domingo, 22 de junio de 2008

Tradicións da noite de San Xoán

Tódolos 21 de Xunio acontece o que se chama "Solsticio de verán"; isto é, que a duración do día e a altitude do sol ó mediodía son máximas e como consecuencia chega a noite máis curta. Dito de outra maneira "Escomenza o verán", para ledicia de todos; xa se sabe: chega a paga extra, as vacacións, o tempo de praia, as festas, actividades ó aire libre, e outras moitas cousas que sólo se poden facer na época estival.

A chegada do verán coincide coa celebración de "San Xoán" (o 24 de Xunio), a festa do lume por excelencia. En contra da creencia popular, a noite do día 23 (que é cando se celebra realmente) non é a noita máis curta; xa que como comentei antes, isto acontece a noite do día 21. Pero non sempre foi así.

A causa deste desfase é que, como sabedes, un ano non són exactamente 365 días (de aí os anos bisiestos). Pois ben, este desaxuste fai que os solsticios (e os equinocios) sexan cada ano un pouquiño antes. De feito, cando en 1582 pasouse do calendario juliano ó gregoriano, o desfasamento era de 10 días. O cambio de calendario volveu axustar as datas e ata reduciu o erro que se produce ano tras ano, pero aínda así, máis de 400 anos despois, temos un desfasamento de 3 días.

Os detalles desta festa poden variar dun sítio a outro, pero a base é a mesma: "as fogueiras e o lume". Esta tradición ven de moi antigo: en algúns lugares de Galicia e dalgunha outra parte de España, na noite de San Xoán facíanse moitas fogueiras nas prazas e encrucilladas, coa crenza de que así se escorrentában os malos espíritos, que viñan das xuntanzas das bruxas onde se reunían e celebraban orxías co demo.

Segundo os supersticiosos, nesta noite, as meigas desprenden unha grande actividade e prodúcense, dende o anoitecer ata o canto do galo, aquelarres e febrís loitas entre luces e sombras, entre o ben e o mal. O lume ten un simbolismo purificador, é bo contra o mal de ollo, o meigallo e distintas enfermidades; tamén ten propiedades casamenteiras.

As fogueiras, que tamén se chaman lumes, lumeiradas, cachelas, cacharelas ... acéndense nas primeiras horas da noite, despois da cea. A xente xúntase arredor delas e pasan a noite cantando e bailando, comendo xardiñas e bebendo queimada (recitándo en alto o conxuro, por suposto). É tradición tamén saltar a fogueira; ten que ser varias veces, sempre un número impar e saltando dunha vez para un lado e outra vez para outro.



Nesta festa tamén cobra moita importancia a auga (incluido "o orballo" do amencer) e algúnhas herbas, que se consideran máxicas e que a tradición oral insiste que sirven para quitarnos o demo do corpo, alonxar as bruxas e cura-la envexa. Estas herbas e plantas aromáticas metidas en agua é o que se denomina nalgúns lugares "O Cacho". Para ven ser, a tradición di que a auga empregada deberá se-la emanada por sete fontes distintas.

Hai moitas clases de herbas que se empregan para isto, sendo as máis recoñecidas as seguintes: Tromentelo, folla de cana, choupo (ollo de prata), ruda, herba luisa, manzanilla, ortelán, mildrastes, fiunchos (anises), herba de san Xoán, espadaina, puenso, herba lemona, lirio, romeo, ourego, loureiro, allo, rosas, follas de nogueira con tres noces, fento rizado (peineta), herba do Carme, silveira, folla de figueira, folla de olmo, folla de laranxeira, malva-rosa, hortensia, folla de viña blanca e outras.

Seleccionadas as herbas, amárranse nun feixe ou mollo e colócanse nunha tina, caldeiro ou palangana cheas de auga. Déixanse fora pola noite, segundo crencias cristianas, para que San Xoán as bendiga; deberase colocar uns cardos ou silveiras enriba do "Cacho" para así evitar que o demo cague nel.

Ó erguerse pola mañá, sácase un pouco de auga verde e de bo cheiro. Lávase a cara, pés ou todo corpo, purificando a pel. A herba sécase durante varios días ó sol para ser empregada logo en múltiples remedios caseiros.

Por último dicir que en Areas é en moitas bisbarras do contorno existía a tradición de "roubar" (máis ben sustraer momentaneamente) portais, cancelas e carros, para colocalos no torreiro ou en calquera outro sitio céntrico, ata que a mañán seguinte os viñeran a recuperar. Agora xa non se fai (polo menos na parroquia), non deixaba de ser unha tradición un pouco peculiar, pero sólo os que foron partícipes dela saben o traballiño que da, e as escapadas que hai que facer pola noite para reunir unha boa cantidade de portales; sobra decir que ós donos dos mesmos non lle facía a mesma gracia que a xente que pasaba por diante da morea de cancelas e demáis na mañán seguinte. Si alguén se queixaba empregábase a sempre socorrida frase de: "Que lle queres, toda vida se levou isto".

Se queredes ter más información sobre as tradicións que existen en Galicia nesta data, podedes visita-la páxina: http://www.galespa.com.ar/festa_de_san_xoan.htm

2 comentarios:

Mer dijo...

pasou o día, pasou a romería... como é costume dicir

pero bueno, aínda nos queda que se cumpran os desexos pedidos tras saltar 3 veces a fogueira

unha aperta

paideleo dijo...

Graciñas pola visita e o comentario e non puiden evitar ligar este blogo que me parece mui interesante.
Un saúdo, case veciño.