miércoles, 14 de abril de 2010

Os hiperoartios do Tea... eses chupopteros

Logo dalgúns meses (uns cantos xa, jejeje) sen subir ningún post ó blog e co permiso do meu amigo Carlos, ó que lle prometín que faría polo menos un par de entradas no ano, romperei coa miña sequía bloguerística para compartir convosco unha experiencia.

Fai aproximadamente dous anos, pouco tempo despois de que "Dende Areas cara a Ponte" tomase forma, comentaba nun post algúns detalles dunha das tradicións máis populares desta zona. Digo popular, xa que calquera que nacese en Ponteareas oíu falar algunha vez, ou ata participou na pesca deste feo pero saboroso animal prehistórico.

Gastronómicamente falando hai opinións para tódolos gustos, pero desde moi cativo ó chegar a primavera adoito escoitar comentarios do tipo "...¿Xa provaches a lamprea este ano?...", "...Que na prepara moi ben e Carmiña...", "...Se está ben preparada, son capaz de comer unha lamprea eu só...". O certo é que, aínda que haxa algún polo medio ó que non lle guste, é moi común que polo menos unha vez o ano grupos de amigos se reunan ao redor dunha mesa para degustar esta "delicatesem"; a min persoalmente a parte que máis me gusta é a do "rabo", vai ti a saber porqué será, jejeje.

No post que adiquei anteriormente á Lamprea, xa comentaba que existen varias formas de capturar este animal; pero en Ponteareas o que se estila é construír pontes sobre o río (estacadas), colocar uns potentes focos ó longo déste, e ó chegar a noite comprobar o ben que anda un de puntería, intentando ensartar na "Filga" estes "chupadores" que case sempre remontan o río como proxectís.

Teño que confesar que cos meus "taitantos" anos nunca vira en vivo e en directo ningunha captura. Teoricamente sabía como se facía, claro; pero pensaba que a "Filga" era unha especie de arpón (como unha flechiña); pouco me imaxinaba eu que a "flechiña" en cuestión é unha vara de metal (xeralmente) cunha chea de dentes na punta e que pode ter ata seis metros de lonxitude. Isto foi o primeiro que me sorprendeu cando o meu amigo Jose me invitou a pasar unha noite na Ponte que comparte con Antonio e Oscar. A segunda sorpresa foi descubrir o decepcionante que pode resultar a veces esta tarefa. Aínda que é certo que aquel que se adica a isto faino basicamente por intereses económicos, hai que recoñecer que tamén lle ten que gustar moito esta arte de pesca, para pasarse as noites escudriñando o río cun frío de collóns; para comprobar co paso das horas que o número de capturas non aumenta porque a auga está turbia ou porque as lampreas decidan facerse as remolonas. En certo xeito recórdanme ó "Capitan Acad" cando dicía aquilo de "¡Por alí resopla!". Agora entendo un pouco mellor porqué algúns anos degustar este prato non resulta precisamente "Barato".

Jose comentábame que de cando en vez veñen os garda-ríos a comprobar que todo esté en orde e que os que se atopan na ponte dispoñan dos permisos axeitados. Eu estou moi de acordo en que isto se faga así, xa que a pesar destas medidas hai moito furtivismo (facerse cun posto custa unha pasta), pero creo que deberían poñer o mesmo énfase en controlar os verquidos ilegais que contaminan o río; aínda que supoño que isto é mais complicado que multar ó mozo que, para gañarse unhas cadelas, anda en busca dalgún "cabeiro" (lugar onde desovan finalmente as lampreas).

Dou fe de que este ano non esta sendo unha boa tempada de lampreas, debido fundamentalmente a que as augas están profundas, revoltas e fanganosas (por mor da choiva) e impiden ós "lampreeiros" ver os exemplares dende as súas estacadas, a pesar de tódolos focos que empregan para ilumina-lo río. Certo é que hai pontes con máis fortuna que outras; este traballo, como casi todo na vida, depende en gran medida do azar; neste caso da sorte que se teña no sorteo de postos. Como é lóxico non é o mesmo estar situado na desembocadura do Tea (cando as lampreas comezan a súa remontada), que estar no posto trinta, que dependes da mala visivilidade ou da mala puntería que teñan os situados nas vinte e nove pontes anteriores.



A pesar de que é fea coma un corno, ó principio tiña pensado enfocar este post dende o punto de vista da lamprea, porque ¡hai que ver o que teñen que pasar ó longo da súa vida estes animales! ...e elas como si nada seguen padecendo a súa particular odisea desde fai 350 millóns de anos (que se di pronto... non nacera nin a Duquesa de Alba). Os problemas ós que se enfrontan empezan xa desde que nacen; ó parecer a "lamprea nai" pon uns 250.000 ovos, que son fecundados externamente polo "lampreo" no "cabeiro"; ós 12 ou 14 días eclosionan os ovos e xorden as larvas, éstas entérranse no lodo e alí permanecen, alimentándose por filtración outros catro ou cinco anos. O seu crecemento nesa fase é moi lento (de 7 ou 8 milímetros pasan en cinco anos a só 16 centímetros), ademais están cegas xa que os ollos fórmanselle ó final deste período".

Concluído o longo estado larvario, as lampreas sofren unha rapidísima metamorfose (un proceso que non dura máis de tres ou catro meses), é entón cando o animal desenvolve a súa "boca chupadora" con dentes, para poder succionar . Durante a metamorfose, a lamprea tamén exterioriza os seus ollos, cambia de cor, adquire as súas características manchas e modifica as aberturas dos seus sete pares de branquias, que lle permitirán respirar mentres "chupa" a súa alimentación doutros peixes . É entón cando a lamprea inicia o camiño en busca do mar, no que vive dous ou tres anos alimentándose do sangue de bacalaos, salmóns, reos ou tiburóns; pasa de 16 a 80 ou 90 centímetros de lonxitude. Das 250.000 larvas iniciais, tan só un porcentaxe minimo consegue esta proeza. Finalmente regresa ó río en busca de augas claras e oxigenadas para reproducirse e morrer, e así o ciclo volve a comezar.

Cando remontan o río deben enfrontarse ós pescadores (no miño con pesqueiras e no Tea con Filgas), correntes, encoros, pequenas cascadas, contaminación, furtivos e a depredadores como a nutria. Despois de todas estas vicisitudes non me extraña que acaben feitas unhas "Sílfides"; ó principio da súa volta a casa estan gordas, brandas e fofas de tanto alimentarse sen mover o cu, pero a medida que se achegan ó final da súa singradura poñense duras e "adelgazan unha barbaridade". Así que despois de Semana Santa é cando os exemplares están "moi batidos", o seu sabor é máis intenso e están mellor valorados.

Outra cousa que aprendín cando estiven na estacada con Jose, Antonio e Oscar é que unha vez cravada a lamprea coa Filga (ou Fisga), é necesario desmonta-los dentes désta para libera-lo animal ocasionándolle o menor dano posible (realmente non perde demasiado sangue), inmediatamente despois deposítanas mediante un tubo nunha especie de rede circular e ríxida situada no leito do río, onde a ferida cicatriza ó instante. A Lamprea debe de estar "vivita e coleando" antes de darlle "matarile" para cociñala. É por isto que os pescadores deberan posuír pilóns con auga para mante-las súas capturas vivas ata o momento de ir a cazola.

O certo é que cando pasei a noite con eles na "estacada" non tiveron moita sorte, pero cónstame que coa mellora do tempo a sorte foi cambiando (o luns pasado colleron 21). Espero que consigan moitos exemplares no que resta de tempada e que para o ano me volvan a invitar, xa que para min foi unha bonita experiencia. Se algún de vos aínda non comeu nunca lamprea, anímoo para que o faga, aínda que non a coma enteira (a metade dunha é o propio), tal e como penso facer eu nuns días.



Bueno, espero non tardar outro ano en volver a subir un post, nin precisar doutro tirón de orellas de Carlos para facelo. Mándovos unha aperta a todos, e o dito... a comer lamprea que estamos en tempada e según dicen e moi boa para a líbido.

miércoles, 31 de marzo de 2010

31 de Marzo de 1992

Como me dixo un amigo que xa só me faltaba facer un post sobre o meu coche, pois aquí estou a facerlle caso, que eu son moi mandadiño.

O coche en cuestión é este "forito" que vedes na foto. Tal día coma hoxe, o 31 de Marzo de 1992, un servidor ía buscalo ó concesionario. Despóis de andar cun Fura xa de terceira ou cuarta man, coller este era toda unha gozada. Menudo cambio, como subía Puxeiros (cando se podía pasar de 80) comparado co Fura... Con poucos meses, un viaxiño á Expo de Sevilla, e alí o primeiro toque, ainda por riba déronme por detrás, e como "jode" iso. Ollo, que nadie interprete mal, que xa vos vexo...

Pois así entre "ires e venires" aquí está coa maioría de idade recién cumprida, case nada 18 aniños conmigo. Agora non fai falla dicir que xa non sube Puxeiros a mesma velocidade, nin ten o peito que tiña antes, nin fai aquel sonido tan peculiar senón máis ben chatarrero, que perde aceite (novamente absterse comentarios); pero os anos non perdoan. A ver se aínda me dura uns aniños máis, que a situación non está para moitos cambios.

Curiosamente cumpre anos o mesmo día que este que vos conta aquí diversas chorradas, se ben eu veño cumprindo algúns máis, diremos que 41, e como o ano pasado, de momento segue sen recollerse na google o 31 de Marzo de 1969 como data do meu nacemento. Cada vez quédame menos para facerme famoso, jeje.

miércoles, 17 de marzo de 2010

Marabillas de Galicia

Teño algúns amigos que sempre me andan a bombardear con correos electrónicos, de cachondeo, curiosidades, etc. algúns deles formidables. Entre eles destacaría este que nos mostra paraxes e monumentos de Galicia, cunha lixeira explicación ó pé de cada foto.

Como xa aprendín a subir archivos "pps", e como me dixo alguén no post anterior que son un mestre compartindo, pois aquí volo deixo para que o disfrutedes. Seguramente algúns xa o coñeceredes, pero neste caso permitinme o luxo de poñerlle música, e como no, de Luar na lubre.

Para velo a pantalla completa picade no icono da marxe inferior dereita, o que semella unha pantalla de diapositivas. O vídeo ten un problemilla, o mellor non da moito tempo a ler o texto, pero sempre se pode arranxar picando na pausa, co conseguinte problemilla de que a música tamén se para. Pero bueno, aínda non son perfecto...



O seu autor é un tal "titosvigo", e o pero que lle poño é que o fixera en castelán.

jueves, 11 de marzo de 2010

Fai máis ou menos dous anos

Fai máis ou menos un ano publicaba isto. Daquela viña dicindo que este blog cumpría un ano falando de Areas, Ponteareas, arredores e demáis chorradas que se nos ocurrían.
Agora entón, polo simple feito de pasar un ano, podemos dicir que Dende Areas cara á Ponte cumpre dous anos. (Menudo traballo me levou chegar a esta deducción, de aí que levara dúas semanas sen publicar nada...).

Se no primeiro ano publicara 170 entradas, neste ano quedámonos en 70. Que se tamén lle botamos conta de que antes eramos dous a escribir, e agora soamente un, pois tampouco está tan mal (Se me les, xa sabes Beni, non hai excusas).

Sego a dicir que estou encantado con este invento dos blogs, é outra forma de ler e enterarte de todo tipo de noticias ou divagacións persoais da xente, xente que vas considerando como amigos aínda que non os coñezas, xente que fai que segas adiante co invento, xa que demostra que lle gusta o que fas. En resumen, non é que estea enganchado ó blog, pero sempre estou a barrenar con que poñer.

Neste ano teño escrito sobre temas propios da zona, canastros, cruceiros, carros de bois, o casco vello de Ponteareas (con "v", non con "b") ; de deportes de Areas como a victoria na final de copa do AreasF.S., o ascenso do Cultural Areas a Terceira División Nacional; Festas e romerías, como a da Picaraña, a Festa do polo á brasa, San Benitiño de Angoares; e moitas máis chorradas con maior ou menor importancia.

Grazas a isto dos blogs, disfruten duha fin de semana en Viana do Bolo por mediación de Xulio Couxil e a súa radio e blog "Sempre en Galicia", ó cal coñecín alí (xa sabedes que ainda ten pendente o sorteo dos reloxios). Tamén coñecín fai uns días a Paideleo, todo un veterano nisto, a Brabido xa o coñezo dende hai tempo, jeje; pero sobre todo, grazas a isto doulle máis importancia a algunhas cousas que antes me pasaban máis desapercibidas ou non lle daba tanta importancia.

Como na reportaxe do ano pasado, aquí quedan unhas fotiños publicadas durante este ano:



A ver que lle depara este terceiro ano de vida a este blog, procurarei que chegue a cumprilo. Graciñas a todos por pasarvos.

domingo, 21 de febrero de 2010

Rúas de Ponteareas, onte e hoxe

Logo daquela reportaxe que fixera sobre o calendario deste ano feito polo Concello, prometera tomar unhas fotos dende a perspectiva máis parecida posible, e aquí están. Xa digo, a perspectiva é parecida, un dos problemas foi que non teño suficiente altura para tomalas ben, e tampouco era plan un domingo á mañán andar a timbrar nos portais para que me deixaran tomar unhas fotos. O de sacalas un domingo pola mañán é para evitar a cantidade de trafico que ten Ponteareas, que a veces parece que está un a circular por Vigo. Tamén sei que é un post un poco extenso, pero preferín poñelas todas.

Estas son as comparacións:

Portada do calendario, toma de Ponteareas dende a Nacional 120, antes de cruzar a ponte sobre o Río Tea. Os edificios xa non deixan ver o casco vello, que por certo, tampouco está moi coidado, como xa contara:


Xaneiro. Comenzos do século XX, Nacional 120 ou Rúa Real ou calle dabaixo, como se lle chama popularmente . As casa da dereita aínda están en pe, as da esquerda derubáronas cando ampliaron a estrada. Como curiosidade, daquela facíase a alfombra floral no medio da rúa, os coches non debían ser moitos.


Febreiro.1912, a mesma rúa dende o outro lado. Aquí vese ben o estado das casas da marxe esquerda, case todas están pechadas e a cair.


Marzo. 1950, cruce antiguo de Salvaterra, entre a xa vista Rúa Real e a Rúa dos Ferreiros. Aquí tamén comprobamos que faltan as casas da esquerda. Para ir a Salvaterra había que cruzar o pobo por dentro. Despóis fixeron unha circunvalación, que xa esta chea de edificios e xa non se pode chamar tal, xa que co medrar da vila, está introducida nela. Curiosidade, o guarda de tráfico ou municipal dirixindo o tráfico. A alfombra da Nacional faciáse polas beiras da estrada, deixando o centro para circular os coches. Hoxe en día, loxicamente xa non se fai.


Abril. Mediados do século XX. Praza de Bugallal. Esta toma é dunha parte da praza, a da saída da igrexa. A casa que se ve ó fondo, detrás deses autobuses típicos da época, esta bastante ben restaurada. Este espazo da alfombra está reservado para a Vila da Orotava (Canarias), vila hermanada con Ponteareas, donde fan os seus murais florais o día de Corpus.


Maio. 1952. Praza de Bugallal. Hacia a marxe dereita non había máis vila, agora abriron varias rúas e o pobo estirouse tamén hacia este lado.


Xuño. 1947. Rúa de Oriente. Esta rúa segue a manter case tódalas súas casas, algunha reformadas. O pavimento, despóis de nalgún tempo empichado para circular os coches, agora ten un piso de granito e é semi peatonal, unicamente poden circular os veciños para acceder ós garaxes. Isto é relativo, xa que a veces parece unha autovía. Apréciase que algunhas balconadas seguen sendo as mesmas de ferro forxado.


Xullo. 1949. Praza Maior. A beleza que tiña antes non ten nada que ver coa de agora. A esquerda vese unha fonte e no medio da praza un palco-timplete que desapareceu. Despóis de varias reformas, fai un par de anos fixeron a última. Quedou unha praza grande, pero demasiado postmoderna. O de peatonal, xa se ve que non se lle fai moito caso. A dereita vese a "funeraria moderna Quinteiro", negocio que facía arte funerario, co tempo foi un comercio de roupa e agora unha chocolatería; sempre pertencendo a mesma familia.


Setembro. 1912. Rúa dos Ferreiros. Aquí nos poñen dúas instantáneas da época. Os cambios non son moi significativos pero algún hai. Mágoa é a casona que se ve ó fondo na segunda foto, hoxe está (tamén, e por desgraza) a cair.




Outubro, 1949 e 1951. Rúa Reveriano Soutullo Tamén nos poñen dous exemplos. O primeiro tomado dende o instituto vello hacia arriba. Os cambios aquí son claros, aparte de edificios novos, tamén se aprecia ó fondo, a dereita o muro do Colexio La Inmaculada, máis coñecido como o "as monxas". A segunda foto é dende arriba hacia o instituto.




Novembro. 1939 e 1947. Avda. da Constitución. A primeira tomada denda a Praza da Igrexa hacia o Concello. Máis do mesmo, edificios e sucursales bancarias, esta parece a rúa dos bancos.
A segunda está tomada dende o Concello.




Decembro. 1955. Novamente a Rúa dos Ferreiro. Aquí vese a xente adornando. As fachadas das casas seguen igual e ata a beirarúa da esquerda segue a ser a mesma, de bloques de pedra medio pulidos polo paso dos anos.


E contraportada. Xardíns da Xiralda. Atópanse detrás do Concello, aquí, como en outras, a falta de altura non deixa apreciar as diferencias. Por moitos columpios que haxa, a beleza que tiña antes é moi superior.


Bueno, ata aquí o percorrido por este calendario. Espero que vos gustase.

lunes, 15 de febrero de 2010

Crónica dun venres axetreado

Este venres pasado pódese dicir que foi bastante axetreado e complicadillo. Coma case sempre comenza as oito da mañán co pitido do despertador, despóis dun par de voltiñas, ducha para espabilar, toca ir ó choio. "A ver se o día non se complica", pois non, coma case sempre ultimamente éche unha xornada de traballo bastante tranquila, o único problema é que tócame saír máis tarde ó mediodía, unha horiña xusta para ir xantar e buscar a miña filla a escola. Alá saía co seu disfraz de hipi (nos dándolle ideas xa...). Non viña moi contenta e queixóuseme de que unha compañeira de escola era unha chivata, que non lle deixaba andar cos puzles dos maiores. Xa empezamos cos celos, pensei eu.



Pola tarde, volta ó curre para saír ás seis, xa que tiñamos a festa de Carnaval para os rapaces dos institutos de Ponteareas, na discoteca Bonaparte. Un éxito, non houbo ningún problema para a cantidade de mozos e mozas que alí había. Mi madriña!! Como se adoita dicir, "agora tíranse os páxaros ás escopetas", que cambio coa miña época... Aí é cando un se da conta de que os anos pasan...

Como eramos bastantes pais, sobre as oito, fixen unha escapada para poder asistir a presentación, do xa comentado libro, "55 mentiras sobre a lingua galega". Claro, cheguei un "pouquiño" tarde e tiven que poñerme de pe ó fondo da sala. Tiña a palabra Benito Romero, e perdinme moito da súa exposición, que ía sobre a evolución do galego no tempo e como o castelán sempre intentou deixalo de lado; tanto en tempos antiguos, como no pasado recente que chegou a prohibirse, como agora que nolo intentan "racionalizar". Rematou con varias citas de Castelao moi acordes ó momento. Antes de que nos sacasen a foto ós asistentes cun melindre na man (producto típico de Ponteareas, xunto coas rosquillas), saudoume o Paideleo, e nos puxemos de leria . Acercámonos a comprar o libro, e sorpresa, xa o agotaran. Tamén é mala sorte (Para máis mal, o sábado recorrín tódalas librerías e non o atopei, seica lles chega esta semana).. Tomamos un viño e seguimos lareando un chisco, pouquiño para meu gusto, pero tiña que voltar para a festa, que xa me estarían botando de menos. Sempre é un pracer coñecer a amigos virtuais.

Esta é a foto dos compoñentes da mesa, foto roubada do blog do xa amigo real Paideleo:



Volvín para a discoteca, non me botaran moito de menos. Toca seguir controlando a situación e esperar que rematase a festa. O pincha anuncia que está a piques de rematar e escoitase un abucheo xeral. Nisto soa U2, chocoume un pouco xa que é música que non se adoita poñer, e aí ven meu fillo a dicirme que a pedira el. Estamos apañados, a quen se parecerá...

Despóis acerqueime ata Areas a charlar un pouco cos colegas e ver de botar unhas risas, costume que non se pode perder. Xa que estamos no carnaval, prestáronnos un par de disfraces a Beni máis a min, e así posamos con esta pinta:


Podo asegurarvos que o chinés máis o tirolés lévanse moi ben, e o pasaron xenial.

De volta para casa, unha paradiña en Ponteareas para escoitar ó grupo "O capitán Furilo". Tamén cheguei tarde, co tempo xusto de escoitar dous temas, o último aquel xa famoso que promocionaron no Xabarín Clube da Tvg. Lembrádevos do programa? Pois daquela estes chamábanse "O caimán do río Tea", como xa comentara Brabido no seu blog.

Esta é a canción en cuestión, agora xa teñen uns aniños máis e algún tamén un quiliño de máis:



Bueno, este foi o meu venres sen desperdicio. O sábado e domingo, resérvomo, senón xa sabedes moito...

Que pasedes un bó entroido

viernes, 12 de febrero de 2010

Sorteo duns reloxios en "Sempre en Galicia"



Xulio Couxil, por mediación do seu programa de radio e do seu blog "Sempre en Galicia", volve ás andadas argallando un novo sorteo. Despóis do exitazo do anterior no que sorteaba unha fin de semana nunha casa rural de Galicia (nada menos que 7 premios), agora o que vai sortear son catro reloxios da marca Dogma (dous de home e dous de muller). Dou fe que o sorteo é de fíar, xa que eu fun un dos agraciados no anterior e disfruten da miña fin de semana en Viana do Bolo.

O único que hai que facer para entrar no sorteo é mandar un comentario a esta entrada do seu blog pedíndolle un número, ou chamar ó seu programa de radio os sábados entre as 6 e 8 da tarde. Este programa de radio está feito por Xulio dende Cornellá. Eu tiven a oportunidade de estar dúas veces con él e sei que o fai de forma altruista, demostrando o seu amor a súa terra.

Cantos máis sexamos no sorteo, menos posibilidades terei de que me toque, pero prefiro compartir a sorte cos que aínda non o coñecen para que participen (Que bó que son... ou será que xa me tocou un?)

domingo, 7 de febrero de 2010

Aprazamento da presentación do libro

Este venres achegueime á Bibliteca Municipal para asistir á presentación do libro "55 mentiras sobre a lingua galega", como xa tiña comentado. Levei unha desilusión, alí non había case ninguén e chocoume un pouco. Cando pregunto á bibliotecaria, dime que fora aprazada, o luns chamaran por teléfono comunicándollo. Nada menos que o luns! Eu entereime desta presentación alá polo mércores, visiten varias veces a páxina de Prolingua e non puxeron ningunha comunicación do aprazamento.

Mandeilles unha pequena queixa, non polo aprazamento en si senón por non habelo comunicado, e contestáronme tanto polo correo como nun comentario da súa páxina.

Olá Carlos.

En nome de ProLingua pídoche desculpas polos erros de coordinación que afectaron a algunhas das presentacións, caso de Ponteareas e tamén a de Nova York, da cal non puidemos anunciar a hora con tempo abondo. Intentaremos no sucesivo que esta clase de erros non se produzan.

Agradecémosche en calquera caso o teu apoio.

Un saúdo.

Teño que dicirlles que acepto as disculpas. Por outra banda hai que verlle o lado positivo, como dixo Xenevra, agora teremos unha presentación única exclusiva para Ponteareas. Así que xa sabedes, o que se perdeu a primeira presentación pode acudir o vindeiro venres 12, a partires das 19:30. Eu vou ter un pouco difícil acudir, xa que orgazamos unha festa de carnaval para os rapaces do instituto. A ver se me podo zafar dalgún choio...

Ah! E que ben soa velo nome de Ponteareas ó lado do de Nova York...

jueves, 4 de febrero de 2010

55 mentiras sobre a lingua galega


O blog de Xenevra é un dos recentes descubrimentos que tiven dentro deste mundillo. Polo que lle fun lendo, é unha defensora incondicional da nosa lingua e moi involucrada, aparte de escribir unhas moi boas historias.

No último post, coméntanos que a plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o próximo venres 5 de febreiro a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega. Está presentación será simultánea en máis de 60 localidades, ás 20:30. Aquí en Ponteareas, celebrarase na Biblioteca Municipal.

Sinto moita curiosidade sobre o seu contido, e sobre a cantidade de prohibicións que aínda segue a ter a nosa lingua. Un exemplo que nos conta Xenevra é que non está permitido o uso do galego nos prospectos dos medicamentos. Non permite ningunha lingua que non sexa o castelán, e ben dicindo este decreto que non se poden usar dialectos... Diálectos de quen... Quen o redactaría... Ver para creer.

Teño que recoñecer que nunca fun a unha presentación dun libro, e penso que xa vai sendo hora de facelo, así que alí estarei e mercarei o meu exemplar. O prezo é de 8 Euros e 5 para os socios de Prolingua. De paso levaren a cámara para mostrar o resultado. Só espero que vaia bastante xente.

Agardo que me acompañe Brabido, que lin que ía quedar conmigo para asistir. Xa sabes "machiño", quedamos ás oito, pero para ir, eh! As copiñas tomámolas logo que é venres, jeje.