domingo, 2 de mayo de 2010

O deserto da Picaraña

Onte celebrouse en Ponteareas a Romería da Picaraña. Non puiden asistir, pero imaxínome que ó igual que o ano pasado esta tradición está perdendo moito, e polo que vexo non sei se hai moito interés en recuperala.

Volveron a facer o concerto "Ovopicaraña" na víspera para a xuventude, con acampada. Isto nunha explanada que hai un pouco máis abaixo do monte. No día en sí, creo que fixeron xogos populares, como a chave, o pateiro, etc., unha boa forma de tentar recuperalos. Pero, qué pasou co marco desta festa?

Fai quince días decidimos ir ata a Picaraña a tomar unha fotos, xa que me enterara que cortaran os árboles ó redor da Cruz, e agora había unha boas vistas. Conforme se vai acercando, un vai alucinando pouco a pouco, e ó chegar xa non sabe nin que sentir. Da moita mágoa ver en que estado quedou o monte. Dende a Cruz, ata o outro lado detrás da Capela, está todo rapado, arrasado, asolado; tal cal un deserto.

Hai quen lle ve o lado positivo, coma a comunidade de montes que tomou a decisión. Na Peneira do Condado, entre outras cousa publicaban isto: "... especialmente importante está sendo a rexeneración do espazo coñecido como Cruz da Picaraña, onde se procedeu á eliminación da acacia australiana, especie invasora que degradara de maneira importante o espazo e que impedía o disfrute das vistas que ofrece o mirador natural da Picaraña. As acacias foron sustituidas de forma limitada e controlada por unha repoboación de varios centos de frondosas, entre oliveiras, cerdeiras, castiñeiros, carballos e bidueiros,...".

Visto como o explica o presidente da comunidade de montes, pode chegar a ser convincente. Pode que a acacia fora unha árbore invasora, pero a beleza deste paraxe consistía na cantidade de penedos que ten, e precisamente nestas árbores. Chamarlle tala "limitada e controlada", paréceme unha burla, xa que, como digo, talaron todo. E, pregúntome, esta rapa non podería facerse por fases? E dicir, agora os da Cruz, dentro duns anos a capela, e así ata ter todo repoboado, sen chegar a perecer un deserto. Cántos anos faran falta para recurar a súa beleza?

Non sei, pero a min non me cadra moito. Xa non se trata de recuperar unha romería, que antigamente traía a moita xente, agora o problema é recuperar o paraxe en sí, donde moita xente se acercaba os domingos a dar un paseo. Ó mellor tamén había moitos intereses en facer esta tala, pero iso xa non o sei.

Estas son algunhas mostras do monte este ano e o ano pasado, para que comparades, e a poder ser me digades se mereceu a pena facer este estropicio.