miércoles, 16 de abril de 2008

Os nosos autores - Reveriano Soutullo

Ben, logo duns cantos días sen escribir nada, penso que xa é hora de facer algunha entrada, se non o meu socio vaime a chamar vagoneta. O certo é que levo algun tempo falto dalgunhas cousas; dunha boa conexión, por exemplo; pero tamén de inspiración, aínda que como, de momento, non vou escribir ningún soneto, pois tampouco pasa nada.

Anteriormente subín un par de posts relacionados con autores galegos de gran relevancia; daquela penso que xa é hora de falar dun persoaxe que nos toca moi de cerca, estoume referindo a "Reveriano Soutullo".

Sen ningunha dúbida é unha das persoas máis ilustres que viu nacer Ponteareas; non en balde o estupendo auditorio da Vila ten o seu nome.

Dicir tamén que a entrada ao concello está franqueada ós lados por sendos bustos en forma de estatua, un dos cales é o do "Mestre" que agora nos ocupa.

Reveriano Soutullo naceu en Ponteareas, o 11 de Xullo de 1884, no seo dunha familia con gran tradición musical. O seu pai, era director da banda municipal de Redondela e foi quen lle deu as súas primeiras leccións e posteriormente animouno a seguir coa actividade de compositor.

En 1898, cando contaba só con catorce anos de idade, xa era director do Orfeón de Tuy. Posteriormente entrou no exercito e serviu como músico no Rexemento Murcia.

En 1902 trasládase a Madrid, e prosegue a súa formación musical no Conservatorio. Durante esta época en Madrid concederonlle un premio de composición, que lle permitiu optar e gañar unha beca coa que puido trasladarse a Alemania, e posteriormente a Francia e Italia para perfeccionar os seus estudos.

De regreso a España, centrouse principalmente no campo da "zarzuela", e aínda que compuxo algunhas outras obras para banda e para orquestra, o seu prestixio labrouse polas súas achegas ao mundo lírico.

Dentro das súas composicións de zarzuela, podemos destacar títulos como "Paloma del Barrio" (1911), "Guitarras y Bandurrias" (1920), "Marcha de Honor", "El Capricho de una Reina" e "Luces de Verbena". Tamén colaborou con outros compositores, como Tena en "Piso 5º, Letra C", e Enrique Ronsel en "Rosa de Flandes". Pero os seus maiores éxitos foron acadados xunto con Juan Vert, en zarzuelas caracterizadas por unha sofisticada atmósfera musical.

Xuntos orixinaron un deses raros casos na historia da música nos que resulta posible alcanzar notables resultados artísticos a través dunha íntima colaboración. Isto foi debido en gran parte a que ámbolos dous músicos, con escasa diferenza de idade, proviñan dun ambiente musical que foi determinante nas súas profesións. A súa alianza chegou ao seu máximo apoxeo co tríptico formado polas zarzuelas, "La leyenda del beso (1924)", lenda-conto onde os zíngaros ocupan un destacado lugar; "La del soto del parral (1927)", que se desenvolve nun pequeno pobo segoviano, sendo os seus protagonistas as mulleres e os homes dedicados á labranza; e "El último romántico (1928)".

Aínda que ambos compuxeron algunhas zarzuelas e obras doutro xénero por separado, o verdadeiro éxito acadarono xuntos, posto que se uniron o talento dramático, case verista, de Soutullo coa habilidade melódica e orquestral de Vert. Foron como unha perfecta comunión de espíritos que só no momento da súa síntese son capaces de dar o mellor de si mesmos.

A moi coñecida canción, "Amor de hombre", que fora interpretada polo grupo de orixe vasco, "Mocedades" fíxose famosa nos comezos da década dos 80 e en poucos meses vendeu soamente en España máis de 500.000 copias. Nembargantes, non moitos saben que a música orixinal desta canción está sacada da zarzuela "La leyenda del beso", composta por Soutullo e Vert fai máis de 80 anos.

Mención aparte merece a súa creación "Ponteareas", considerado como o primeiro pasodobre galego; donde soutullo incorpora, neste xénero xa existente, acordes propios da música galega , como son os alalás e as alboradas, dándolle así un xeito diferente e propio.

Entre os nosos músicos está considerado como o segundo himno de Galicia, polo moito que se interpreta no mundo. Tanto que ata a Banda Real Inglesa o toca en ocasións durante o seu famoso "Cambio da Garda".

Esta composición regaloulla o mestre ós seus paisanos o 20 de outubro de 1929, día no que Ponteareas e os músicos galegos lle tributaban unha afervoada homenaxe na praza de Abastos da localidade, lugar que ocupa hoxe un auditorio que leva o seu nome (como xa comentei ó principio). Aquel día, Soutullo estreou diante dos seus veciños esta excelsa melodía coa que inventaba unha extensión galega dun xénero tan castelán.

Antes de estrear o pasodobre "Ponteareas" na praza de Abastos da nosa vila do Tea, Soutullo leu un discurso no que agradeceu o cariño de veciños e amigos e das corporacións de Ponteareas, Redondela e Vigo, que o axudaron na súa formación. A segunda parte do discurso tiña un ton inconformista. Neses parágrafos finais pedía apoio e protección para a música galega, o único xeito de fecundar obras maiores como a súa, que nesta mesma hora seguramente soa nalgunha parte do mundo.

Reveriano Soutullo, faleceu en Madrid, vítima dun accidente de trafico o 29 de outubro de 1932.












O mestre Soutullo no centro, con batuta, co Orfeón de Galicia, de Tui, que dirixía en maio de 1897



Zarzuelas e Obras Líricas

1909
La Serenata del pueblo (con Andréu)
La Siega (con Andréu)

1911
La Paloma del barrio (con Andréu)

1914
El Cofrade Matías

1915
Amores de aldea (con Pablo Luna)

1916
Don Juanito y su escudero
La Giraldina

1919
Las Aventuras de Colón (con Juan Bautista Monterde)
El Capricho de una reina (con Juan Vert)
La Pitusilla
La Garduña (con Juan Vert)
Justicias y ladrones (con Juan Vert)

1920
La Caída de la Tarde (con Juan Vert)
Guitarras y bandurrias (con Juan Vert)

1921
Los Hombrecitos (con Juan Vert)
La Virgen de bronce (con Juan Vert)
Las Perversas (con Juan Vert)

1922
La Guillotina (con Juan Vert)
La Venus de Chamberí (con Juan Vert)

1923
La Piscina de Buda (con Vicente Lleó y Juan Vert)
El Regalo de Boda (con Juan Vert)
Rosa de Flandes (con Juan Vert y Enrique Estela)
La Conquista del mundo (con Juan Vert)

1924
La Leyenda del beso (con Juan Vert)
La Chica del sereno (con Juan Vert)
La Canción de los Batanes (con Juan Vert)

1925
La Casita del Guarda (con Juan Vert)
Encarna la misterio (con Juan Vert)
Primitivo y la Gregoria o El Amor en la Prehistoria (con Juan Vert)

1927
El Asombro de gracia (con Juan Vert)
La del Soto del Parral (con Juan Vert)
Así se pierden los hombres (con Juan Vert)

1928
El Último romántico (con Juan Vert)

1929
Las Maravillosas (con Juan Vert)

1930
Las Bellezas del mundo (con Juan Vert)
Las Pantorrillas (con Juan Vert)

1931
Marcha de Honor (con Juan Vert)

1932
Quinto piso, letra C (con Tena)

1935
Luces de Verbena (con Juan Vert y Gregorio Baudot)

Se queres saber máis acerca deste autor, non deixes de visitar:
http://www.soutullo.com/

No hay comentarios: