martes, 1 de abril de 2008

A Igrexa de Areas

Sen dúbida, e como ocorre noutros lugares do contorno, o icono máis representativo da nosa parroquia é a súa igrexa. Se o vemos dende o punto de vista de monumento artístico hai que recoñecer que é unha marabilla, tanto externamente como no seu interior. Debido á súa localización, ámplias proporcións e esbelta torre, creo que non esaxero demasiado se a cualifico como "maxestuosa".

Por estas razóns (e por mostrarvos o bo fotógrafo que é Carlos), creo que xa é hora de teclear uns breves apuntes coa súa historia.

A primeira igrexa da que hai noticias debía radicar na Fos. A tradición cóntanos que foi fundada en 1694 e mandada construír polo Sr. Gómez de la Torre. Nesta igrexa xa había dúas capelas laterais; a de "San Xoan", e outra adicada ao "Santo nome de Xesús".

Hai constancia de que xa no ano 1697 o Sr. Gómez de la Torre manda trasladala a unha "parte máis decente", debido ao seu estado lamentable por causa das continuas inundacións que sufría. Con todo non foi ata o ano 1878 (o 15 de Agosto, como non podía ser doutro xeito), cando se deron por terminadas as obras e inaugurouse oficialmente a nova igrexa na súa localización actual; fixérono con gran solemnidade o párroco D. Francisco José Álvarez e o misioneiro Frai José Ramón Acuña. (Data á que fai referencia D. Mariano Piñeiro Groba «1873 - 1940», e que se recolle no libro "Historia de Puenteareas"




Antes desta data o templo sufriu numerosas reformas segundo investigacións do Subdirector do Museo Diocesano de Tuy, Domingo Cameselle Bastos, e que detalla no libro "Soberosum" (Revista de Estudos do Museo Municipal de Ponteareas).

No ano 1815 nunha visita pastoral que fixese o Bispo Juan García Benito, ordenaba o seguinte:

«Que se acabe de embaldosar el pavimento de la iglesia y se de un blanco de cal a las paredes de ella con un rodapié de cinco quartas de alto encintando las paredes por fuera donde lo necesitase y manda S.S.I. que se reedifiquen y leventen las paredes del atrio de la iglesia y se compongan las cruces del Calvario y el cruceiro del Torrón y se vayan sentando con cal y retocando con ella el tejado de la iglesia para mayor seguridad del edificio

Trece anos máis tarde aínda non se concluíran tódalas reparacións que precisaba, tal e como reflexa o bispo Francisco García Casarrubios e Melgar, quen pouco tempo atrás tomara posesión da Diocese:

«Que se echen vidrios a todos los tragaluces y ventanas de la iglesia y a todas las capillas incluso la mayor y sacristía, que se repare el tejado de unos y otros sentando en cal las bocas y canales y cumbre para su mayor seguridad...»

O certo é que se van pondo parches e facendo pequenos arranxos; a enfermidade do párroco durante bastantes anos, fai que os traballos non se fagan e se acrecenten os danos. Nos anos 1853-54 realízanse obras na sancristía, rebaixando o chan e pondo un piso de madeira, gastos que alcanzan os 500 reais; tamén se coloca unha caixonería por valor de 700 reais. Ao ano seguinte constrúese na fronteira do atrio o muro cos seus asentos e pasado outro ano gastáronse 100 reais en botar todo o armazón do teito da capela maior e 500 reais máis no retellado de devandita capela e do corpo da igrexa.

Parece que a solución non é gastar en pequenos reparos, xa que o diñeiro gastado todos aqueles anos non serviu para ter un lugar digno para o culto; polo que o párroco decide porse en mans dun arquitecto. Os veciños convocados, a campá tañida, polo alcalde da vila (D. Rafael de Castro, por aquel entón), e en presenza do párroco, comprométense a transportar os materiais, abrir cimentos, etc. O arquitecto proposto é Domingo Lareo, quen levanta o plano e forma o orzamento, que alcanza os 62.125 reais.

Este orzamento é enviado ao Gobernador Civil en Madrid, pero o excesivo custo obriga a refacer os planos e recortar gastos. Envíase un novo proxecto a Madrid o 11 de abril de 1861, que tamén é rexeitado, esixindo ao arquitecto que refaga novamente o proxecto axustándose ao orzamento esixido polo ministerio.

Tras moitos tiras e afrouxas, do mal entendemento entre párroco e arquitecto, e indo ata a poxa pública a adxudicación das obras; no ano 1867 é finalmente o arquitecto Manuel de Uceda quen se encarga do proxecto, tras o falecemento de Domingo Lareo.

Ademáis dos dous arquitectos mencionados, débense apuntar os outros mestres que interviñeron nas obras, e que son os seguintes:

Francisco Pintos, Mestre Canteiro.
Francisco Toumil, Mestre Carpinteiro.
Luís Bouza, Albañil.
Juan Antonio Tora, Ferreiro.
Pedro Rodríguez, que fixo a cadea para suxeitar a araña situada na media laranxa.
Jose Couto, que fixo obras na torre.
Manuel Pellón, que fixo as campás.

O arquitecto presenta a memoria da terminación de obra facendo fincapé nas modificacións feitas ao plano primitivo, xustificando a modificación:

«...por que estando Puenteareas solamente a un kilómetro solamente tiene una pequeña iglesia a pesar de su desarrollo...»

E en canto á construción da media laranxa, xustifica:

«...obedece a una ley física necesaria en esta clase de edificios, cual es la acústica y el sonido. Sirve para que la voz del orador conmueva a lo más posible al auditorio y esto se verifica por la media naranja o cúpula citada bajo la cual se hallan los púlpitos

Termina a súa memoria facendo un gran eloxio do párroco D. Francisco José Álvarez e dando o resumo dos ingresos e gastos:

Ingresos:

Do estado - 10.000 Pts.
Do párroco de Torneiros - 250 Pts.
Donativos dos veciños - 3.231,50 Pts.
De man de obra cedida polos veciños - 2.070 Pts.
Da confraría de ánimas - 1.750 Pts.
Da confraría de San Blas - 375 Pts.
Do culto da igrexa - 1000 Pts.
Donativos para dúas campás - 1.250 Pts.
De pedra, madeira e demais materiais da igrexa vella - 2.255 Pts

Estes ingresos suman 22.281,50 Pts., pero os gastos alcanzan un total de 59.245,56 Pts. A diferenza adiántaa o párroco, que se vai resarcindo das contas do culto dos seguintes anos.

Oito anos máis tarde reconstrúese de novo o arco que sostén o coro, xa que parecía ceder pola mala disposición das xuntas.



Nun post posterior mostraremos imaxes do interior da igrexa e contarémosvos algunhas cousas do fermoso altar lateral adicado a Virxe das Dores e realizado polo maestro Cerviño, autor entre outras moitas obras do "Cruceiro de Hio".

Nota: Non te esquenzas de pinchar nas fotos para velas a maior tamaño.

Algunhas vistas dende o campanario:

1 comentario:

vacorinho dijo...

curioso, ecléctico e interesante blog. Parabéns aos responsables.