martes, 29 de septiembre de 2009

A toma do Concello

A foto o dice todo. Vendo que non nos dan moitas solucións decidimos tomar o Concello. Como se fósemos revolucionarios, ás 8 da mañán entramos como se nada e instalámonos no salón de plenos do Concello. Agora, cando xa van para as 4 da madrugada, e despóis de turnarnos durante o día, algúns xa cairon a durmir, outros teclean no portátil (caso dun coma min, que xa tiña mono de "intrenete" despóis de tantos días sen usalo) e os rapaces tómanno como un día de festa. Non hai quen os cale, dame que non van a doblar tan cedo.

Hoxe, en palabras do alcalde, parece ser que o tema vaise solucionar, chegou a un preacordo cos donos do terreno colindante co instituto. Pero nós, que xa estamos curados de espanto, non nos fíamos e vamos a seguir co noso encerro ata que nos presenten documentos firmados e empecen a traballar nos accesos, cousa que parece será alá cara ó xoves.

Esperemos que sexa así e terminar dunha vez con esta situación, que isto non hai corpo que o aguante.

Deixovos varias mostras do encerro.







Perdoarme que non pase moito polos vosos blogs, pero voltaremos a normalidade. Ou espero...

sábado, 26 de septiembre de 2009

Seguimos en loita..., e seguiremos

Como vos dixen, non quería ter motivos para volver a falar do tema do novo Instituto, pero por desgraza teño que facelo. Despóis dunha semana moi líada, sigo aquí e como vedes na foto seguimos en loita, non nos van a doblar por caprichos.

A proba final de que estamos en toda posesión da razón viviuse onte en Ponteareas cunha data histórica para o pobo. Non me gustaría que o día histórico fose por este motivo, pero a manifestación de onte coa asistencia dunhas, aproximadamente, 3.000 persoas o dice todo, ven a reflexar o sentir dun pobo que non admite que se brinque con rapaces como se fosen unha especie de pelagatos. Nunca admitiremos o horario de tarde-noite que nos queren impoñer. Non vamos a permitir que os nosos fillos cheguen a casa sobre as 9 ou 10 da noite. Non é viable nin por asomo.

Levamos unha semana chea de mobilizacións e reunións, algo temos avanzado pero aínda nos falta o golpe final para que dunha vez por todas nos fagan unha proposta aceptable. As reunións co Sr. Alcarde, un dos culpables máis importantes do conflicto, foron infructuosas de todo. Topámonos cunha chea de mentiras, que si martes ía á Xunta a solucionar o problema, que si tal, que si cual... Todo mentiras. Nos dous plenos que houbo esta semana demostrou que pouco salida ten para un problema orixinado por el e o seu equipo de goberno, e asistíu ás increpacións que lle soltou o público que abarrotaba o salon de plenos, incluído eu, ata que tuvo que disolver o pleno. Quíxose apuntar un tanto a favor cando falou de que conseguiría unha reunión co Secretario Xeral de Educación da Xunta e co Xefe Territorial, cando iso conseguímolo nos, a Plataforma de pais afectados. O dito, mentiras e máis mentiras.

O que conseguimos foi forzar para que puxeran en marcha un expediente de expropiación e ocupación de bienes, que ó parecer pode durar un máximo de dous meses. Aí é donde nos preguntamos porque non fixeron este requisito hai tres ou catro meses si xa sabían o que ía pasar.

Agora estamos traballando en reubicar ós alumnos noutro centro, ou en varios, aínda que as súas condicións sexan un pouco máis precarias, sempre e cando sexa unha medida provisional de un trimestre. Hai varias propostas enriba da mesa, non todas satisfactorias, pero algunha pode ser víable sempre e cando a inspectora de Educación (bastante reticente ela) dea o seu visto bo.

A ver se o luns temos unha solución, ou algo xa avanzado. É necesario

Outro momento da manifestación, que durou unhas tres horas.


Integrantes da banda de música que nos acompañaron durante a concentración. Con este horario que nos propoñen non poderían estudar e ensallar.


Público asistente ó Pleno do xoves.


Os "paseos" polos pasos de peóns tamén foron chamativos e crearon un bo caos.


Momento da reunión da Plataforma en Pontevedra coas institucións de Educación.

sábado, 19 de septiembre de 2009

Víase vir, aquí non escomenzan as clases.

Na prensa viña unha noticia o venres de que os curso escolar escomenzara sen problemas. Pois así debeu ser donde de verdade escomenzaron, xa que en Ponteareas o novo instituto do Barral, aínda está, como xa contara, sen rematar.

Onte os pais dos rapaces ós que lle corresponde este centro, tivemos unha reunión, que nun principio pensamos que era para tratar o tema, pero atópamonos con que era simplemente a ordinaria que se adoita facer en calquer centro ó inicio do curso. Mal asunto, alí só estaban algúns profesores, nin rastro de algún representante do Concello ou da Consellería de Educación. A pobre directora (que xa se temía que a ían a tomar con ela) despóis das presentacións escomenza o seu informe. Cando comenta, que de maneira provisional, as clases impartiranse no Instituto Val do Tea en horario de tarde a partir das tres e media, empezou o follón. Protestas e preguntas sen xeito, todo o mundo falando ó mesmo tempo, descoordinación, en fin, unha feira... A directora segue a explicar que despóis haberá unha reunión entre os pais e as ANPAS para buscarlle unha solución, que ela non pode facer nada, que simplemente está alí para explicar as solucións que a Consellería creu convintes, pero nada, malamente pudo falar.

A seguir celebrouse dita reunión entre os pais, chegando a conclusión que o luns non se ían mandar ós fillos a clase, xa que aparte de ser nun horario contraproducente, afectaría ás actividades extraescolares, entre outros moitos problemas particulares. Outro dos motivos de tomar esta decisión, é que se se acepta ese horario "provisional", parecería que estábamos de acordo e o "provisional" podería chegar a convertirse en "eterno". Vaise crear unha plataforma para xestionar as medidas que se van a tomar, en forma de presión para que nos escoiten, na cal anoteime (visto que a maioría dos que nun principio estaban formando o follón non o facían).

As primeiras mostras de protesta, mentras non se consiguen os permisos para manifestacións, mobilizacións... serán sendas concentracións na esplanada do Val do Tea o luns e martes ás 8:30 da mañán, con "paseo" ata o Concello.

Para rematar quixera explicar por que se chegou ó principio do curso e o instituto segue sin ter accesos, agora xa me enterei ben. Intentarei ser breve (se son capaz)

Debe haber uns cinco anos, ante a necesidade dun novo instituto, o Concello conseguíu a cesión duns terrenos para tal fin. Logo virían as negociacions coa Consellería de Educación para consolidar o proxecto. Haberá dous ou tres anos que conseguiron chegar a un acordo. Este consistiría en que a Consellería executaría a construcción do centro e o Concello comprometeríase a garantizar que este dispuxese de servizos (tales como auga, luz e saneamento, aparte da súa lóxica entrada). Ata aí todo correcto, pero hai que voltar atrás no tempo para ver cal foi o acordo ou permuta que o Concello tuvo cos propietarios. Este era o seguinte, os propietarios dun terreno que hai ó carón da N-120, cedíanlle parte del coa condición de que lles recalificaran o resto (estamos falando dunha gran extensión), que parece ser era o que estaba previsto no PXOM. O Concello rexistrou o terreno cedido, pero aforrouse o gasto de rexistrar eses poucos metros, que en teoría estan afectados pola estrada nacional, pero que de facelo serían propios, polo que agora siguen pertencendo os anteriores propietarios.

Como este plan nunca chegou a aprovarse (como en tantos pobos), os antiguos propietarios nunca chegaron a sacar beneficio da cesión, e agora que o centro está totalmente rematado, non permiten que a entrada ó edificio, e as acometidas de auga, luz, e saneamento pasen pola súa propiedade. Algo aparentemente normal, por outra banda. E así, lévase un ano avisando da situación, e o Concello esperando ata o final para reabrir as negociacións cos propietarios, que agora ben podería decirse que teñen a sartén polo mango. Agora temos unhas novas instalacións modernas, que como se fora unha isla, están totalmente rodeadas de propiedades particulares.

A ver en que queda o tema, non me gustaría ter que escribir moito sobre isto, pero me da que vai ser que si.

martes, 15 de septiembre de 2009

Primeiro día de escola

Como xa sabedes este xoves pasado escomenzou a escola para os nenos de primaria. Para algúns era o primeiro día que ían, entre eles a miña pequena que aí a vedes toda sonrinte. É unha data desas sinaladas que un sempre recorda, pasarán os anos e lembrarémonos de como actuaron e a cariña de satisfacción por un lado e de pena polo outro, que nos queda.

No meu caso tíñamos un medo terrible a ver como reaccionaba, xa que é unha nena moi apegada ós páis. Cando estamos na casa é un encanto, fala, ríe, inventa historias da televisión, fai diálogos ela soa facendo de dous persoaxes... o típico nos nenos desa idade. Pero cando saímos da casa, nun principio vai toda contenta, pero así que se lle arrima alguén a falar con ela, aínda que sexa coñecido, bufff! "la cagamos", entrálle un medo e agárrase as pernas da nai ou as miñas e non hai forma de que levante a cabeza. Terrible, parece como se nunca saíra da casa. Bueno, pouco a pouco vai cambiando.

Pois o caso é que estaba bastante concienciada e tiña gañas de ir, a víspera estaba toda nerviosa, pero nunca se sabe. Para a nosa sorpresa, foi todo o contrario do que pensábamos, quedou alí moi contenta, un pouco cortada pero contenta. A escola é unha unitaria de aldea (aquela que como vos conten querían pechar e non foron capaces), e non ten eses período de adaptación por horas, polo que houbo que ir buscala a unha. Aí si que viu a sorpresa! Empezou a chorar como unha descosida, que non quería voltar para casa... se as veces non hai que os entenda...

E así xa van catro días, e segue indo contenta, polo menos xa non chora ó voltar. Na foto podedes ver a miña "prinsesita" cunha sonrisa de ourella a ourella, co seu mandilón rosa, a súa mochila de Winnie Pooh (non tiñan de princesita, que é a que quería ela) ó saír da casa.

O seu irmán, o meu pequeno (buff! como medra) saíu a despedila pola mañan, a el tocaríalle escomenzar este xoves, pero como se vía vir, non vai ser así. Polo de pronto este venres os pais temos unha reunión pola tarde para ver como queda a cousa do instituto. Unha das opcións que barallan pode ser a de dar clases pola tarde no outro instituto. O que faltaba xa, por culpa de un mal proxecto e unha mala planificación que teñan que pagalas os de sempre

martes, 8 de septiembre de 2009

Outra de "austeridade"

Sempre dixen que non ía falar de relixión (como poño na parte esquerda na presentación do blog) pero dunha volta falen da austeridade do clero. Tamén dixen que non ía falar de política, pero se daquela o fixen co clero non vexo por que non vou a facelo agora sobre este tema. Así polo tanto vou dar a miña opinión sobre a "austeridade" das políticas da Xunta máila dos seus inquilinos.

Antes de meterme no tema que me interesa, quixera mencionar tamén a última metedura de pata do presidente da Xunta, con motivo do tirón de ourellas que lle mandou Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega (RAG) criticando claramente a súa política lingüística. Este tuvo que asistir atónito e descolocado ante as manifestación elocuentes (e cheas de lóxica) de Barreiro. Pero logo soltouse con que estaba respaldado polos seus votantes que así o quixeron, e polos resultados do famoso e triste referéndum ó cal fomos sometidos os pais dos alumnos en idade escolar e case que claramente manipulado (ou polo menos na forma). Polo tanto parece ser que a derogación do galego vai seguir adiante, pese ós aviso que lle veñen de tantos frentes, este último ben xustificado.

Pero neste momento o que máis me fastidia son algunhas das medidas tomadas, para nun principio, recortar gastos, á larga xa se verá. Unha delas é a supresión da gratuidade dos libros de texto. Unha medida claramente contraria ó interés popular, pero que, como sempre, esconden detrás duns razoamentos, deixando ver só o que lles interesa e enganando claramente ós interesados.

Segundo teño entendido, ata agora o modelo que tíñamos de gratuidade dos libros, estaba composto por un préstamo do libro que había que devolver o finalizar o curso escolar. Estes libros durarían un ciclo de catro anos, a partir dos cales renovaríase o material. A inversión nun principio poderíase considerar moi importante, pero habería que botarlle as contas ó tal ciclo, co cal o gasto veríase considerablemente reducido. Aparte disto, crearíase nos alumnos unhas costumes moi positivas, como é a de coidar o material e ser un pouco máis solidarios cos que veñen detrás. Viuse logrando o que se podería chamar un dereito cidadán.

Pois agora os da Xunta saen con que van recortar gastos e que non queren libros en préstamo senón libros en propiedade, para que o alumno poida facer anotacións neles. E como se poden reducir gastos con esta idea? Pois simplemente dándolle a opción a ter dereito destes libros o 22% do alumnado. Este 22% escollerase según os que menos ingresos teñan, coas conseguintes dúbidas sobre o baremo que utilizarán para medilo. Non quero pensar a cantidade de pais cuns ingresos bastantes baixos que se van quedar fóra da medida.

De momento a xente non pon moito o grito no ceo, xa que moitos aínda teñen dereito ós libros que non cumpriron o ciclo. Pero cando este se agote, darémonos conta do equivocada da medida. Veremos que non existe tal aforro e sobre todo que só se beneficiarán dela unha pequena minoría.

Pero tranquilos que ninguén se vai mobilizar, saben facela e teñen á xente moi "embobada" (non estou intentando insultar, simplemente quero dicir que lle comen moito o coco).

Esta é unha parodia do que pode chegar a convertirse esta medida:



Bueno, e como falén na entrada anterior o instituto novo está máis que no aire.

martes, 1 de septiembre de 2009

Setembro, e o que conleva

Xa nos rematou este agosto, que ó final parece que si trouxo o calor, e polo tanto escomenza setembro e os seus conseguintes cursos. Algúns apetecibles, que xa se botaban en falta e outros xa non tanto, que parece que aínda remataron onte.

Escomenzan as ligas deportivas, e por iso en Areas este domingo pódese dicir que foi un día especial. Debutou o Cultural Areas en categoría nacional, despóis de acadar o ascenso á Terceira División. Fixoo empatando no Campo da Lomba, contra o Alondras de Cangas. Non é que fora un resultado moi bo, pero polo menos é un principio, todo o que non sexa perder este ano pode ser positivo. Nos prolegómenos do partido fixéronlle entrega ó clube do trofeo de campión do ano pasado, o cal fixo que houbera bastante asistencia ó campo.
(Non fun ó campo polo que desta volta non teño fotiños)

Con respecto a Escola de fútbol do Condado (donde como xa conten xoga meu fillo), os adestramentos xa escomenzaran anteriormente, pero este domingo tivo lugar a presentación no campo de Angoares de tódalas categorías do clube. Isto cada vez vai a máis, cun montaxe máis propio dun equipo de estrelas deses de primeira división. Os xogadores ían saíndo o campo un por un por categorías, mentras os nomeaban por megafonía. O encargado desta función foi Terio Carrera, presentador de deportes da TVG e veciño da nosa parroquia de Areas. Todo un detalle pola súa parte acudir tódolos anos a este día festivo da escola. Na foto saen os compoñentes da escola, máis ou menos sobre 300, picade mela para vela máis grande.


Este é Hugo, o máis cativo con tan só tres aniños. Cada vez son máis precoces.


Pero tamén escomenza a escola, e aí os rapaces xa non están tan contentos. Pero aquí hai algún "problemilla". A meu fillo tócalle estrear instituto. isto sempre sería unha nova agradable, sobre todo despóis dos problemas que houbera para conseguilo. Pero a falta de uns dez días para que comencen as clases, isto está todo no aire. Agora resulta que aínda lle faltan algúns servizos, tales como a auga, luz e saneamiento. Case nada... E o peor, nin tan siquera ten accesos, pola estrada nacional parece ser que non lla deixan facer, e polo outro lado que podería ser trátase de terrenos particulares e parece que hai problemas.
Isto parece de chiste, vamos. O que conleva facer un edificio para ese fin, coa de arquitectos e outros expertos que duberon traballar no proxecto , e que deixen pasar un detalle destes, paréceme inaceptable.

Este ano tócame escolarizar á miña pequena (xa me imaxino os primeiros días, vaia festiñas vai facer...). Aquí tamén tivemos os nosos problemas, pois querían pechar a escola unitaria de San Mateo, que me queda ó lado da casa. Ó final, despóis de moito traballo, recollida de firmas e reunións co alcalde, logrouse evitalo. Para min paréceme o máis acertado, pois se ben nos colexios de Ponteareas igual dispoñen de medios máis modernos, nestas escolas de aldea, penso que o trato pode chegar a ser máis personal e os pequenos de momento estar máis no seu entorno viciñal. O de mandar a miña de tres anos en autobús, dende logo non me facía ilusión ningunha, e claro, ó traballar a ver como faríamos para levala nos.

Outra nova que vin hoxe na rede, e despóis no Faro de Vigo, foi a da ponteareana, Rosa Amoedo, que como pon o titular, conquistou América. De empregada da limpeza chegou a conquistar un Premio Emmy, como perruqueira dunha televesión. Case nada.
(Picade para ler a nova)

Máis ou menos así escomenza setembro. A ver como remata, que as previsións non son nada boas e co da gripe A xa non digamos. Me parece a min que o servizo de urxencias vai a estar un pouco saturado.

Para rematar comentarvos que este sábado día 5 terá lugar a Feira Tradicional. Esta é a do ano pasado.