foi un acto sinxelo, pero emotivo. Angel, Presidente da Memoria Histórica de Ponteareas fíxolle unha honenaxe e leu as seguintes verbas:
Gustaríamos de compartir convosco a importancia moral, histórica, emocional e xurídico deste acto.
Sabíamos que foran inxustamente asesinados hai 73 anos e enterrados ás agochadas aquí, no adro da igrexa de Areas, de onde foron exhumados hai 2 anos para ser identificados.
Sabíamos que era unha historia sen duelo, unha historia de silencio e dor.
Sabíamos que eran labregos, cidadáns desa República de traballadoras e traballadores que vivían nunha sociedade aberta, libre e xusta.
Sabíamos que eran labregos, cinco labregos:
SATURNINO VILA QUIROGA.
SERAFÍN RODRÍGUEZ ALONSO
JOSÉ RAMÍREZ VILA
JOSÉ RODRÍGUEZ CARRERA
MANUEL PÉREZ VILA
Hoxe 25 de Outubro de 2009 facémoslle entrega a estes 25 labregos da ROSA POLA MEMORIA. Agora que chega o día da última víaxe, que están a piques de marchar de Areas por fin a O Porriño, a súa terra, entregámoslle a Rosa pola Memoria.
Así, lixeirños de equipaxe, case desnudos, cheos de Nosa Terra regresan a casa,
QUE A TERRA GALEGA, AGORA SÍ, LLES SEXA LEVE.
Logo dos aplausos sonou o antigo himno do Reino de Galicia, e fíxoselle entrega ós familiares das urnas coa cinzas e da Rosa pola Memoria, co cal moitos chegaron a emocionarse.
Con isto acaba un capítulo que nunca debeu de existir. Noutras partes aínda andan ás voltas para conseguir recuperar a eses familiares brutalmente asesinados e enterrados en fosas comúns. Aquí polo menos, iso conseguíuse e xa teñen ós seus parentes con eles.
miércoles 21 de octubre de 2009
Curiosidades de internet (ou que curiosa a raza humana)
Topei estes dous vídeos no Youtube, neles vése que a xente é vaga e cómoda por natureza. Agora ben, se lle poñen as cousas un pouco máis bonitas e cun pequeno gancho ou morbo, a curiosidade fai o resto.



























