Fai aproximadamente un mes que subín o meu último post, así que xa vai sendo hora de comentar algunha cousiña. A todo isto... ¿Como escomenzastes o ano?, aínda conservades os bos propósitos de fai 28 días; a min xa se me disolveron todos coa abundante choiva que nos toca padecer diariamente.
Ó longo da (xa non tan curta) vida desta bitácora, tanto Carlos como eu mesmo, falamos un pouco e ó noso xeito de lugares, de tradición e de edificacións máis ou menos representativas; pero botaba en falta (e é case obrigado) facer algún comentario acerca das xentes que poboan este lado da ponte.
Unha cousa que me pareceu sorprendente, cando me tocou vivir en Madrid fai xa algúns anos, é que practicamente non coñecía a ningún veciño, todo o mundo ía á súa bola. Haberá quen califique isto como "a frialdade das cidades", pero á min por aquel entón parecíame liberador. Hoxe en día tampouco me sinto oprimido en Areas, pero iso é porque me importa unha p... merda o "que dirán".
Creo que estou no certo ó afirmar que a xente nos pobos vive ó seu xeito, pero tamén ó xeito que os seus veciños cataloguen como "o correcto". Areas non é unha excepción, así que vou permitirme describir ó meu pobo como "Na terra dos lobos hai que aubear como eles". Non importa "os mortos que teñamos no armario", o importante é aparentar que todo nos vai estupendo (mellor que ó veciño), que somos "divinos de la muerte" e que progresamos adecuadamente.
En base ás miñas experiencias persoais, eu cambiaría a frase de "to er mundo e güeno" pola de "todo o mundo -paresse güeno-, pero non te fíes".
Polo que escribín ata agora, pode dar a sensación de que non me gustan demasiado as xentes da miña parroquia, cando debería estar póndoas nun pedestal, se pretendo que lean o noso blog; pois a verdade é que (con reconfortantes excepcións) non moito, aínda que sempre podo botar man da socorrida frase: "estou falando en xeral".
Pois (falando en xeral), e como non se pode meter todo no mesmo saco, vou aventurarme a facer unha pequena clasificación:
- Homo Sapiens Habilis Horrendi: Xénero cuxas características xa describín en párrafos anteriores.
- Homo Erectus: Xénero ao que todos din pertencer, pero que nalgúns casos deriva cara á subespecie de "Homo Flacidus"
- Homo Caminantis: Pertencen a este xénero os individuos que saen de casa pola mañá temprán comentando co veciño que "parece ser que Carmiña se quedou preñada" e cando á tardiña acaban a ruta de rigor, o bebé xa fixo a primeira comuñón. Tamén se lle coñece como "autobús de línea", por aquilo de que fai tódalas paradas establecidas.
- Homo Sapiens Sapiens: Aínda que en serio perigo de extinción, afortunadamente aínda se poden atopar algúns exemplares. Non se adoitan divisar facilmente, debido a que unha das súas excepcionais características é a de non facerse notar.
- Homo Gabachus: Un dos xéneros máis estendidos por todo o territorio, distínguese facilmente xa que habita en casas ó estilo do "Habilis Horrendi", pertréchase con vestimenta xeralmente horrenda e estridente, e reloce máis có sol, debido ás "xoias" que adoita porse.
- Homo Laboris: É posible que ao longo deste ano véxase minguado sensiblemente o colectivo desta especie; aínda que hei de recoñecer que se atopa bastante estendida pola bisbarra. Aquí tamén debemos falar dunha subclase coñecida como: "Caserus Homo laboris", á cal derivarán algúns individuos do grupo principal.
- Homo Fiestensi Divertentis: Os individuos agrupados neste xénero soen localizarse en bares, festas e reunións sociais. Adoitan comer en exceso e a miúdo pódeselles ver cun estraño andar zigzagueante.
- Neandertal: Ó contrario do que poida pensarse, individuos desta prehistórica especie aínda se poden localizar por todas partes. É un xénero predestinado a perdurar no tempo.
Doutra banda tamén existen individuos inclasificables, exemplares únicos que se distinguen pola súa bondade e pola axuda desinteresada a membros dos xéneros anteriores. Pode divisarse perfectamente onde moran, xa que a entrada adoita estar moi concorrida.
¿A que grupo pertenzo eu?... creo que non son o adecuado para contestar esta pregunta. Se teño que ser clasificado, que me clasifiquen os demais, ¡Coño, pero se xa o fan...!; sitúanme dentro do xénero "Homo Sexual", e eu encantado.
jueves, 29 de enero de 2009
Xentes, persoas, persoaxes e personajillos
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
6 comentarios:
Pos non .. ti eres "Homo cintificorum" e te imaxino destripando a os teus veciños baixo a luz da lupa... jaja
Y los pones en una urna de cristal pinchados con un alfiler? jaja Bueno, me parece que esos tipos son arquetípicos en todas las ciudades y tus vecinos son un reflejo de la sociedad en general... Y que tu post es un poco machista, según la ministra pues tenias que decir tb. "Homa"
Home y Homa, jajaja
No te aburres, no! Pero los ajustes de cuentas se te dan bien, carallo, jaja
Bezos
hehehehehhehehehehehehehe, que gracioso!!!! á verdade é que tas moi ben documentado....XD
Gustoucheme ben este post!!
Penso que aos teus veciños non lles faría tanta gracia, ou sí ¿?, se alguén se dou por aludido, por algo será.
Seica tí eres Homo Sexual, que non Homosexual, ¡vaia! pois sorte para a túa muller/moza/etc...
Como dicía miña avoa: "o caso é estar san"
Unha aperta
Algún de Cromagnon aínda queda tamén, e esqueceuseche o "Homo Fastudu", aqueles que sempre están a presumir que fan, fixeron ou faran, e o final non fan nada, todo leria barata.
Tamén coñezo ó "homo internetis", aquel que sempre che está a bombardear con correos para que instales as últimas novedades (e dicho como se fose a cousa máis sinxela do mundo), e o final é o que che quita as castañas do lume. El foi quen me meteu nisto. Quen será?
perdón... o teu home/mozo/etc... estará contento
outra aperta
O caso é que falen de un...Apertas
Publicar un comentario