domingo, 29 de agosto de 2010

IX Edición da Festa do polo á brasa

Como se dunha entrega por fascículos de festas e papatorias se tratara, deixovos aquí a "enésima" festa que organizamos en Areas, a IX edición da Festa do polo á brasa. Como xa dixen anteriormente, esta festa estase a consolidar ano tras ano, e nesta edición volveuse a demostrar. Coma sempre un 10 para a organización, non é fácil poñer a tanta xente a traballar e que todo saia á perfección; e iso para min é un motivo do éxito da festa. Outro motivo moi importante, é o polo asado, que este ano estaba de vivio, a empanada (de polo, claro) e como non... o viño que rulou bastante ben (non é que fixera moitos estragos, ou quizás un chisquiño...).

Aparte da papatoria, tamén se celebra un Festival Folclórico; este ano contaban coas actuacións das Pandereteiras da A. Cultural de Guillade, as Pandereteiras Tolerías da C.C. de Areas, Banda de gaitas Manxadoira de Bueu e o Grupo Folclórico da C. Cultural de Areas. Como sobremesa, e a hora dos chupitos, actuación novamente do grupo Los Pérez, que de trío pasaron xa ser seis compoñentes; estes fan as delicias dos asistentes que teñen ganas de botar uns bailes. Unha das peculiaridades desta festa, e que me parece que vai ser nun futuro parte indispensable dela, é cando Jose, Carlos e Pancho se animan a subir ó escenario a interpretar "A cabritiña". Como segundo ano grabeinos coa miña cámara, e como segundo ano, Jose canta, Pancho anima, e Carlos... Carlos... este ano nin aguantaba o vaso, jeje. Non te me enfades tocaio.

Aquí vos queda o vídeo, que por certo, Jose faime unha publicidade gratuita ó principio, motivo polo que non me quedou máis remedio que publicarlle o vídeo. Sorte nun futuro para este pedazo de trío.


Se alguén quere comprobar os adiantos deste "trío", pode pinchar neste enlace que leva a edición do ano pasado.

Para rematar, no Feisbuc (rede social tan de moda agora, que non teño moita idea de como funciona e para que sirve) xa crearon unha páxina co nome de IX Festa do polo á brasa (como non podía ser doutra maneira). Esta creouna Vane, a filla de Maruja de Justavo, como me dixo ela. Se queredes ver mais fotos e informacion pinchade no enlace:

Facebook. IX Festa do polo á brasa

Estas dúas fotos son "roubadas" de alí. A organización bailando a cabritiña, ese pedazo de reportero que se vé ó fondo, é un servidor inmortalizando o momento. Ainda que sempre estou detrás da cámara algunhas veces tamen saio retratado, menos mal que son poucas veces.


Sobre as catro da tarde é cando lles toca comer ós currantes, merecido o tiñan, xa. E que "juapiños" estan todos tan iguais.


Ide pensando xa na seguinte edición, que de seguro vai durar uns poucos de anos máis.

En fin, con isto remato o meu repaso ás festas da zona, que non todo é troula, aquí tamén traballamos, e que haxa... Pero bueno, xa o dicía a canción:

Vivir en Areas,
que bonito é,
andar de parranda
e durmir de pé.

Ou era noutro lado? Da igual, facemos o que podemos...

domingo, 22 de agosto de 2010

Festas de Agosto

Xa a piques de rematar o mes de agosto, quería comentar un pouco o que son as festas pola zona. As que están tan de moda agora son as festas gastonómicas, e aquí temos nada menos que tres. A primeira en celebrarse foi a do Bacalao no parque de San Roque en Ponteareas, organizada por un restaurante da zona coa colaboración do Concello. Esta era a súa quinta edición e polo que escoiten, non se pode dicir que fora un éxito.

A seguinte foi a da cervexa e a sardiña, tamén no parque de San Roque. Esta foi organizada polo equipo de fútbol C.D.Cultural Areas (que compite na terceira división nacional) e era a súa segunda edición. Esta festa ten un fin recaudatorio, xa que o clube ten que sacar diñeiro debaixo das pedras para competir, e para min, cos precios un "pouquiño" desorbitados, pasou con máis pena que gloria, podéndose considerar un auténtico fracaso. Me parece a min que non sei se se chegará a celebrar a terceira edición.

E hoxe domingo ten lugar a IX edición da festa do polo á brasa, que a que podemos considerar a festa gastronómica de Areas, un festa que foi consolidándose ano tras ano, sendo xa unha referencia para a parroquia. Esperemos que hoxe continuen coa racha e repitan os éxitos anteriores.


Pero sen dúbida as festas por excelencia tanto de Areas coma de tódalas parroquias, son as festas patronais. Aquí hónrase a Ascención de Virxe, o 15 de Agosto. A festa non se celebra tódolos anos, isto é debido a que cada ano correspóndelle a un barrio da parroquia organizala, co que se garantiza que durante sete anos non lle volve a repetir ó mesmo barrio e por conseguinte á mesma xente (porque, coma sempre, ó final son sempre os mesmos). O lado negativo desta medida é que hai algúns barrios que xa non se acordan de celebrala. E claro, un 15 de Agosto sen festa non é o mesmo...

O que sempre se celebra son os actos relixiosos, isto é así dende non sei nin cando, os pequenos fan a primeira comunión, sae a procesión coa banda de música, bailan grupos de baile, e tómase o vermú ou a cerveciña na cultural, que na igrexa ese día non cabe un alma, e para iso temos a capela...

O que sí que me choca (ou non) é a cantidade de creentes que hai nese día, xente que en todo o ano non pisa a igrexa e nese día ata van con tempo para coller sitio... e claro, lucindo os mellores traxes e as mellores galas.

A nivel particular, comentar que tiven a primeira comunión de meu afillado. Nin que dicir ten, que intenten entrar na igrexa para tomarlle algunha foto (para outros motivos, xa é sabido que non o adoito facer...), pero foime totalmente imposible.

En fin, que a festa relixiosa segue sendo igual tódolos anos, cambian as xentes pero non as costumes. Para mostra estas dúas fotos con "apenas" 30 ou 40 anos de diferencia:



Este home calvo e esta muller morena (ou rubia) son os meus pais, xa era hora que os mostrara, agora a esperar que nadie llo conte...


Este é o meu afillado Nicolás, vestido como non... de marinerito. Para el foi un día grande. Despóis de comer de restaurante, pola comunión, dediquenme a sacarlle unhas fotos a miña "prinsesita" e a súa nai. Con modelos así e imposible que saian malas fotos (si, si, xa sei que se me cae a baba, é por que non?). Tamén sei que vades a dicir, que sorte que non se parece o pai, e visto así, é verdade, que sorte.

martes, 10 de agosto de 2010

A modo de complemento

Ben, xa que o último post de Carlos fai referencia o 25 aniversario da Cultural (o cal non poiden asistir), eu tamén quero poñer o meu graniño de Area subindo unhas "afotos" que conservo nunha carpetiña no portatil. (Tranquilo Carlos, non vou a subir aquela na que ensino o cu, ainda que por outra banda o meu cu xa é bastante coñecido na bisbarra; ...que nadie pense mal, o que acontece é que teño feito algún "calvo" que outro, jejeje ...xa sei o que estás pensando... ¡Nin se che ocurra, vamos!).





Prométovos que o que estou liando non é un pitillo da risa (eu non fumo desas cousas, jejeje), é tabaco de liar do que trae o selo da tabacalera e todo... sae máis barato e últimamente "la cona-mia" non está como para botar foguetes

Xa que estou con fotos, tamén vos quero presentar a meu primo pequerracho que se chama "Artai"... bueno, en realidade é fillo de meu primo (o melenudo que sae na foto) e máis da sua parella que é a moza que está o lado do feo calvo ese (un servidor)... é incrible a sensación de ter unha criatura tan fraxil nas mans, non sabía nin como collela. Espero que a Veki non lle importe que colgue esta foto (non, seguro que lle fará ilusión).

Así tamén de paso fago feliz ó cura que estaba desexando que todos vírades como a pesares de estar na igrexa, non se derrubou nin nada (velaquí a proba).

martes, 3 de agosto de 2010

XXV Aniversario Casa Cultural de Areas

Case nada! 25 anos foron os que cumpriu a "Casa Cultural, Artística e Deportiva de Areas". Se ben é certo que a data exacta é a do 15 de Agosto, foi este domingo pasado cando o celebraron e o fixeron por todo o alto. Coma sempre, nestes casos, non puido faltar a misa parroquial coa homilía do párroco Manuel e constantes recordos ós socios falecidos nestes anos e sobre todo para o primeiro presidente Alvaro Carrera. (Esta parte contáronma, que non "puiden" asistir). A misa foi cantada pola coral Santa María de Areas (Como di Nemesio, un dos seus compoñentes, a mellor coral de Areas, en parte por ser a que hai).

Logo actuacións do Grupo de gaitas e baile de Areas, e das pandereteiras Tolerías, tamén de Areas, que soportaron o calor estoicamente. E dou fe que si facía, que a esa hora do "vermucito" apretaba ben. E para rematar a festa, unha comida campestre no torreiro da igrexa á sombra dunha carpa, non era a sombra dunha carballeira pero aliviaba algo o calor, polo menos ata que chegaron os "chupitos". A comida foi a base de polbo á feira e carne ó caldeiro, e polo que me dixo Julito (que non se perde unha papatoria) había a esgalla, era como o miragre da multiplicación dos peixes...
E para rematar o típico nestes casos, discursos varios do presidente actual, personaxes e políticos asistentes (destes había un feixe deles, non sei por qué...) e máis recordos ós fundadores, e agradecementos ós colaboradores que fan posible que siga funcionando. Se algo botei en falta, foi unha exposición de fotos dos actos que se viñeron facendo nestes anos. Non sei, non é con ánimo de criticar, pero penso que valería moito para recordar esta traxectoria, que 25 anos non se cumpren tódolos días.

Centrándome un pouco na institución en sí, como o seu nome indica "Casa Cultural, Artística e Deportiva de Areas", podo dicir que no referente ó cultural e artístico goza de boa saúde (sempre dentro duns marxes). Hoxe en día efectúanse distintas actividades, como os citados grupos de baile, de pandereteiras e a coral, un grupo playbak, distintos tipos de cursillos, charlas coloquiais e actuacións. No mes de Novembro adoita celebrarse o Mes Cultural. Bótase en falta algún grupo xa desaparecido como o grupo de teatro que o compoñían varios amigos meus. Tamén a directiva organiza a cada vez máis famosa Festa do polo á brasa, que se vai celebrar agora neste mes.

E non meu plan de buscar "peros", teño que buscarllo no tema deportivo. Aquí a saúde, xa non e que sexa mala, máis ben é que non hai ningunha. Hai moitos anos aínda se organizara algún torneo de Fútbol sala, pero agora o deporte que se practica nesta casa como vos mostro nestas dúas fotos, limítase a unhas timbas de tute e fubolín (Na do fubolín, aparecemos Beni máis eu, concentrados vésenos...) Por outra parte, estes deportes practícanse na cantina, a sala máis frecuentada da casa



Habería que considerar a opción de cambiarlle o nome polo de "Casa Cultural, Artística e Gastronómica de Areas". Resultaría máis axeitado, jeje.

Dende aquí quero darlle os meus parabéns, e que sigan a funcionar para chegar ó 50 aniversario.