lunes, 28 de diciembre de 2009

Clasificación a 28 de decembro

A Liga de fútbol Sala segue a disputarse. Esta nin o Nadal respeta e a falla dunha xornada para que remate esta primeira volta, esta é a clasificación:



Parece que estamos en horas baixas, pero os que nos coñecen saben que o noso perigo ven na segunda volta, cando xa estamos rodados (é que os que temos unha idade custanos moito arrancar...). Proba do pánico que nos teñen os rivais, e o titular deste periódico deportivo que hoxe nos saca en portada:



A verdade que este periódico ultimamente ten moitos erros, mira que non ser capaces de meternos a todos na foto... Serán chapuceiros... O máis probable é que aínda foron capaces de botar un par de horiñas en facer esta portada...

Aínda que se está a rematar o día, tende coidado coas inocentadas. Neste caso, xa volo digo, a inocentada ven sendo a da clasificación, a portada é real coma vida mesmo...

jueves, 24 de diciembre de 2009

O Nadal e a nai que o pariu.

En fin..., é posible que algún lector crente se ofenda co que vou decir; pero polo menos na parroquia de Areas cando unha tía queda preñada de alguén que non é o seu marido (por moi espírito santo que se faga chamar o interfecto), aínda que veña disfrazado de pomba e ó cornudo do seu marido lle de igual; polo "bajinis" e en "petit-comité" a catologarían de algo que non vou a nomear para non ferir sensibilidades.

Atolado mundo (e hipócrita) é este, onde os pais que se queixan de que os seus fillos estean obrigados na escola a ver a imaxe dun "hippie" torturado nunha cruz de madeira, sexan os mesmos que tódolos 25 de decembro bican no xeonllo ó protagonista da mesma imaxe 33 anos máis novo, namentras aceptan de bo grado o sorriso cómplice da súa beata sogra antes de comulgar.

Diante do "arbolito" dos collóns e do Belén (co boi, a vaca, o anxeliño pendurado do fío de seda, o cornudo, a parturenta, os patiños, o cagón de rigor e as súas graciosas maxestades); pómonos ata o cu de langostinos, turrón e anguriñas (que non son angulas, pero casi).

Esa é a parte boa; a mala é que o can se caga na cociña, as luces chispeantes do arbol xa non chispean tanto como o tío que vén de tomala cos amigos, a avoa alporízase porque os netos xa non lle dan tantos bicos como antes, a nai séntese acalorada de tanto cociñar e ó pai saíronlle as cores ó ver como o avó tamén se cagou na cociña.

Nesta época de tanto falso laicismo busquei algunha efemérides que poidésemos celebrar, pero inconscientemente tódalas que se me ocorren teñen que ver cun santo (bendita educación); namentras propoño celebrar nun futuro o día en que a "Rahîn", un mozo iraquí huerfano por culpa do petroleo, o deixen de apedrear por ser homosexual, levar o pelo longo e querer xogar coa "Play-Station".

Si, xa o sei..., saíume a miña vea cínica; pero afortunadamente tamén contamos con celebracións un tanto paganas como a das doce uvas, da cal eu tamén participo (sen recorrer á comodidade de "Cofrusa" que ata veñen sen pepitas) e que consiste básicamente en ver a cara de gilipollas que poñen os que te rodean, namentras van abastecendo os seus carrillos con aire moi trascendental a toque de campá.

Ás doce e un segundo (por mor das mareas) deste ano, logo de pornos roupa de gala, limpar a merda da cociña, confundirnos nas badaladas por culpa do carrillón e reducir drásticamente a vaixela dos domingos, saímos á rúa a tirar petardos e a celebrar os bos propósitos que decidimos realizar no flamante 2009.

De tódolos xeitos e a pesares do atragantón, viva o bico de despois, o abrazo ós amigos, a mancha de champán, os bailes descontrolados, o "polvo" que pensabas botar, o "polvo" que ó final botaches, os "arrumakos" espontaneos, as panxoliñas desafinadas, as risas sinceras, a luz do amencer ó saír do local onde estiveches lucindo a teu carísima vestimenta, a luz do amencer se saes en pelotas, "Rahîn" porque decidiu non cortarse o cabelo, este hipócrita tocapelotas e tódolos que coma min miran ó futuro con optimismo.

Desbordo de espírito navideño, así que (sen muérdago nin nada) quero darlle un bico: en primeiro lugar a Carlos por entenderme (aínda sen entender), a súa familia por entendelo, a ti que xa sabes por aquilo que non conto, ós visitantes deste blog (e ás visitantas tamén, jejeje), a tódolos que brindaron conmigo e ós reis magos porque bastante teñen co que teñen.

En serio.... que lle dean polo cu á crise, comprarvos unhas luceciñas novas para a árbore, e iros preparando para albisca-las primeiras luces do 2010 en pelotas, como teño pensado facer eu.

Este post foi colocado orixinalmelme neste mesmo blog por Beni, o 1 de xaneiro deste ano que esta a rematar. Si, Beni é aquel socio meu que me meteu nisto e agora leva unha temporada facendo o remolón. Como queira que sempre estou pedíndolle que escriba algo, e non me fai moito caso, pois eu mesmo decidín volver a publicar esta entrada del, que é unha das últimas que escribira e paréceme memorable. Non sei moi ben en que estado se atoparía cando o escribiu daquela, pero é a realidade mesma, aínda que o noso amigo Manolo enfadarase todo con el.

Boas festas a todos.

jueves, 17 de diciembre de 2009

A lenda do Fresco (2ª parte)

Despóis dun pequeniño descanso, e de que me chamaran cariñosamente vago (o cal non é mentira ningunha), creo que vai sendo hora de retomar a historia do Fresco. E alá vamos coa segunda parte, sempre basada na reportaxe de Xoan Xosé Pérez Labaca, publicada no Faro de Vigo. Teño que dicir que esta segunda parte decepcionoume bastante, esperaba moito máis. Vamos alá:

Cando se produxo o levantamento do exercito en África e do comenzo a guerra civil, foron a buscar ó Fresco a súa casa os socialistas e os do fronte populista de Ponteareas para que se incorporase á defensa da República. Aclamado por todos foi cara a Lavadores, como xefe de partida, pois a xente das esquerdas resistían por uns días os ataques dos militares, aguantando con barricadas nas rúas. Tomou parte activa ó asalto ó chalet dos Nuñez, que era a vivenda do industrial Estanislao Núñez. No asalto pereceu o sinalado industrial e grazas a intervención do Fresco dous fillos salvaron a vida. Hai outra versión que aporta o neto de Estanislao Núñez, que dí que é crenza familiar que seu avó foi morto por Fresco nun disparo na cabeza cando fuxía da súa casa na que se atopaba só.

Esta foi a primeira intervención, e prácticamente a última, de González Fresco xa que pouco despóis ó caer as resistencias en Vigo, decidíu botarse ó monte onde xa se refuxiaban outros fuxidos agrarios, socialistas, anarquistas, comunistas e galeguistas. A súa condición de fuxido non foi moi longa, pois durou dende xullo de 1936 ata os días do Nadal do mesmo ano, se ben a nova do seu pasamento non se soubo ata o día de Reis do ano 1937.

A propaganda republicana quixo converter a Fresco nun líder guerrilleiro, cando en contra do que dicía tal propaganda, este apenas participou nas accións que os fuxidos tiveron nos montes contra posicións militares ou paisanos relacionados co levantamento. Non foi nunca un gerrilleiro vencellado a uns mandos políticos comunistas. Tamén é certo que moitos dos fuxidos, para solventar a súa inocencia usaron o nome do Fresco como autor de feitos e accións armadas que eles mesmos realizaron. Polo que logo deixou escrito, el nunca foi partidario de certas prácticas violentas que cualificaba de criminais por parte dalgúns fuxidos. Opinión que manifestaba con moita frecuencia dicindo: "Non matedes! Non vos convirtades en asasinos. Non sexades coma eles".

Din que tratou de fuxir a Portugal e por iso recurriu a xentes que consideraba súas amizades. Dentro deses amigos figuraba un tal Peypoch, de Mondariz Balneario, co que tiña preparado un encontro. Pero este o que lle tiña preparada era unha emboscada, coa casa rodeada de falanxistas e gardas civís, pero Fresco avisado por algún confidente non compadeceu ó encontro. En Vigo chegaron a ofrecer importantes cantidades de cartos pola súa captura, tanto vivo como morto.

A nova da súa morte chrgou o día de Reis cando o atoparon morto no monte Galleiro. A súa muller, Nieves Souto, que seguía residindo na casa de Areas, foi levada para identificalo ó cementerio de Padróns e alí foi enterrado. Sobre como foi a súa morte, hai varias versións. Unha é que foi cribado por disparos da Falanxe da Garda Civil. Este feito é dubidoso, pois se fose así saberíase no momento, pois a morte do Fresco sería para eles obxectivo principal do que gabarían de inmediato. Outros responsabilizan a algún veciño que o traicionou. Tampouco se pode descartar que fose nunha loita entre os propios fuxidos pois non coincidían en moitas formas de pensar e de actuar.

Labaca remata o artículo dicindo, "O que si é verdade é que a historia deste home é unha historia da loucura e da senrazón dunha época na que, pola súa condición de deportista, tirador de primeira liña e home destacado tivo que, por medo propio e dos seus, botarse ó monte fuxindo polo feito de sobresaír naquela sociedade na que lle tocou vivir. Da historia do Fresco aínda se fala hoxe por estas terras. A vista dela, nós pedimos que non veñan nunca xamais tempos deses."

En fin, eu sei que aquí falta moito por contar que por uns motivos ou outros, Labaca non nos fala deles. Prometo enterarme (se a miña vagancia mo permite...) e se cadra algún día haberá unha terceira parte sobre a lenda do Fresco.

martes, 8 de diciembre de 2009

A lenda do Fresco e a Quinta da Boa Vista

Sempre me interesou saber algo sobre "O Fresco", personaxe que viviu en Areas na Quinta da Boa Vista, agora chamada Granxa Escola, e que tivo que andar fuxido polos montes da comarca ata que o asesinaran. Parte da miña curiosidade viuse colmada este sábado o ler no "Especial Condado Paradanta" que ven no Faro de Vigo, un reportaxe de Xoan Xosé Pérez Labaca, titulado "A lenda do Fresco (1ª parte)".

Neste suplemento dos sábados, Este profesor e historiador das costumes da terra adoita facer uns reportaxes moi interesantes, e non perdo ocasión de botarlle unha ollada. Como digo, nesta ocasión fala da vida de Manuel González Fresco, o dono da extensión máis grande que temos en Areas, agora propiedade da Xunta de Galicia.

Pois ben, Fresco naceu en Vigo no ano 1886 no seu dunha familia pudente que poseía importantes propiedades das que disfrutou toda a vida. Tiña fama de ter unha excelente puntería, iso era debido a súa afición pola caza e torneos de tiro pichón nos que logrou numerosos trofeos. A súa estabilidade económica e situación social permitíalle practicar estas aficións e codearse co máis selecto da cidade. Asi mesmo era un gran deportista e chegou a ser campión de Galicia de ciclismo no ano 1903. Traballou como corredor de comercio, pero ós vinteoito anos, retírase a súa finca de Areas, a Quinta da boa Vista. Alí racha coa vida anterior e cásase con Nieves Souto Alfaya, muller dunha clase social moi inferior á súa. Este matrimonio nunca foi ben aceptado pola sociedade burguesa de Vigo nin pola súa familia.
Aparte de ser amigo das relacións sociáis, dos deportes, das viaxes, da caza... en fin da boa vida, tamén era moi extrovertido, cordial e xeneroso, virtude que lle acarrexou duras criticas do seu entorno. Converteuse nunha especie de "protector dos humildes" e "pai dos pobres", como aínda lle chaman hoxe en día as persoas que o trataron ou tiveron conciencia da súa vida.
Con trinta anos comenza a interesarse pola política e estivo relacionado coa organización sindical UGT. Despóis xunto con Benito Casanovas foi fundador local do Partido Socialista de Ponteareas, do que se separaría máis tarde por diferencias cos responsables. Conta del o seu biografo Victor Fernández Freixanes "Non era un home de grandes ideas políticas. Tampouco era un lider. A carisma popular que tiña viña dada pola súa xenerosidade sustentada na considerable fortuna que poseía e na práctica social entre os traballadores e labregos da comarca que o idolatraban".

Viaxou a Alemania, de donde regresou moi sensibilizado polos conflictos sociais que este país padecía. Logo viaxou a Brasil, xunto a uns irmáns que residían alí, voltou logo xa que non lle sentaba ben o clima. Nunha visita a Vigo entrou en contacto coas correntes galegas e, ó parecer, tamén con Castelao.

E así remata Labaca o séu reportaxe, deixando o final para o próximo número. Supoño que aí contaranos a súa andaina como fuxido, e o seu posterior asesinato. Tamén supoño que contará por qué a Quinta da Boa Vista pasou a poder do goberno. Según me contaron, o estado conseguiu o terreno en propiedade a cambio dunha irrisoria cantidade de diñeiro e a entrega do corpo á familia, para poder enterralo no cementerio de Areas. De non ser así, posiblemente estaría aínda nunha fosa común, coma tantos outros. Xa vedes, negocios...

Estas fotos sacámolas un sábado no verán saltando a valla, xa que alí non había nadie. Recordoume cando era pequeno e me mandaban ir buscar o leite, en vez de ir á volta polo portal, saltaba o muro que dividía a finca coa casa dos meus pais, sempre con coidado que non me pillase (a bronca era segura). Outras veces, cuns veciños entrábamos e facíamos de exploradores, xogábamos o tenis... É que daquela, aparte de ser centro de educación profesional agraria, dedicábase moito a ganadería. Tiñan un gran número de vacas e os terrenos eran sobre todo para pastoreo e para plantar millo para os silos. Hoxe en día a maior parte do terreno esta cultivado por viñedos e invernaderos, donde cultivan tanto frores como hortalizas, sempre basándose no estudio.


domingo, 29 de noviembre de 2009

O balón máis el.

Hoxe só se fala do partido Barça - Madrid. Nas televisións ten unha repercusión fora do normal, coma se fose ó final da Liga. Déronlle tanta importancia, que ata chegou a eclipsar o partido do Areas F.S. (clube no que como sabedes xogo). Ninguén deu o resultado, por outra banda mellor xa que unha derrota por 10 a 1, case mellor que pase desapercibida. Non sei senón estaremos tocando fondo, a partir de agora todo será mellorable (non sei donde escotei isto ultimamente...).

Pois xa que vai de fútbol, e non teño moito de que falarvos, lembreime destes dous vídeos que realizou meu fillo, e tennos subidos tanto no youtube como nun blog que ten, ou tiña, xa que o ten un pouco abandoado. O blog chámase "Las paranoias de Carli", e non o levaba tan mal. A ver se o volve a retomar (Agora seica anda líado no tuenti, ou algo así polo estilo...).

Este primeiro titúlao, "Los malabarismos de Carli". Atentos á música, de momento ten uns gustos moi agradables, non sei de quen lle viran...



Este segundo titúlase "Fallo técnico de Carli", non está mal, pero seica a alguén non lle gustou tanto cando viu o resultado, jeje.



O que queira fichalo, que sepa que primeiro ten que falar conmigo, logo xa veremos se nos interesa ir ó Barça ou o Madrid, eu preferiría o meu Celtiña, pero o pobre non me da máis que disgustos (outro que parece que toca fondo).

En fin, sobre o partido, como se adoita dicir "que gañe o mellor", por desgraza o mellor parece ser o Barcelona, pero... nunca se sabe.

domingo, 22 de noviembre de 2009

Afán de protagonismo

Hoxe fai catro semanas que teño esta bitácora parada, cousa que me fastidia bastante. E non sería por non ter temas dos que falar, xa que nestas datas voltouse celebrar a Feira de Outono en Ponteareas, o Mes Cultural en Areas coas súas representación teatráis, coráis, grupos musicáis... e algún tema máis que tiven en mente, pero a falla de tempo ou poucas gañas de poñerme diante do ordenador, fixo que desistira ata de intentalo.

Pero un dos motivos que me ten ocupado estes días ten que ver con un problema recente que tivemos co novo instituto. Lémbradesvos cando vos contara aquelas manifestacións que fixemos para a posible apertura do centro, e o encerro e ocupación do Concello durante tres días ata que se solucionou o problema... Que ledicia cando todo se solucionou. Aquela frase da Consellería de Educación, "O centro está totalmente rematado, só lle faltan os accesos..." Como nos venderon a moto, novo engano. Un centro cunha biblioteca sen libros, un ximnasio sen colchonetas nin un simple balón, unha aula de tecnoloxía sen ferramentas, un laboratorio sin unha probeta ou calquera outro tipo de material... e un longo etc. máis.

Intentaren ser breve, pero o tema daría para moito. Ante estes defectos os que fóramos membros da Plataforma de pais afectados, sentímonos na obriga de volver a meternos no allo e dalos pasos para formar unha ANPA e comenzar a traballar para solucionar parte destes problemas. E dende aí comenzaron as reunións cos pais, coa directora do centro, co Concello... Canto máis avanzaba, máis problemas lle topabamos e o peor, non se lle vía solución. Á directora déranlle os cartos normáis coma a calquera outro centro, e con iso tiña que poñer o centro a andar, ata tivo que comprar material de oficina e limpeza, algo que non nos parece nada lóxico.

A ANPA xa creada, á cal lle puxemos o nome de Luis Pardo, na honra deste personaxe que tanto loitara para que o centro existise, esixíamoslle a directora que solicitara cousas para o centro, que estaba no seu deber, pero ou porque é novata no posto ou porque non quere molestar, practicamente non movía palleira. Escomenzamos a mandar faxes, correos electrónicos a Consellería de Educación para que nos recibisen, chamadas telefónicas sen resposta. E así pasaron 15 días sen contestación. Como xa estamos dispostos a ir adonde sexa, contactamos directamente cos de arriba (en Santiago), mandamos notas de prensa queixandonos do seu pasotismo. A medida deu os seus frutos, e os xefes de educación de Pontevedra duberon de levar un tirón de ourellas, xa que nos citaron para esta mesma semana.

Nesta reunión, víuselle a súa tensión e as gañas de sacarnos de diante, sobre todo ó Xefe Territorial e á inspectora de zona, que me pareceu unha auténtica maleducada, sempre tratándonos cun aire de superioridade, como se estivesemos un escalón por baixo. A primeira noticia que nos dan e que van a dotar ó centro dunha dotación especial para material de 10.000 €, soltáronno así de principio para ablandarnos, pero xa estamos curados de espanto, e seguimos coa mesma tensión e pasamos a examinar as queixas que levábamos punto por punto. Nalgúns saímos gañando nós e noutros non conseguimos o que queríamos, algo normal por outra parte. Non todo foi tan bonito como pon o Faro de Vigo.

E aquí chegou o punto culminante da reunión, o que de verdade me molestou bastante. Dixéronnos por varias veces que nós non podíamos actuar así, nós tíñamos que comunicarnos coa directora do centro e ela directamente con eles (notábase que estaban doídos), cando lle reprochen, que levábamos máis dun mes facendo iso, e que non víamos solución, que a vemos agora que nos movemos nós, o señorito este da foto, espétame sen deixarme acabar "Ah! vós o que buscades é protagonismo, non vos importa nada o centro..." quedeime de pedra, volvín a reprocharlle que non era así, pero como o señorito tiña que marchar a Santiago, deuse por zanxado o tema.



O xefe territorial de Pontevedra, César Pérez Ares e Dani e maís eu por parte da ANPA, a nosa actitude na foto pode parecer algo chulesca pero estamos fartos de que nos conten milongas.

Xa vedes este grupo leva un mes líado en reunións, visitas ó Concello, facenda, redactando estatutos (que ten a súa lata), etc. e o que busca é "afán de protagonismo..."

Así está a educación neste país.

domingo, 25 de octubre de 2009

Emotivo final para algo que non debeu de existir

Algúns non sabredes, pero fai xa bastante tempo falara das exhumacións que se estaban a realizar aquí en Areas. Daquela foran momentos emotivos para moita xente, a parroquia estivo bastante pendiente eses días do que acontecía. Ó final a Memoria Histórica do 36 conseguiran atopar ós cinco homes que estaban a buscar no adrio da Igrexa de Areas. Hoxe ano e medio máis tarde, despóis de levar ós restos dos corpos a Navarra para a súa correcta identificación, por fin se lle fixo entrega deles ós seus familiares.

Foi un acto sinxelo, pero emotivo. Angel, Presidente da Memoria Histórica de Ponteareas fíxolle unha honenaxe e leu as seguintes verbas:

Gustaríamos de compartir convosco a importancia moral, histórica, emocional e xurídico deste acto.

Sabíamos que foran inxustamente asesinados hai 73 anos e enterrados ás agochadas aquí, no adro da igrexa de Areas, de onde foron exhumados hai 2 anos para ser identificados.

Sabíamos que era unha historia sen duelo, unha historia de silencio e dor.

Sabíamos que eran labregos, cidadáns desa República de traballadoras e traballadores que vivían nunha sociedade aberta, libre e xusta.

Sabíamos que eran labregos, cinco labregos:

SATURNINO VILA QUIROGA.
SERAFÍN RODRÍGUEZ ALONSO
JOSÉ RAMÍREZ VILA
JOSÉ RODRÍGUEZ CARRERA
MANUEL PÉREZ VILA

Hoxe 25 de Outubro de 2009 facémoslle entrega a estes 25 labregos da ROSA POLA MEMORIA. Agora que chega o día da última víaxe, que están a piques de marchar de Areas por fin a O Porriño, a súa terra, entregámoslle a Rosa pola Memoria.

Así, lixeirños de equipaxe, case desnudos, cheos de Nosa Terra regresan a casa,

QUE A TERRA GALEGA, AGORA SÍ, LLES SEXA LEVE.

Logo dos aplausos sonou o antigo himno do Reino de Galicia, e fíxoselle entrega ós familiares das urnas coa cinzas e da Rosa pola Memoria, co cal moitos chegaron a emocionarse.

Con isto acaba un capítulo que nunca debeu de existir. Noutras partes aínda andan ás voltas para conseguir recuperar a eses familiares brutalmente asesinados e enterrados en fosas comúns. Aquí polo menos, iso conseguíuse e xa teñen ós seus parentes con eles.

miércoles, 21 de octubre de 2009

Curiosidades de internet (ou que curiosa a raza humana)

Topei estes dous vídeos no Youtube, neles vése que a xente é vaga e cómoda por natureza. Agora ben, se lle poñen as cousas un pouco máis bonitas e cun pequeno gancho ou morbo, a curiosidade fai o resto.




domingo, 18 de octubre de 2009

Luis Pardo

Nestes días de encerro pasados de loita, antes de pecharnos no Concello, e cando estábamos a espera nas escaleiras a que nos deixasen entrar no pleno extraordinario, lémbrome cando Xoan Carnero (o meu amigo fotógrafo que me prestou as fotos) dicía aquilo de, "aquí falta Luis Pardo, se estivese aquí non nos tiñan así a espera na escaleira..." E así empezou a contar anécdotas de cando se subiron ó tellado e encerraronse no Instituto Pedra de Auga, da famosa polémica e "embestida" por parte dos antidisturbios no conflicto da rotonda de canedo, "levamos ostias por tódolos lados, como cargaban e bufaban aqueles bichos, pero aínda lles demos que facer..." conta Xoan sobre este último episodio.

A raíz disto, entereime que Luis foi un dos primeiros en loitar polo novo Instituto. Xa fai bastantes anos con motivos da saturación e precariedade do centro Pedra de Auga, foi un dos que mobilizou ós pais para que intentasen melloralo e sobre todo para que se lograse a construcción dun centro novo. A súa loita foi bastante intensa, pero ó final acadaron o obxetivo. O centro estaba en pe, aínda que faltaba o que faltaba. Na rotonda de Canedo pasou outro tanto, e cando estaban a manifestarse e tiñan as obras paradas, unha patrulla de antidisturbios que andaba pola zona, tomouna a porrazos con eles como se fosen terroristas, cando soamentes eran un puñado de veciños protestanto. Luis andaba polo medio.

Pois agora si que se pode dicir que falta Luis Pardo. Esa lacra que nos acompaña por todolos lados foi quen de vencelo e en dous meses derrotou a ese loitador que non foran capaces de vencer tantos elementos en contra. Non o coñecía particularmente, pero sei que se non fose pola enfermedade estaría con nós arropándonos no conflicto pasado do IES do Barral. Era un loitador nato e como tal aí estaría ó pe do cañón, gran mobilizador de masas que non se casaba con ninguén. Por iso era admirado e tamén tiña detractores, pero sempre loitaba pola causa, tendo que enfrentarse a quen fora.

Dende o meu humilde blog deséxolle que siga igual alá onde esté, máis dun estará temblando coa que se lle aveciña. E a familia que teña moito ánimo, e sobre todo a miña amiga Marta que terá que dalos, sei que será capaz de facelo que calidad humana sóbralle.

Na foto vese no centro con boina, estes bicharracos (estilo robocops) non foron capaces de doblalo:

miércoles, 14 de octubre de 2009

Fútbol solidario

A Escola de fútbol do Condado, no seu afán de recaudar cartos para a presente tempada, tiña en mente organizar un partido contra o Cultural Areas, que como xa tiña contado, milita na Terceira División Nacional. Para intentar que tivese gran expectación e darlle un toque distinto puxéronse en contacto coa Cruz Roxa (a verdade que non sei se se pode dicir Cruz Vermella) para ver se podían facer ó mesmo tempo algo benéfico. Esta remitiulles a Ong "Paremos la pobreza infantil", que non puxo ningún impedimento para celebrar o partido, a condición viría sendo que a recaudación da taquilla fose para eles. Para máis gancho, o partido sería entre o citado Cultural Areas e unha selección dos equipos da comarca do Condado (O Condado, Xuvenil de Ponteareas, Lirens, Progresista de Fornelos, Alpinista de Padróns, Xinzo, ect.).

Pois o partido celebrouse este luns pasado, festivo do Pilar e ó final todo saiu perfecto, e sobre todo, todos contentos, a Escola do Condado recaudou a súa parte en cantina e rifas (o día axudaba moito, que facía un calor...) e a recaudación para a Ong rondou os 500 Euros. Non é que fora unha inmensa cantidade, pero unha axuda sempre é unha axuda. O precio da entrada era de dous euros por persoa, nada comparado cos precios que se manexan no fútbol hoxe en día.

O dito, non é que fose unha acción (por parte dos equipos participantes) merecedora dun premio pero vendo o último premio Nobel da Paz concedido, non sei...

domingo, 4 de octubre de 2009

Fumata branca

Este xoves pasado, despóis do pleno extraordinario donde se revocou a decisión de expropiación forzosa aprobada no anterior pleno extraordinario, agardábamos con impaciencia a noticia de que o Alcalde máis os propietarios dos terrenos firmaran o acordo. Despóis de 75 horas pechados no salón de plenos, estas dúas últimas fixéronse un pouco máis longas do habitual. Sabíamos que estabo todo encarrilado, pero faltábanos a puntilla, ese papeliño firmado e que as máquinas escomenzacen. Cando nos deron a noticia invadiunos unha gran ledicia. Un dase conta do traballiño que pasamos (que non tiña que haber existido nunca) e que todo o que fixemos deu os seus frutos. Foi un momento emocionante.

O venres reunímonos en Pontevedra co Xefe Territorial de Educación (saíron fotos miñas na prensa reunido con esa banda de chupópteros, jeje, pouco a pouco estoume a facer "famoso"...) e fixouse como día de comenzo das clase o mércores día 7.

Penso tomar unhas fotos ese día, pareceranos un logro do cal participamos, e despóis o domingo nunha xuntanza-comida que teremos os pais para celebralo. Espero que sexan os últimos actos que organice a Plataforma, e que poidamos voltar a normalidade e a nosa rutina que se bota moito en falta. Entre as mobilizacións, reunións, o traballo (teño que agradecer o meu xefe que me permitira compaxinalo un pouco), a falta de sono e demáis inconvintes, o corpo pide un pouco de tranquilidade que un xa non sabe nin a cantas anda.

Á conclusión que tamén se pode chegar, e que xuntándose varia xente normal, sen ter postos importantes na sociedade e traballando, pódese chegar a conseguir uns resultados cando a razón nos acompaña, non fai falta ser ningún letrado ou diplomado. Con esforzo consíguense obxetivos. E neste caso foi todo un exemplo de manifestacións pacíficas, non houbo nin un só problema nestes case que 15 días que durou o conflicto.

Se alguén quere ver como foi o día a día deste problema, pode consultalo neste blog creado para a ocasión: plataformaies.blogspot.com

Estas son imaxes no Novo IES do Barral, que ten moi boa pinta:



Polo tanto intentaren seguir co blog, tal cual o levaba antes, non todo son desgrazas na miña terra. Polo de pronto, estes días perdinme as festas de San Miguel. Acerqueime un momento á tirada de globos de papel, aquela que falara o ano pasado, non levaba cámara e non puiden tomar ningunha foto. Estas son da edición anterior:



Tamén quero comentar que este sábado pasado empezou a liga nosa de Fútbol sala, e como case sempre perdemos o primeiro partido, teremos que coller a forma que este verán atípico fixo estragos...

Bueno, a ver se me poño ó día cos blogs amigos (grazas polo apoio e polas mostras de comprensión que tivestes con este problema, que non tiña pes nin cabeza).

martes, 29 de septiembre de 2009

A toma do Concello

A foto o dice todo. Vendo que non nos dan moitas solucións decidimos tomar o Concello. Como se fósemos revolucionarios, ás 8 da mañán entramos como se nada e instalámonos no salón de plenos do Concello. Agora, cando xa van para as 4 da madrugada, e despóis de turnarnos durante o día, algúns xa cairon a durmir, outros teclean no portátil (caso dun coma min, que xa tiña mono de "intrenete" despóis de tantos días sen usalo) e os rapaces tómanno como un día de festa. Non hai quen os cale, dame que non van a doblar tan cedo.

Hoxe, en palabras do alcalde, parece ser que o tema vaise solucionar, chegou a un preacordo cos donos do terreno colindante co instituto. Pero nós, que xa estamos curados de espanto, non nos fíamos e vamos a seguir co noso encerro ata que nos presenten documentos firmados e empecen a traballar nos accesos, cousa que parece será alá cara ó xoves.

Esperemos que sexa así e terminar dunha vez con esta situación, que isto non hai corpo que o aguante.

Deixovos varias mostras do encerro.







Perdoarme que non pase moito polos vosos blogs, pero voltaremos a normalidade. Ou espero...

sábado, 26 de septiembre de 2009

Seguimos en loita..., e seguiremos

Como vos dixen, non quería ter motivos para volver a falar do tema do novo Instituto, pero por desgraza teño que facelo. Despóis dunha semana moi líada, sigo aquí e como vedes na foto seguimos en loita, non nos van a doblar por caprichos.

A proba final de que estamos en toda posesión da razón viviuse onte en Ponteareas cunha data histórica para o pobo. Non me gustaría que o día histórico fose por este motivo, pero a manifestación de onte coa asistencia dunhas, aproximadamente, 3.000 persoas o dice todo, ven a reflexar o sentir dun pobo que non admite que se brinque con rapaces como se fosen unha especie de pelagatos. Nunca admitiremos o horario de tarde-noite que nos queren impoñer. Non vamos a permitir que os nosos fillos cheguen a casa sobre as 9 ou 10 da noite. Non é viable nin por asomo.

Levamos unha semana chea de mobilizacións e reunións, algo temos avanzado pero aínda nos falta o golpe final para que dunha vez por todas nos fagan unha proposta aceptable. As reunións co Sr. Alcarde, un dos culpables máis importantes do conflicto, foron infructuosas de todo. Topámonos cunha chea de mentiras, que si martes ía á Xunta a solucionar o problema, que si tal, que si cual... Todo mentiras. Nos dous plenos que houbo esta semana demostrou que pouco salida ten para un problema orixinado por el e o seu equipo de goberno, e asistíu ás increpacións que lle soltou o público que abarrotaba o salon de plenos, incluído eu, ata que tuvo que disolver o pleno. Quíxose apuntar un tanto a favor cando falou de que conseguiría unha reunión co Secretario Xeral de Educación da Xunta e co Xefe Territorial, cando iso conseguímolo nos, a Plataforma de pais afectados. O dito, mentiras e máis mentiras.

O que conseguimos foi forzar para que puxeran en marcha un expediente de expropiación e ocupación de bienes, que ó parecer pode durar un máximo de dous meses. Aí é donde nos preguntamos porque non fixeron este requisito hai tres ou catro meses si xa sabían o que ía pasar.

Agora estamos traballando en reubicar ós alumnos noutro centro, ou en varios, aínda que as súas condicións sexan un pouco máis precarias, sempre e cando sexa unha medida provisional de un trimestre. Hai varias propostas enriba da mesa, non todas satisfactorias, pero algunha pode ser víable sempre e cando a inspectora de Educación (bastante reticente ela) dea o seu visto bo.

A ver se o luns temos unha solución, ou algo xa avanzado. É necesario

Outro momento da manifestación, que durou unhas tres horas.


Integrantes da banda de música que nos acompañaron durante a concentración. Con este horario que nos propoñen non poderían estudar e ensallar.


Público asistente ó Pleno do xoves.


Os "paseos" polos pasos de peóns tamén foron chamativos e crearon un bo caos.


Momento da reunión da Plataforma en Pontevedra coas institucións de Educación.

sábado, 19 de septiembre de 2009

Víase vir, aquí non escomenzan as clases.

Na prensa viña unha noticia o venres de que os curso escolar escomenzara sen problemas. Pois así debeu ser donde de verdade escomenzaron, xa que en Ponteareas o novo instituto do Barral, aínda está, como xa contara, sen rematar.

Onte os pais dos rapaces ós que lle corresponde este centro, tivemos unha reunión, que nun principio pensamos que era para tratar o tema, pero atópamonos con que era simplemente a ordinaria que se adoita facer en calquer centro ó inicio do curso. Mal asunto, alí só estaban algúns profesores, nin rastro de algún representante do Concello ou da Consellería de Educación. A pobre directora (que xa se temía que a ían a tomar con ela) despóis das presentacións escomenza o seu informe. Cando comenta, que de maneira provisional, as clases impartiranse no Instituto Val do Tea en horario de tarde a partir das tres e media, empezou o follón. Protestas e preguntas sen xeito, todo o mundo falando ó mesmo tempo, descoordinación, en fin, unha feira... A directora segue a explicar que despóis haberá unha reunión entre os pais e as ANPAS para buscarlle unha solución, que ela non pode facer nada, que simplemente está alí para explicar as solucións que a Consellería creu convintes, pero nada, malamente pudo falar.

A seguir celebrouse dita reunión entre os pais, chegando a conclusión que o luns non se ían mandar ós fillos a clase, xa que aparte de ser nun horario contraproducente, afectaría ás actividades extraescolares, entre outros moitos problemas particulares. Outro dos motivos de tomar esta decisión, é que se se acepta ese horario "provisional", parecería que estábamos de acordo e o "provisional" podería chegar a convertirse en "eterno". Vaise crear unha plataforma para xestionar as medidas que se van a tomar, en forma de presión para que nos escoiten, na cal anoteime (visto que a maioría dos que nun principio estaban formando o follón non o facían).

As primeiras mostras de protesta, mentras non se consiguen os permisos para manifestacións, mobilizacións... serán sendas concentracións na esplanada do Val do Tea o luns e martes ás 8:30 da mañán, con "paseo" ata o Concello.

Para rematar quixera explicar por que se chegou ó principio do curso e o instituto segue sin ter accesos, agora xa me enterei ben. Intentarei ser breve (se son capaz)

Debe haber uns cinco anos, ante a necesidade dun novo instituto, o Concello conseguíu a cesión duns terrenos para tal fin. Logo virían as negociacions coa Consellería de Educación para consolidar o proxecto. Haberá dous ou tres anos que conseguiron chegar a un acordo. Este consistiría en que a Consellería executaría a construcción do centro e o Concello comprometeríase a garantizar que este dispuxese de servizos (tales como auga, luz e saneamento, aparte da súa lóxica entrada). Ata aí todo correcto, pero hai que voltar atrás no tempo para ver cal foi o acordo ou permuta que o Concello tuvo cos propietarios. Este era o seguinte, os propietarios dun terreno que hai ó carón da N-120, cedíanlle parte del coa condición de que lles recalificaran o resto (estamos falando dunha gran extensión), que parece ser era o que estaba previsto no PXOM. O Concello rexistrou o terreno cedido, pero aforrouse o gasto de rexistrar eses poucos metros, que en teoría estan afectados pola estrada nacional, pero que de facelo serían propios, polo que agora siguen pertencendo os anteriores propietarios.

Como este plan nunca chegou a aprovarse (como en tantos pobos), os antiguos propietarios nunca chegaron a sacar beneficio da cesión, e agora que o centro está totalmente rematado, non permiten que a entrada ó edificio, e as acometidas de auga, luz, e saneamento pasen pola súa propiedade. Algo aparentemente normal, por outra banda. E así, lévase un ano avisando da situación, e o Concello esperando ata o final para reabrir as negociacións cos propietarios, que agora ben podería decirse que teñen a sartén polo mango. Agora temos unhas novas instalacións modernas, que como se fora unha isla, están totalmente rodeadas de propiedades particulares.

A ver en que queda o tema, non me gustaría ter que escribir moito sobre isto, pero me da que vai ser que si.

martes, 15 de septiembre de 2009

Primeiro día de escola

Como xa sabedes este xoves pasado escomenzou a escola para os nenos de primaria. Para algúns era o primeiro día que ían, entre eles a miña pequena que aí a vedes toda sonrinte. É unha data desas sinaladas que un sempre recorda, pasarán os anos e lembrarémonos de como actuaron e a cariña de satisfacción por un lado e de pena polo outro, que nos queda.

No meu caso tíñamos un medo terrible a ver como reaccionaba, xa que é unha nena moi apegada ós páis. Cando estamos na casa é un encanto, fala, ríe, inventa historias da televisión, fai diálogos ela soa facendo de dous persoaxes... o típico nos nenos desa idade. Pero cando saímos da casa, nun principio vai toda contenta, pero así que se lle arrima alguén a falar con ela, aínda que sexa coñecido, bufff! "la cagamos", entrálle un medo e agárrase as pernas da nai ou as miñas e non hai forma de que levante a cabeza. Terrible, parece como se nunca saíra da casa. Bueno, pouco a pouco vai cambiando.

Pois o caso é que estaba bastante concienciada e tiña gañas de ir, a víspera estaba toda nerviosa, pero nunca se sabe. Para a nosa sorpresa, foi todo o contrario do que pensábamos, quedou alí moi contenta, un pouco cortada pero contenta. A escola é unha unitaria de aldea (aquela que como vos conten querían pechar e non foron capaces), e non ten eses período de adaptación por horas, polo que houbo que ir buscala a unha. Aí si que viu a sorpresa! Empezou a chorar como unha descosida, que non quería voltar para casa... se as veces non hai que os entenda...

E así xa van catro días, e segue indo contenta, polo menos xa non chora ó voltar. Na foto podedes ver a miña "prinsesita" cunha sonrisa de ourella a ourella, co seu mandilón rosa, a súa mochila de Winnie Pooh (non tiñan de princesita, que é a que quería ela) ó saír da casa.

O seu irmán, o meu pequeno (buff! como medra) saíu a despedila pola mañan, a el tocaríalle escomenzar este xoves, pero como se vía vir, non vai ser así. Polo de pronto este venres os pais temos unha reunión pola tarde para ver como queda a cousa do instituto. Unha das opcións que barallan pode ser a de dar clases pola tarde no outro instituto. O que faltaba xa, por culpa de un mal proxecto e unha mala planificación que teñan que pagalas os de sempre

martes, 8 de septiembre de 2009

Outra de "austeridade"

Sempre dixen que non ía falar de relixión (como poño na parte esquerda na presentación do blog) pero dunha volta falen da austeridade do clero. Tamén dixen que non ía falar de política, pero se daquela o fixen co clero non vexo por que non vou a facelo agora sobre este tema. Así polo tanto vou dar a miña opinión sobre a "austeridade" das políticas da Xunta máila dos seus inquilinos.

Antes de meterme no tema que me interesa, quixera mencionar tamén a última metedura de pata do presidente da Xunta, con motivo do tirón de ourellas que lle mandou Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega (RAG) criticando claramente a súa política lingüística. Este tuvo que asistir atónito e descolocado ante as manifestación elocuentes (e cheas de lóxica) de Barreiro. Pero logo soltouse con que estaba respaldado polos seus votantes que así o quixeron, e polos resultados do famoso e triste referéndum ó cal fomos sometidos os pais dos alumnos en idade escolar e case que claramente manipulado (ou polo menos na forma). Polo tanto parece ser que a derogación do galego vai seguir adiante, pese ós aviso que lle veñen de tantos frentes, este último ben xustificado.

Pero neste momento o que máis me fastidia son algunhas das medidas tomadas, para nun principio, recortar gastos, á larga xa se verá. Unha delas é a supresión da gratuidade dos libros de texto. Unha medida claramente contraria ó interés popular, pero que, como sempre, esconden detrás duns razoamentos, deixando ver só o que lles interesa e enganando claramente ós interesados.

Segundo teño entendido, ata agora o modelo que tíñamos de gratuidade dos libros, estaba composto por un préstamo do libro que había que devolver o finalizar o curso escolar. Estes libros durarían un ciclo de catro anos, a partir dos cales renovaríase o material. A inversión nun principio poderíase considerar moi importante, pero habería que botarlle as contas ó tal ciclo, co cal o gasto veríase considerablemente reducido. Aparte disto, crearíase nos alumnos unhas costumes moi positivas, como é a de coidar o material e ser un pouco máis solidarios cos que veñen detrás. Viuse logrando o que se podería chamar un dereito cidadán.

Pois agora os da Xunta saen con que van recortar gastos e que non queren libros en préstamo senón libros en propiedade, para que o alumno poida facer anotacións neles. E como se poden reducir gastos con esta idea? Pois simplemente dándolle a opción a ter dereito destes libros o 22% do alumnado. Este 22% escollerase según os que menos ingresos teñan, coas conseguintes dúbidas sobre o baremo que utilizarán para medilo. Non quero pensar a cantidade de pais cuns ingresos bastantes baixos que se van quedar fóra da medida.

De momento a xente non pon moito o grito no ceo, xa que moitos aínda teñen dereito ós libros que non cumpriron o ciclo. Pero cando este se agote, darémonos conta do equivocada da medida. Veremos que non existe tal aforro e sobre todo que só se beneficiarán dela unha pequena minoría.

Pero tranquilos que ninguén se vai mobilizar, saben facela e teñen á xente moi "embobada" (non estou intentando insultar, simplemente quero dicir que lle comen moito o coco).

Esta é unha parodia do que pode chegar a convertirse esta medida:



Bueno, e como falén na entrada anterior o instituto novo está máis que no aire.

martes, 1 de septiembre de 2009

Setembro, e o que conleva

Xa nos rematou este agosto, que ó final parece que si trouxo o calor, e polo tanto escomenza setembro e os seus conseguintes cursos. Algúns apetecibles, que xa se botaban en falta e outros xa non tanto, que parece que aínda remataron onte.

Escomenzan as ligas deportivas, e por iso en Areas este domingo pódese dicir que foi un día especial. Debutou o Cultural Areas en categoría nacional, despóis de acadar o ascenso á Terceira División. Fixoo empatando no Campo da Lomba, contra o Alondras de Cangas. Non é que fora un resultado moi bo, pero polo menos é un principio, todo o que non sexa perder este ano pode ser positivo. Nos prolegómenos do partido fixéronlle entrega ó clube do trofeo de campión do ano pasado, o cal fixo que houbera bastante asistencia ó campo.
(Non fun ó campo polo que desta volta non teño fotiños)

Con respecto a Escola de fútbol do Condado (donde como xa conten xoga meu fillo), os adestramentos xa escomenzaran anteriormente, pero este domingo tivo lugar a presentación no campo de Angoares de tódalas categorías do clube. Isto cada vez vai a máis, cun montaxe máis propio dun equipo de estrelas deses de primeira división. Os xogadores ían saíndo o campo un por un por categorías, mentras os nomeaban por megafonía. O encargado desta función foi Terio Carrera, presentador de deportes da TVG e veciño da nosa parroquia de Areas. Todo un detalle pola súa parte acudir tódolos anos a este día festivo da escola. Na foto saen os compoñentes da escola, máis ou menos sobre 300, picade mela para vela máis grande.


Este é Hugo, o máis cativo con tan só tres aniños. Cada vez son máis precoces.


Pero tamén escomenza a escola, e aí os rapaces xa non están tan contentos. Pero aquí hai algún "problemilla". A meu fillo tócalle estrear instituto. isto sempre sería unha nova agradable, sobre todo despóis dos problemas que houbera para conseguilo. Pero a falta de uns dez días para que comencen as clases, isto está todo no aire. Agora resulta que aínda lle faltan algúns servizos, tales como a auga, luz e saneamiento. Case nada... E o peor, nin tan siquera ten accesos, pola estrada nacional parece ser que non lla deixan facer, e polo outro lado que podería ser trátase de terrenos particulares e parece que hai problemas.
Isto parece de chiste, vamos. O que conleva facer un edificio para ese fin, coa de arquitectos e outros expertos que duberon traballar no proxecto , e que deixen pasar un detalle destes, paréceme inaceptable.

Este ano tócame escolarizar á miña pequena (xa me imaxino os primeiros días, vaia festiñas vai facer...). Aquí tamén tivemos os nosos problemas, pois querían pechar a escola unitaria de San Mateo, que me queda ó lado da casa. Ó final, despóis de moito traballo, recollida de firmas e reunións co alcalde, logrouse evitalo. Para min paréceme o máis acertado, pois se ben nos colexios de Ponteareas igual dispoñen de medios máis modernos, nestas escolas de aldea, penso que o trato pode chegar a ser máis personal e os pequenos de momento estar máis no seu entorno viciñal. O de mandar a miña de tres anos en autobús, dende logo non me facía ilusión ningunha, e claro, ó traballar a ver como faríamos para levala nos.

Outra nova que vin hoxe na rede, e despóis no Faro de Vigo, foi a da ponteareana, Rosa Amoedo, que como pon o titular, conquistou América. De empregada da limpeza chegou a conquistar un Premio Emmy, como perruqueira dunha televesión. Case nada.
(Picade para ler a nova)

Máis ou menos así escomenza setembro. A ver como remata, que as previsións non son nada boas e co da gripe A xa non digamos. Me parece a min que o servizo de urxencias vai a estar un pouco saturado.

Para rematar comentarvos que este sábado día 5 terá lugar a Feira Tradicional. Esta é a do ano pasado.

miércoles, 26 de agosto de 2009

VIII Festa do Polo á brasa (1ª parte)

Este domingo pasado celebrouse na nosa parroquia a octava edición da Festa do Polo á brasa, ou o que é o mesmo, festa do pito, que é como lle chamamos nos por aquí.

Pódese dicir que esta festa cada edición vai a máis, e pouco a pouco vanse solucionando os "pequenos fallos" para intentar conseguir a perfección. Desta volta foi todo un exito, o tempo estuvo de marabilla, a comida tamén e a bebida, máis do mesmo.

Pero que fai falta para que unha festa como esta funcione?

En primeiro lugar, a mateira prima, ou sexa o pito:


Unha pouca de leña de carballo,


Un bo marco para celebrála, e nos temos o Parque da Bouza Vella, un sitio perfecto moi cerquiña do río Tea,


E como non, o principal, xente que traballe, que logre que isto funcione. E neste caso non se trata de dous ou tres, senón dunha boa cuadrilla deles:

Os asadores, que tiveron que soportar o calor das brasas (imaxínome que mollarían a gorxa de cando en vez...), na foto saen cunha admiradora (ou eran eles admiradores delas...)


Os da "oficina", encargados de vender os tikes,


As mulleres que despachaban os pitos e a empanada,


Os descorchadores de botellas de viño, menudo chollo máis tentativo, jeje.


Os do bar, estes fartáronse tamén a vender cañas e refrescos. Xa digo, o día axudaba,


"Las chicas del café", como me dixeron cando ía tirarlle a foto,


E supoño que máis xente que me quedou atrás, pero non din recollido todo o que alí aconteceu. Un tamén ten que disfrutar da festa, digo eu...

Todo esta recopilación quero que vala para recoñecer o mérito destas persoas de idades moi dispares, e que o fan por seguir dando a coñecer a nosa parroquia de Areas. E supoño que non é fácil xuntar a 40 ou 50 persoas e que a cousa funcione sen ningún tipo de rencillas.

Para rematar, dicir que se venderon 2.200 racións de pitos (ou o que é o mesmo 1.100 pitos) e 140 empanadas. Pero bueno, isto xa o dixo a prensa.

Como non quería pasarme coas fotos, deixo unha poucas e un vídeos na entrada anterior