Este é un conto que me lembro que escoitei (mellor dito, lin) por primeira vez estando en oitavo de E.X.B.; pero xa de aquela era unha das páxinas estrela do libro de galego no cal se atopaba.
É un conto moi enxebre, non ten nada que ver cos chistes tan sofisticados que se contan hoxe en día, pero eu o atopo moi simpático. Decía algo pouco máis ou menos así:
Un home, que tiñan por medio aparvado, entrou unha vez na botica, e díxolle ó boticario:
—¡Ai señor, cantas moscas ten aquí!
—Pois mira —díxolle o boticario—, por cada mosca que mates, douche un peso.
O home puxo de testigos á xente que había na botica, e púxose a matar moscas, xuntando seica vinte ou vintecinco.
O boticario ía, mirando unha por unha, e íalle dicindo segundo as separaba:
—Esta é «mosco».
Separaba outra, e dicía igual: Esta é «mosco». E así todas. Ningunha era mosca, todas eran «moscos». Claro non lle deron ningún peso, e fixéronlle a risa.
Pero aquel paisaniño tiña colmeas, e tódolos anos mandáballe a proba do mel ó boticario. Asi que cando chegou a hora de mandarlle o mel, foi ás cortes e colleu un pouco de bosta das vacas e mesturouno co mel que lle ía mandar ó boticario.
Pasou tempo, e, un día que foi o home pola botica, preguntoulle ó boticario se lle gustara o mel. O boticario contestoulle:
—Home, esta vez non estaba nada bo. Ata parece que sabía a merda, con perdón.
—E máis tiña —díxolle o medio parvo. Pero, mire, señor: o que lle sabe separa-las moscas dos moscos, tamén debe de ser quen de separa-la merda do mel.
miércoles, 26 de marzo de 2008
Contos pupulares - O boticario, o parvo e as moscas
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario