lunes, 9 de junio de 2008

Pontes de paso 2 - A ponte da oca

As casas 6 e 12 do popular "xogo da oca" transládame á miña nenez, na época de cando aínda non existían as vídeo-consolas e pasaba algunha tarde que outra movendo a ficha neste taboleiro inventado polos templarios (segundo algunhas teorías) e proclamando a máxima de "De puente a puente porque me lleva la corriente".

Antes de ser aficcionado ás cartas, este xogo, familiar onde os haxa (xunto co parchís), servíame entre outras cousas para relaxarme un pouco e afianzar máis, se cabe, os vínculos familiares; logo de pasar o día entre libros e distintos xogos da rúa, como as canicas, o trompo, o pincho e o famosísimo Pimpón-Tenis estilo "Rancho". Desgraciadamente hoxe en día todos estes xogos xa desapareceron case por completo.

...En fin, foron outros tempos.

Posto que sae a colación, paréceme interesante apuntar algunhas cousas sobre este xogo tan antigo, que ata tivo unha versión televisiva.

Existe unha teoría que sostén que en tempos pasados este xogo era usado para adestrar, dunha forma lúdica, ós peregrinos que se dispuñan a realiza-lo Camiño de Santiago; e que o taboleiro representa o devandito camiño e as reglas do xogo as posibles contrariedades para as que o peregrino debía de estar preparado

A maioría dos taboleiros eran de cartón, como hoxe en día os coñecemos. Os primeiros eran pintados a man, e no século XVII en Inglaterra empezáronos a imprimir, co cal xurdiron moitos xogos similares; como quen di globalizouse.

Nestes cartóns vese unha espiral formada por 63 casas, nin máis nin menos. Non me preguntedes por que, ningún artigo que consultei o dí. Aínda que se te pos un pouquiño a pensar recordarás que o número 7 multiplicado por 9 dános 63, e cada casa co número 9 e os seus múltiplos ten a imaxe dunha oca.

As casas sempre tiñan e teñen fermosos debuxos, co tema elixido para que o taboleiro o represente. As temáticas e os personaxes que ten cada versión son diversos: viaxes, épocas e estacións do ano, temas de botánica con coleccións de follas ou flores, familias de animais, filatelia, fútbol, as Olimpíadas, escenas da historia, xoguetes, personaxes da literatura, o cine ou a televisión, etcétera.

A creatividade dos fabricantes foi inmensa. No século XVIII convertéronse en escenas da vida cotiá, moitos deles moralizantes e aproveitábanse para ofrecer exemplos de virtudes ou condutas propias da sociedade desa época.

Ata se ilustraban temas como o da Revolución Francesa, con curiosos taboleiros con intrigas políticas, enredos populares e románticos e ata a Primeira Guerra Mundial. Pódense representar contos e fábulas e reutilizar o xogo para seguir as aventuras de Don Quixote ou as viaxes de Xullo Verne, etcétera.

Nese sentido, a versatilidade do xogo é enorme. En Barcelona, durante o ano 2001, houbo unha exposición de taboleiros: existe un de 1790 que mostra as aventuras e desventuras da vida de Jorge III en Inglaterra.

No hay comentarios: