jueves, 14 de mayo de 2009

Letras Galegas 2009 en Areas

Vaise a celebrar este sábado, aquí en Areas o Día das Letras Galegas. Non vai ser cunha lectura colectiva dalgunha obra do homenaxeado, Ramón Piñeiro López. Se así fose, me temo que non sei se habería algun voluntario no salón de actos para tal fin. Non, aquí somos máis festeiros e dados o "expectáculo", e como tal pásovos a relatar os actos que vai a organizar a Casa Cultural de Areas.

Como se ve na portada do folleto, chámanse os "Xogos da xuventude", polo tanto valen tamén para os novos de 90 anos ou máis, o que se considere xoven pode apuntarse.

A partir das 11 da máñan terá lugar unha xincana de bicicletas no parque da Bouza Vella. O sitio é ideal, cun merendeiro, o río cerquiña, fontes e bastante sombra para o que queira almorzar algo, cousa bastante probable. No folleto explica que hai que levar bici, casco e protección (este último supoño que non será tan tido en conta).

Xa pola tarde, a partir das 6 e no torreiro da Igrexa, "Xogos para todos". Aquí anuncian "Carreiras de sacos con saco" ou sexa, que tamén hai que levar o saco da casa. Polo que vin noutros anos, farán algúns xogos populares máis.

E a partires das 8 e media, actuación da Coral Santa María de Areas. Como di entre risas Verio, un dos seus compoñentes, a millor de Areas (de feito é a que hai). E atención, teñen novos compoñentes e novas cancións, ou sexa, que valerá a pena. Durante a actuación entregaranse os premios dos xogos.

Tamén compre sinalar que durante o 16 e 17 terá lugar no salón de actos da Casa Cultural, unha exposición de pinturas realizadas por mulleres.

Na traseira do folleto ven información sobre Ramón Piñeiro López, o homenaxeado este ano. O trancribo tal cual:

"Ramón Piñeiro López naceu no seo dunha familia labrega da parroquia de Armea, concello de Láncara (Lugo), en maio de 1915. Tivo outros sete irmáns, dos que tres morreron sendo nenos. Era fillo de Vicenta López Fernández e de Salvador Piñeiro García, quen sempre demostrou unha preocupación pola cultura e pola educación dos seus pequeños superior á habitual naquela época entre a xente humilde. Isto, e a incipiente curiosidade e intelixencia de Ramón, explica que xa antes de chegar, con seis anos á escola, o neno soubese ler, escribir e resolver algunhas operacións matemáticas. Se a escola non supuxo dificultades intelectuais para Ramón Piñeiro, adiantado con respecto aos seus compañeiros grazas á axuda familiar, si que lle causou un forte impacto ao facerlle percibir en toda a súa crueza a diglosia presente na sociedade.
Ramón Piñeiro foi o director literario de Galaxia e, dende ese posto, un dos principáis artífices da reconstrución cultural galega da posguerra. Un dos primeiros propósitos da editorial foi crear unha revista, Grial, para a que non se conseguiría autorización gubernamental ata o ano 1963. Preocupado por asegurar a presenza galeguista no primeiro Parlamento galego, cando chegaron as eleccións autonómicas aceptou a oferta do PSdcG-PSOE de ir como independente nas súas listas. Deste xeito, foi elixido deputado autonómico, o que lle deu a oportunidade de traballar a prol da Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade en 1983. Nese mesmo ano, Ramón Piñeiro foi elixido presidente do primeiro Consello da Cultura Galega, cargo que ocuparía ata o seu pasamento en 1990."

Despóis tamén ven un poema de Manuel Rivas, que ven a tratar a persecución que tivo o galego noutros tempos no ensino.

"Fonema

Do máis aló da gorxa,
dun profundo e misterioso fol.
saíannos sons que debíamos matar.
Repitan, dicía o mestre:
Los pájaros de Guadalajara tienen la garganta llena de trigo.
Pero Lolo o do Rito dicía que los pájaros de Juadalagara tienen lajarjanta llena de trijo.
E o mestre dáballe un pau.
A min custoume algún traballo dicir sen respirar
que había plantas monocotiledóneas
pero non dei sabido de que familia era
se é que a tina
o toxo que douraba os montes de Galicia."

Da que pensar, ideal para estes tempos

Bueno, pois é o que hai, penso que non está nada mal. E para o que non coñecera a Ramón Piñeiro (como é o meu caso), sempre vale para informarse e saber quen era.

A todo isto, supoño que estes actos celebraranse sempre que o tempo acompañe, que ó final parece que se vai cumprir o refrán, "Cando en marzo maiea, en maio marcea"

15 comentarios:

BRABIDO dijo...

Non sei porque o dia das letras ,estaba en que era o 17.
Pois nada a collela bici que xa a tendras dominada a polo premio.

Barreira dijo...

Pois que maieee en maio ainda que solo sexa ese dia. E pasadeo ben, os xoves, os vellos e todos os veciños de Areas.
Saudos.

Paquito de Penas dijo...

Divina xuventude, nunca importa cando chegue.
O día das letras galegas, como outros días de, sempre axudan a refrescar a memoria.
Saúde e terra.

Beni Lago dijo...

Mágoa que mañán teña que ir a currar, se non tamén ia eu. O saco xa o teño na casa de cando fun os bruños (penso que xa todo o mundo sabe o que son, jejeje).

Cando falaches conmigo sobre o tema (fai sólo un intre), auguraches que non ía acudir moita xente, cecais teñas razón, pero son tradicións enxebres que non se deberían perder... xa se perderon outras polo estilo. Espero que acudas, como me prometeches, e que nos mostres unhas "afotos ben priciosas"; claro que supoño que dependerá do teu estado de ánimo despois do resultado do primeiro partido de copa.

Abofé que este ano deberíamos celebrar dalgún xeito o día de mañán, xa que a causa deste blog, tanto ti coma eu, procuramos empregar mellor as homenaxeadas.

Claro que si queres celebralo busca unha forma axeitada, non se che ocurra meterte nun saco que te mallas, e o da bicicleta, xa comentaches nun post o ben que se che da.

En fin, sexa como sexa disfruta do día, aínda que marcee un pouco.

Raposo dijo...

Oxalá que a defensa e o apoio as letras galegas e o galego dure tódolos días do ano. Que boa falta lle fai!

Antón de Muros dijo...

Deixovos unha aperta neste día tan especial.

Antón de Muros.
Galego en Bos Aires.

Pau dijo...

Pois ba envidia me da eso da xincana de bicicletas

Carlos Sousa dijo...

Foi unha mágoa, pero estes xogos que ían organizar tiveron que suspenderse pola choiva.

Brabido Houbera sido millor que celebraran os xogos o 17, que polo menos estivo millor día. A bicicleta dominada? Jeje, quen tiñas que vir serías ti, que debes estar en plena forma.

Barreira, xa ves, ó final marceou en maio.

Paquito de Penas, a ver se este día de... vale para algo, pero me da que seguiremos igual.

Beni, Aínda gardas o saco de ir ós bruños? jaja, quen te había de ver. E tes razón cando dis, que dende que temos este blog empregamos millor o galego, ou polo menos intentámolo. Como na escola non nolo ensinaran, vamos aprendendo pouco a pouco.

Raposo, é o que dis tí no teu blog, tiña que durar todo o ano a loita e adefensa da lingua.

Antón de Muros, unha aperta tamén para ti, que sei que tamén é un día especial. Sempre é agradable topar con xente que defende a lingua tan lonxe da súa terra.

Pau, daría envidia o das bicicletas, pero ná, non se pudo facer.

Por outra banda quero recordarvos, que si entrades no blog Sempre en Galicia, podedes participar no sorteo de un fins de semana nunha das distintas casas ruráis que alí mostra.

Animádevos.
Un saúdo.

Thiago dijo...

Bueno, y que tal estuvo, ahora a toro pasado? Ya viste que hoy ha muerto Benedetti, otro poeta, aunque argentino.

Los últimos años en Coruña empecé a leer a autores gallegos, pero al venirm a Madrid pues ya nada...

Y hablando de cultura, ¿y el "culto" del Beni donde anda?.

Bezos

Chousa da Alcandra dijo...

Oes, pois tivestes unha celebración ben interesante para o día das letras. Non sei eu se vos acompañaría moito o maio marceador que estamos tendo, que eu andiven perto da tua terra o sábado e...patuñaba(*) con reiteración.

(Gustoume tamén unha pancarta que vin pendurada da casa do concello de Nigrán, que rezaba: "O galego, lingua viva en Galicia. Lingua viva en Nigrán")

[*] Por aquí chamámoslle patuñeira a esa auga que parece que non molla, pero que empapa. Dixéronme na Illa de Arousa que por alí, cando así chove, dinlle "merdear".
Que riqueza léxica temos, carallo!!!

Anónimo dijo...

De todo o Post quedei impresionado po lo fonema, e decir, po lo toxo...,que ainda que non se reconozca familia, eu tapouco a sei, penso que debe tela..., pero coa beleza con que cobre os montes galegos..., ainda que fora un fillo de puta, non me importaria, hasta o admiraria mais. Ricoesanto.

Anónimo dijo...

Dille a Thiago que si o leera un uruguayo enfadariase moito... Benedetti non e arxentino. Este grandisimo poeta e uruguayo... Ricoesanto.

Thiago dijo...

jaj Gracias Anónimo, ya me había dado cuenta, de hecho lo expliqué en mi blog que me había equivocado, aunque no sabía dónde. Ya me lo aclaró Carlos. El caso es que creo que Mario es un poco de todos, es un poeta universal. Hoy llora Uruguay más, claro, pero igual que todo hombre de bien.

En fin, espero que mi estupidez no haya llevado a nadie al error.

bezos.

Carlos Sousa dijo...

Thiago, Por estar, nin tan siquera estivo, que foi un día de moita choiva. O único que se fixo foi a exposición de pinturas. Estiven alí o domingo a máñán, e as mulleres que estaban expoñendo falaban todas castelán, xa ves.

Chousa, Temos máis que riqueza léxica, e algúns aínda dubidan dela. O de "merdear" é lóxico, xa que cando é así adoitamos dicir "vaia día de merda". Aquí, cando chove desa maneira, chamámoslle choiva de mollaparvos.

Rico e santo, quedáchete co detalle do fonema, é moi bo. Demostra que antes ensinaban a paus, e a cousas tan sinxelas que nos rodean, non lle facía nin caso.

paideleo dijo...

Foi un día algo triste.
Bueno, tés un premio no meu blogo.