Seguindo un pouco cos posts adicados ás tradicións e formas de traballa-lo campo na Galicia devanceira, comentareivos algunha cousa do utensilio de labranza por excelencia en tempos pretéritos. Eu, persoalmente, non vin a nadie traballar con este trebello (non son tan vello); pero sí que recordo ve-lo en repouso, oxidándose no palleiro (cecais á beira do carro, jeje).
Hoxe en día onde máis se ven é nas eiras, enriba dun bo manto de céspede, nalgunhas casas (algúns, debido a un toque de orixinalidade, medios enterrados), convivindo con outros apeiros de labranza, arbustos, flores e algunha estátua que outra. Hai quen o pon ata enriba do tellado a modo de catavento (o meu compañeiro de blog e os veciños de Areas saberán de que estou falando). En fin, niso da decoración, o importante é innovar; aínda que ás veces se roce na extravagancia máis absoluta.
Mergulleime un pouco na "rede de redes" (como din algúns charramangueiros e pedantes presentadores de informativos) e atopei algunhas curiosidades acerca de "este aparello de meter medo":
O arado evolucionou dende as "aixadas" ou "sachos" neolíticos. Un simple madeiro curvo coa punta endurecida ó lume, para poder fender a terra, e posiblemente arrastrado por seres humans, foi o antecedente.
A inserción dun madeiro longo, ou "timón", posibilitou xunguilo a un animal; polo que era obrigado dispor dun "xugo" ou unha "coleira" para éste. A "rella" foi o paso seguinte, pois permitía unha mellor profundización na terra, paso que non foi posible ata a "Idade dos Metais".
Arados simples son coñecidos en Mesopotamia e Exipto a través de documentación artística (pinturas, esculturas, etc). Tamén o empregaron os gregos e os celtas; ata chegar a un arado moi evolucionado xa, como foi o "arado romano" (debuxo da dereita). A gran innovación romana foi a introdución das "orelleiras" ou "vertedeiras", que permitían voltear a terra.
Nos albores da Revolución Industrial, en 1730, o inglés "Joseph Foljambe" innovou o arado mantendo o seu deseño básico, con ou sen rodas. O seu arado foi denominado "arado Rotherham" (polo seu lugar de residencia). Forrou o "dental" (a parte que se soterraba) completamente de ferro, aínda que o apeiro resultou máis lixeiro que os arados convencionais coñecidos. O arado Rotterham debeu ser o primeiro arado construído en factorías.
En 1837, o norteamericano "John Deere" creou o primeiro arado enteiramente feito de aceiro. Entretanto, efectuáranse tamén progresos en "Flandes" desde 1600, que culminaron, a inicios do século XIX, no arado "brabante", que se extendeu rapidamente por Francia e outros países europeos. Consistía nunha "charrúa" de ferro dotada dun par de vertedeiras móbiles, que viraban en sentido contrario, unha á esquerda e outra a dereita, alternativamente, o que permitía abrir mellor os regos ou surcos.
Ainda que os primeiros arados de ferro eran de fabricación industrial, mercados na tenda; non tardaron os artífices campesinos en facer vale-la súa personalidade creando modelos propios, sendo case tódalas pezas obra súa, descontadas a "rella" e a "roda" que mandan facer nas fundicións urbans.
Un arado corrente antigo e a súa nomenclatura:
1, rabiza. 2, timón. 3, chavella. 4, teeiro.
5, seita. 6, rostro. 7, amexelo. 8, abeacas. 9, rella.
Á dereita, variantes de rabizas e de chavellas.
Cando se iba a traballar con este tipo de arados, xunguíase o gando na casa, e o arado poñíase co "rostro" (ver debuxo) por riba do xugo, de xeito que a punta do "timón" ía esbarando polo chan.
Ó chegar á veiga, escomenzábase a arar. Diante iba, polo xeral, un rapaz coa aguillada tirando do gando; na "rabiza" ia un home, que conducía o arado e guiaba o gando berrándolle aquilo de: “¡Ei, vaca, ei...! ¡Ooo...! ¡Ei, vaca ó rego...!”
Se o rego torcía, cargábase na "rabiza" cara ó outro lado para endereita-lo.
Atrás do arador iba unha muller botando no rego, coa man, os grans de millo que levaba nunha carabela. A seguir, mulleres, nenos e homes ían "picando", é dicir, botando a terra ó rego.
Se queres saber máis acerca destes trebellos consulta esta páxina dentro do portal "Fillos de Galicia", ou tamén esta outra dentro da "Wielka Encyklopedia".
Nota: A ilustración do principio desta entrada fai referencia a unha "charrúa" con tiro de cabalerías. Gravado de Hans Holbein o Mozo, "Danza Macabra", ca. 1540
miércoles, 11 de junio de 2008
O arado de tiro
Etiquetas:
Cultura Galega
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario