viernes, 30 de mayo de 2008

A propósito do Corpus....

Continuando con outro post adicado as alfombras florais do Corpus Christi en Ponteareas, atopei este vídeo en YouTube realizado pola publicación "A Peneira", que fai un percorrido visual polas distintas rúas de Ponteareas.



Como curiosidade sinalar que os espectaculares tapices conque os habitantes da nosa Vila engalanan as ruas o día de Corpus, véñense confeccionando xa dende o ano 1857 (casi nada).

As fermosas e oromáticas alfombras teñen básicamente un carácter relixioso xa que a súa función é adorna-lo paso da procesión e do Santo Sacramento. De tódolos xeitos con este motivo organízase unha gran festa que xa escomenza a noite anterior coa confección dos devanditos mantos de flores e herbas aromáticas.

Eu, pola miña parte, teño que confesar que nos últimos anos resteille importancia a este día; na mentras recoñezo que de pequeno me encantaban estas festas, con todo o que representan (multitude de xente, farra e xolgorio, e sobre todo ese arume tan especial conque se quedan prendadas as rúas). Creo recordar que cando escomenzaba a sair, a noite de corpus foi a primeira que pasei na sua totalidade fora de casa, e me da a min que moita xente (sobre todo a xuventude) volve para a casa cando os demáis chegan a Vila para ve-lo paso da procesión.

Sexa como sexa, miles de personas acuden cada ano a este espectáculo impresionante pola súa magnitude e o seu colorido; que, como non podía ser doutro xeito, atopou eco incluso fora das nosas fronteiras.

Decir tamén (para a xente que non visitou ainda Pontareas no xoves de Corpus) que dende fai anos a nosa Vila mantén un especial hermanamento co municipio canario de "La Orotava" en Santa Cruz de Tenerife, donde tamén se confeccionan alfombras. Isto é: cada ano unha representación do citado municipio insular realiza unha alfombra en Ponteareas; do mesmo xeito un grupo de Ponteareas viaxa tódolos anos as faldas do Teide pola mesma razón.

Por último decir que estas festas foron declaradas de interés Turístico en 1968 e de interés Turístico Nacional en 1980.

lunes, 26 de mayo de 2008

Corpus Christi 2008

Fixen unha pequena montaxe de fotos que saquei no Corpus máis ou menos nun orden, dende que escomenzan a marcar os diseños das alfombras, ata os fogos artificiais da noite do domingo.

video

Rematouse

Chegou o remate da tempada coa eliminación este sabado do campeonato de copa, despois de pasar a eliminatoria contra o Budiño F.S. a doble partido, o primeiro empatamos 2 - 2 e no segundo vencemos por 3 - 1, nos cuartos de final (xa parecemos os de Luis Aragones) non puidemos cos rivales, Cerrajería Dominguez.

Foi un partido moi disputado, con alternativas no marcador, e coma sempre fallando un montón de oportunidades, ata un penalti, pero foron eles os que lograron a victoria por 3 a 2.

Oficialmente a Tempada xa rematou, solo nos quedan dous actos sociais, a cena da Federación, donde temos que recoller o trofeo da Deportividade, logrado por terceira vez en catro anos, e a cena que organizamos nós, o Club Areas F.S. para os xogadores, socios e simpatizantes que queiran asistir.Xa vedes que para comer e festas, sempre estamos listos, ahí si que lle pegamos ben de verdade.

Nada máis por este ano, unha pena non volver a celebralo como o ano pasado con unha foto como esta.


domingo, 18 de mayo de 2008

O vixiante da ponte.




Decidimos contratar un vixiante, e nada millor que un como este para ver cara ós dous lados da ponte.

Non existe fotoshop, esta foto non está tomada por mín, sinon polo meu fillo, que quere cobrarme dereitos de autor por publicala. Foi tomada en Salvaterra no Parque da Canuda, e coincidiron así as dúas ocas, mirando un para cada lado.

viernes, 16 de mayo de 2008

Día das letras galegas

Con motivo do día das letras galegas, quería poñer algun poema para conmemorar esa data, pero non vou recurrir nin a Rosalía nin a Xosé María Álvarez Blázquez (ó cal dedicaselle este ano) Recentemente lín nun blog, "A cova do raposo" (votádelle un vistazo, está moi ben), un poema que me gustou particularmente, sei que non lle van a adicar o día das letras, pero penso que vos pode gustar.

Permintinme o luxo de cambia-la foto da cabeceira, espero que non lle importe e puxen unha de cando era cativo, con miñas irmáns.



HOUBO UN TEMPO EN QUE FOMOS NENOS

Houbo un tempo
en que os nosos soños
eran limpos e sen fronteiras.
O abrente espallábase xeneroso
polos carreiros abertos
cheos de orballo,
onde agroman silvas e ameneiros.
Xogábamos ceibes como andoriñas
e os lameiros e os regatos
coñecían as nosas pelexas
e os nosos horarios.

Houbo un tempo
en que inventábamos o mundo
e ese mundo era grande,
fermoso, de moitas cores.
Non había portas pechándonos
o voo nin a imaxinación.
Cun balón nos pés
e uns calzóns curtos
podíamos ser Quini ou Santillana,
fartarnos de meter goles
e gañar diñeiro dabondo.

Houbo un tempo
en que coñecíamos
os segredos dos paxaros,
o poder dos tiracoios,
o medo no fondo das carballeiras,
as lendas de tesouros agachados,
os atallos para chegar cedo
a calquera sitio.
Tratábase de correr, de vivir,
de enchouparse de flores,
de tardes espreguizándose o sol.

Houbo un tempo
en que cada día era distinto,
cada amencer un novo reto
e a escola tiña algo lúdico.
Fervíanos o sangue o achegarse
certas datas do ano:
as festas do pobo, o Nadal,
a matanza na casa dos primos.
Falar a berros gustábanos.
Eramos felices
e o demais non importaba.

Houbo un tempo
en que fomos nenos.

Agora non o somos.
Agora os soños son pesadelos,
as fronteiras érguense arrepiantes,
a rutina véncenos cada día,
perdemos a liberdade das carballeiras
e os paxaros morren nas sebes
por mor dos fertilizantes.

Agora escribimos e-mails,
coleccionamos préstamos,
temos videoxogos, lumbalxia, colesterol,
facemos números para chegar
a fin de mes sen moitas débedas.
E, ás veces, estando a soas
buscamos polos recantos
un anaco da nosa infancia
e o non atopala
unhas bágoas orfas
esvaran polas meixelas
e acaban esfachándose
contra o parqué
do noso piso alugado.

Saúdos raposo.

Unha cantaruxada - Cantiga de Cegos

Despois de poñer patas arriba os caixóns (nótese que dixen caixóns, e non o que rima con ovo) da miña casa fun quen de atopa-lo libriño que vos comentei no post de Rosalía, nese mesmo intre soltei un folgo e un radiante sorriso iluminou o meu rostro. ...Xa sei que non valo para poeta, así que perdoade a pedantería.

O certo e que hay relativamente pouco descubrín a poesía (máis vale tarde que nunca); iso sí, en castelán... ainda me estou iniciando nas rimas da nosa lingua, proba do cal e a seguinte cantiga que atopei no devandito libriño, a cal seguramente moitos coñecedes.

Da a casualidade de que neste cantar/poema en particular non indica quen o escribiu, así que vamos a supoñer que é do autor más socorrido nestes casos, un tal "anónimo" (Sobra decir que si sabedes de quen é, xa estades tardando en decirmo).
___

Este ceguiño que ouvides cantando
de entrambos ollos da cara cegou,
mais por agora vaise gobernando
con outro ollo que aínda lle quedou.

Isto que eu digo
contáronme a mín
volvendo da feira
de Portomarín;
con outras couslñas
que vou contar eu
si son ou non certas
eu non vólo sei.

Como son vello e fáltame a vista,
cando unha moza me ven a falar
pra me dar conta si é grosa ou é fraca
teño por forza que ás máns apelar.

E teño observado
que as hai que se rín,
e outras, moi pouquiñas,
que foxen de min;
a maor parte délas
chaman polas nais,
pro chaman baixiño
e arrímanse máis.

Ana Marica quedouse soíña
porque o seu home pra Cuba marchou
e tal desgosto colleu a rapaza
que gravemente a coitada enfermou.

E solo quería
que a fose a coidar
un primo que tina
no mesmo lugar.
E despóis decía,
Cando xa sanou:

— Gracias ás fretiñas
que Manuel me deu.

Os Muiños

Se houbo unhas construccións populares en épocas anteriores nos pobos e aldeas de Galicia, ademáis dos consabidos monumentos relixiosos, éstas foron sen dúbida "Os Muiños". Por esta razón, considero interesante, por non dicir imprescindible, adicar un post a estes prácticos lugares, de cuxas persoas a cargo o cancioneiro popular recolle numerosas cantigas (sobre todo se eran de sexo feminino).

Escomenzarei cuns, non tan breves, apuntes que foron rescatados do sempre útil "Saberosum", do artigo firmado polo presidente da Asociación Galega "Amigos dos Muiños".

ORIXE E DESENROLO

«Hai que supoñer un orixe común ós distintos tipos de muiños que están repartidos por toda a xeografía Lusogalaica. Estas "máquinas" tiñan como función principal moe-los cereais, aproveitando as forzas naturais que poñían en funcionamento o sistema de trituración. Non cabe dúbida de que os primeiros muiños, sen ser de man ou caseiros, xurdiron por unha grande explosión demográfica que tiña como base económica a agricultura.

Coa aparición do millo procedente de América que producía máis cantidade de cereal no mesmo espacio de terreo co trigo e centeo, extendeuse a explotación deste monocultivo con grande rapidez, pola fama da súa grande producción; deste xeito o millo pasou a se-lo alimento primario dentro da alimentación do noso agro atlántico.

O millo utilizado para o consumo humano introduciuse nunha grande variedade de pratos distintos, o pan é un alimento básico que se facía en cada casa, daquela non había grandes cooperativas, nen panadeiros que repartirán o pan polas desperdigadas aldeas do noso agro, como ocorre arestora; por este xeito o pan de millo foi desprazado, en moitos casos, como símbolo de pobreza.

Ademáis do consumo human, o millo era tamén alimento para todo o gando, e parte da pranta: o follato, empregábase para face-los xergóns en sustitución dos de lan, que era vendida para facer algunhas perras».

«Os muiños xunto ós seráns eran os únicos lugares de distraemento da xuventude e das mulleres, porque moitos homes, a meirande parte deles casados, ían a taberna a xoga-la partida. Así o muiño era o lugar idóneo para se encontraren os namorados e para botar unha parrafada, e saber un pouco o que pasaba naquel pequeno mundo que os rodeaba.»

DECADENCIA

«Pódese dicir que a decadencia dos muiños iniciouse cando os vellos patróns nos que se asentaba a sociedade escomezaron a derrubarse, a non ter vixencia porque outro sistema económico estábao asolando: o capitalismo, a política de mercado, o consumismo... A nosa agricultura non evolucionou, senón que se estancou nos vellos cánones herdados dos antergos. O minifundismo e a agricultura para o autoconsumo escomenzaron a perder prioridade e as novas xeracións de mediados de sáculo, e incluso un pouco antes, marcharon en busca de fortuna ñas améri-cas e nos países centroeuropeos.

O pan de millo deixou de se-lo alimento fundamental, (xunto coa patata e o porco) da alimentación rural de Galicia. Xurdiron pequeñas panificadoras nos pobos que repartían o pan de trigo polas aldeas nos seus burros e posteriormente nos coches. Tamén axudou a decadencia dos muiños tradicionais a electrificación do rural, coa consiguente aparición das "molineras" que moian gran cantidade de gran en pouco tempo, sen necesidade de perde-lo tempo en ir ó muiño.»

OS MUÍÑOS HIDRÁULICOS

«Se se fai unha clasificación tipolóxica dos distintos tipos de muíños tradicionais da comarca do Condado, (en Galicia) chegarase á conclusión de que a meirande parte dos muíños son hidráulicos de regato con rodicio horizontal.

Unha das explicacións que se achan, a este feito, é a especial climatoloxía que caracteriza a Galicia mailo norte de Portugal, coa súa abundante pluviosidade para manter un caudal bastante regular dos seus ríos e regatos; alterado as veces polas grandes enchentes que chegaban a levar, dos muíños máis febles: o teito, as portas... Deste xeito nalgúns muíños da nosa térra constrúenlle un grande valado de pedras para impedir que as enchentes derruasen o muíño, nomeado entre nos: Torna-montes.»

«Con todo, os muíños situados preto do río ou que utilizan a auga directamente del, non son os máis abundantes no sur de Galicia, porque a súa construcción ten que ser máis cuidada polo perigo de seren derrubados polas enchentes, e polo tanto, era máis costosa a súa construcción, por mor disto, os labregos do noso agro optaron por un sistema máis sínxelo e práctico: Os muiños de canle.»

«Os muíños de canle crese que son os máis primitivos, pola súa simpleza de construcción e polo sinxelo do seu mecanismo de alimentación de auga para facilita-lo funcionamento do muiño: unha simple canle, que nos máis primitivos eran feitas de toros das árbores esfuracadas. Para poñer en movemento o complexo é necesario que o muíño estea situado nun pequeño socalco ou sumideiro, aproveitando o desnivel do terreo para face-la canle, coa finalidade de que a auga colla a velocidade idónea para poñer en movemento o devandito mecanismo de trituración.»

RESERVACIÓN DOS MUIÑOS

«Moitos muíños están nunha situación onde a súa reservación é imposible por diversos motivos, dos cales pódense destacar:

a.- Por un total desinterés dos seus propietarios por arranxalo, ben por non ter necesidade del, por ter un muiño eléctrico na casa e así non ter que perde-lo tempo en ir ó muiño, ter que moitas veces, antes de bótalo a andar, desencállalo, achar onde rompeu a lovada que impedia a chegada da auga ó muiño... Trábanos que escomezaron a ser costosos nunha sociedade que estaba a piques de entrar nunha nova etapa: a sociedade das presas, de acabar logo, de andar a carreira; o muíño xa non entra dentro desta nova mentalidade.

b.- Polo estado que presenta agora o muiño, onde xa é prácticamente imposible reconstruilo, tamén pola súa situación, por estar moitas veces moi afastados da aldea ou do casal, nunha revolta do río, cun acceso difícil en moitos casos porque os camiños e corredoiras polas que se chegaba ó muíño están arestora case que totalmente intransitables.

c.- Polo mal entendemento dos herdeiros. Uns porque mercaron un muíño eléctrico, outros porque emigraron e deixaron as veigas valdías, outros porque o muíño necesitaba unha reparación mais nadie mostra interese para arranxalo. Asi os muíños van como unhas pantasmas doutrora, onde en moitos casos xa se escomenza a dubidar incluso da súa propia existencia, asi como da importancia social e económica que tívo nun momento dado da nosa sociedade rural como reservador de algo tan importante como é a nosa propia lingua, que durante moito tempo estivo marxinada o ámbito familiar e rural, así que ó muiño debémoslle máis que palabras e agasallos.

Dos muíños que ainda non é tarde para poder resérvalos, como parte tan importante da nosa cultura, como un claro exemplo da nosa arquitectura popular, imaxinación técnica, escenario da vida social e de relación dunha sociedade que xa fenesceu. Estes pódense reservar como pequeños museos onde a xente, dun mañán moi próximo, poidan coñece-las súas partes, o seu mecanismo de funcionamento, o seu folclore, lendas, partes, como se botaba o muiño a moer, como se aferia...

Outra posibilidade e que algúns deles se transformen en locáis destinados a churrasqueiros, restaurantes típicos... Mais sempre coa condición de que manteñan inalterable o complexo histórico e sen engadiduras estranas que poidan daña-la imaxe típica dun muiño tradicional. Deste tipo de locáis hai algúns exemplos en Galicia que ademáis son pequeños focos en prol da cultura onde se dan conferencias, móstranse exposicións de pintura, fotografía... Crean unha atmósfera, dunha época que está a piques de fenescer. Outra posibilidade sería o aproveitamento destas construccións para a instalación de pequeños xeradores de electricidade comunitarios, deste xeito acadaríase un aforro considerable de combustibles sólidos e líquidos que están a contaminar en grande medida o noso medio ambiente.»
___

Na nosa parroquia, desgraciadamente non se conservan demasiados, un que ainda está en bastante bo estado, aínda que transformado xa nunha vivenda "divina de la muerte" e o chamado "De Picoñán", cuxas fotos (sacadas polo nunca ben preponderado compañeiro Carlos Sousa, jejeje) podedes ver ó principio desta entrada e de seguido:



Eso es to..., eso es to..., eso es todo amigos.

miércoles, 14 de mayo de 2008

Divas

"Como decíamos onte..."; esta sería unha boa frase para escomenzar este post despois de algún tempo xa sin publicar nada.

Como xa sabedes este é un blog donde ademáis de posts relacionados coa parroquia, de vez en cando dásenos por subir outro tipo de entradas que o noso entender resultan interesantes. Nesta ocasión quero mostrarvos un vídeo que me enviaron, que a mín persoalmente me encanta, xa que son moi cinéfilo. Faime recordar un vídeo-clip de Michael Jackson de hai algúns anos.

O vídeo en cuestión fai un percorrido polo mundo das actrices de Hollywood de onte, de hoxe e de sempre, cos fotogramas "enganchados" dun modo moi particular. Non me podo resistir a publica-lo, espero que vos guste tanto como a min:

video

martes, 6 de mayo de 2008

Entrevista a Lorenzo, ano 1972

O 3 de Xullo de 1972 ó periódico Galicia Deportiva publicaba esta entrevista feita a Lorenzo, presidente do Cultural Areas despois de lograr o ascenso a primeira:


O Cultural Areas, campeón do primeiro grupo da segunda división.




O Cultural Areas proclamouse campeón do primeiro grupo da segunda división comarcal, vencendo no sprint final o seu directo rival, o Xuvenil de Ponteareas, precisamente nos dous últimos partidos, un deles no propio Estadio Municipal de Pardellas, donde os representantes da vila do Tea perderon o liderato.

Posteriormente, na Copa Comarcal foron apeados do torneo na primeira ronda, estando xa, preparandose para a nova tempada e categoría.

Un home ó é todo no Cultural Areas: o seu presidente don Lorenzo Fernández Garrido. Fai as veces de adestrador, masaxista, mozo de material e ata reparte a propaganda do "clube dos seus amores". Loxicámente tén colaboradores e "según as súas manifestacións" moi bós colaboradores,sendo eles don José Alvarez Garrido, don José Fernández Garrido e don Floreano Lorenzo Bargiela, algún deles viste a camisola blanquiazul cando as circunstancias o exixen.

Fundouse o equipo no ano 1967, figurando na primeira División da liga Comarcal "única por aquel tempo", pero na Tempada seguinte descendeu a segunda división, retornando agora novamente a primeira categoría.

Rumoreuse, creo infundadamente, de que renunciarían o ascenso, por iso unha das preguntas obrigadas o presidente é :

-¿Dícese que renuncias ó ascenso? A resposta é taxante.

-Non renunciamos. De ningunha das maneiras, costounos moito ascender, e dende logo, ascenderemos.

-¿Proxectos cara á próxima tempada?

-Primeiramente terminar o cierre do campo, despois formar un equipo de xuvenís para ter a nosa propia canteira.

-¿A afición, responde?

-Si. Actualmente contamos con 123 socios, e creemos que agora incrementaranse, sendo a cuota media de 25 ptas. ó mes.

-¿Con que xogadores conseguiuse o ascenso?

-Anota: Porteiros: Chiño e Waldo, na zona defensiva contamos con Cañon, Gabino, Sanchez, Lage e Andrés, no medio campo, Ranchero, Floreano, Rubio e Julio, e como dianteiros, Manolo, Costas, Cándido, Hito, Chispa, Lito, Carlos, Bautista e Montero.

-¿Haberá cambios para o proximo campeonato?

-É lóxico que os haia. Temos que poñernos a altura da nova categoría.

-Como todolos equipos tivestes problemas ó longo do campeonato que agora finaliza. ¿Cales foron os principais?

-O de non poder alinear sempre o mesmo equipo, xa que os nosos xogadores moitas veces polo seu traballo, son netamente aficionados e moitas outras por non obter o correspondente permiso militar e a veces non puideron desplazarse os lugares onde se celebraban os encontros.

-¿Todo título acollese con satisfacción. ¿Como foi acollido o voso en Areas?

-A afición, coa natural alegría. Eu, particularmente, alegrome polos xogadores, quenes o toman como xusto premio ó seu esforzo, xa que isto non consistiu solo en xogar, sino que moitas veces puxeron os seus vehículos a disposición do clube para o transporte dos seus compañeiros nos desplazamentos. Ademais os que foron alineados, como soe decirse, sudaron a camiseta en cada partido.

Antes de finalizar esta información queremos resaltar unha vez máis a figura do presidente do Cultural Areas, que procedemos a resumir coa frase "todo polo Clube dos seus amores".

Na proxima tempada o Cultural Areas loita por conseguir un dos postos que lle sirvan de ponte para o ascenso a categoría superior. Ilusión non lle falta, nin a directiva, nin os xogadores. Ademais dun exemplo de organización e previsión: formar a súa propia canteira. Por outro lado conta cunha afición de todo eloxio. Deste conxunto, directiva, xogadores e afición, que forman a gran familia do Cultural Areas, podese esperar de todo. Desexamoslle sorte e que as suas aspiracións vexanse cumplidas."

Así remataba esta entrevista firmada por González Sobral.

lunes, 5 de mayo de 2008

Clasificación final 1ª División 2007-08



Chegou o remate da liga con unha nova derrota, esta vez por 6 a 3 frente o segundo clasificado, o Salvaterra F.S. Outra vez xustos a xogar, solo tíñamos un cambio, que ainda por riba é porteiro e xogou un pouco adiante, no no fixo tan mal, estamos pensando po ano poñelo a xogar adiante, je,je.

O final quedamos na decima plaza, salvados do descenso que era o que buscabamos ó principio, agora a ver que tal se nos dá a copa, o primer partido é contra o Budiño de segunda división, penso que non debíamos ter problemas, pero nunca se sabe.